Concello da Coruña

Concello da Coruña

Exposición: Viñetas 2014 Kiosco Alfonso

Exposición no Kiosco Alfonso dos autores Jano, Montse Martín, Oriol, Sento e Zidrou

Cando:

Dende o 04/08/2014 ata o 04/09/2014

Xa rematou

Enderezo:

Quiosco Alfonso. Jardines de Mendez Núñez 3, Bj. 15006 A Coruña

Alejandro Viñuela, Jano (A Coruña, 1979)

Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra, con especialidade en deseño gráfico e audiovisuais, Jano conta cunha ampla experiencia como autor e editor, así como cun brillante palmarés e un amplo recoñecemento.

Autor inquieto, a súa actividade comeza polas bases do cómic, nun momento onde Internet aínda estaba nos seus comezos e calquera autor que quixese mostrar o seu traballo tíñao que facer a través dos fanzines. Así, nesa época, Jano pon en marcha e colabora con diversas publicacións, como Baixochán, Monográfico ou Lixo, confirmándose como un dos autores máis galegos máis prolíficos.

Tras obter varios premios como artista amateur, publica o seu primeiro traballo profesional en 2005; “Nieve Negra” (La factoría de Ideas), aos que seguirían nese mesmo ano “Patricia” (Polaqia) e “Layka” (Cabezabajo).

No 2008 realiza as ilustracións de tres libros de texto en galego coa editorial Ir Indo: Os Contos, As Lendas e As Adiviñas.

O seu seguinte cómic-book chegará no 2009; “Centolomán” (Rei Zentolo), con guión de Rodrigo Cota. No 2010 e para a editorial Bang, publica “Ratoon”, obra distribuída en Francia e España. Un ano despois, a editorial Polaqia, da que foi cofundador e coa que publicara algúns dos seus primeiros traballos, publicou a obra “3x1”, coa que Polaqia, un colectivo que mostrara grande actividade ao longo da súa traxectoria, decidía poñer fin á súa existencia.

Os seus últimos traballos ata a data foron “Operario” (Demo Editorial, 2013) e a modo de serial “Nacho Camacho”, novamente con guión de Rodrigo Cota, no presente 2014.

Actualmente Jano traballa en varias novelas gráficas de corte social que verán a luz nun futuro inmediato.

Montse Martín (Madrid, 1975)

Autodefinida como “unha lectora voraz de cómics de todo tipo”, os seus inicios profesionais tiveron como escenario o estudio Tridente Animación, onde coincidiu con dous ilustres guionistas: Teresa Valero (“Brujeando”) e Juan Díaz Canales (“Blacksad”). Unha experiencia que resultaría clave no seu proceso formativo; non en balde, durante máis dunha década participou en producións como “El Cid”, “Nocturna” ou “Astérix y los vikingos”, gañando unha soltura e unha madurez artística posteriormente canalizadas en proxectos historietísticos.

O seu esperado debut produciuse no 2009, cando o guionista francés François Debois lle propuxo participar nunha sorte de reformulación da lenda de Carapuchiña Vermella, que finalmente evolucionou ata converterse en “Talismán . Publicada por Glénat, a serie contou con tres volumes durante os cales o equipo creativo deu forma a unha divertida e entrañable amálgama de referentes da literatura, a animación e as lendas orientadas a un público infantil e xuvenil. Unha estrea máis que prometedora, que ademais foi galardoada co Prix Espoir 2009 do Festival International da BD de Chambery e co Premio á Mellor Obra concedido en Oise, a partir de votacións do público infantil.

O bo facer demostrado tivo continuidade no seu novo proxecto para o mercado francobelga: “Curiosity Shop”, desenvolvido xunto a Teresa Valero, compañeira en Tridente Animación. Con tres álbums publicados ata a data, esta serie de aventuras retrotráenos a principios do pasado século para relatar as vivencias da adolescente Max Prado, embarcada nunha trama de contrabando e espionaxe coa Primeira Guerra Mundial como pano de fondo. Unha obra coa que Martín se alzou co Premio Expocómic 2011 á Autora Revelación, e que un ano máis tarde converteu a “Curiosity Shop” na gran triunfadora dos mesmos galardóns, ao gañar as categorías de Mellor Obra, Guionista e Debuxante Nacional.

Oriol Hernández (Terrassa; 1983)

Oriol Hernández soubo que quería ser debuxante dende que era pequeno. O seu pai influíu decisivamente nesa toma de decisión de maneira que xa dende mozo estivo rodeado por pinceis e cores. Afirma que ser debuxante é unha forma de mirar o mundo e facer cómics é a forma como proxectas no mundo o que queres que sexa.

A súa carreira artística comezou na Escola Joso de cómic, canteira de tantos outros debuxantes españois. Alí non só se formou na técnica, senón que tamén puido coñecer a algúns dos nomes que resoan forte no mundo da historieta e compartir con eles inquietudes e proxectos. En pouco tempo deu o salto profesional a través da animación, onde adquiriu soltura e ritmo á hora de debuxar.

Máis tarde, da man de Dargaud   tivo a súa primeira oportunidade de facer cómic. Desa conxuntura nace “La piel del Oso, un proxecto escrito polo laureado guionista Zidrou e que Oriol considera o lugar onde verdadeiramente aprendeu que significaba a súa profesión.

Para levalo a cabo inventou unha forma particular de debuxar: queréndolle dar á historia unha vertente máis artística. Decidiu que non ía prescindir da particular anatomía que concede o lapis e creou un sistema híbrido entre o manual e o dixital. Crea os esbozos a ordenador, imprímeos a baixa opacidade, debúxaos a lapis, proxéctalle as sombras e os brancos, e finalmente escanéaos para darlle cor. Afirma que a súa técnica cromática está sometida ás necesidades narrativas e a súa precisión á hora de formular a cor foi repetidamente destacada.

Actualmente está debuxando “Los tres frutos, unha historia medieval de terror tamén escrita por Zidrou que trata sobre o medo á morte. Este novo cómic promete traernos sorpresas, non só de lado da historia, se non tamén dunha concepción do debuxo, íntima e particular, que se basea no amor ás viñetas e a unha profesión que o acompañou dende sempre.

Vicent Llobell, Sento (Valencia, 1953)

Tras licenciarse, exerceu como profesor de anatomía na facultade de Belas Artes de Valencia entre 1979 e 1981, ano no que abandonou a docencia para dedicarse a debuxar cómics.

Etiquetado dentro do movemento da “liña clara” como un dos integrantes da chamada Nova Escola Valenciana dos anos 80, publicou títulos propios como "Romance", "El Laboratorio del Dr. Arnau", "Cazando millonarios" e "El cartero audaz”, "Velvet Nigths" con guión do escritor Ramón de España e a serie "Tirant lo Blanc" con guión do novelista Jaume Fuster.

A súa carreira comeza cun breve paso pola revista El Víbora, lugar onde o seu estilo non encaixaba do todo ben coa famosa “liña chunga”. De aí pasou a publicar a súa coñecida serie Barrachina na revista Bésame Mucho. Esta publicación permitiulle chegar a un público máis amplo abríndolle a porta doutras publicacións como Cairo, Madriz, TBO, Pequeño País ou El Jueves.

Pero o labor creativo de Sento non se limita ao mundo do cómic. Ten unha ampla carreira na ilustración publicitaria, traballou en animación non informatizada con La leyenda de la Meloseta e co tempo, a presenza das tres dimensións é cada vez mais frecuente na súa obra e mesmo deseñou fallas vangardistas. A publicación en El Jueves de caricaturas, en forma de recortable, marca outra opción estética na súa curiosidade polas tres dimensións.

No 2013, Sento gaña a VI edición do Premio Internacional Fnac-Sins entido de Novela Gráfica coa primeira entrega do seu proxecto “Un médico novato”. Unha historia que toca moi de preto ao autor posto que é a adaptación ao cómic das memorias de Pablo Uriel, o seu sogro, médico durante a Guerra Civil.

Na actualidade reside en Sagunto, segue debuxando cómics e volveu tomar contacto coa docencia impartindo cursos de posgrao na Facultade de Belas Artes de Valencia e cursos monográficos na Escola Superior de Arte e Tecnoloxía de Valencia.

Benoît Drousie, Zidrou (Anderlecht; Bruxelas 1962)

Un dos grandes guionistas do mercado franco-belga da actualidade e que traballo a traballo tamén se vai consagrando como un dos grandes guionistas de todos os tempos.

Gran profesional, a súa capacidade de sacrificio e a implicación persoal que pon en cada unha das súas obras e colaboradores gráficos fan que a produción deste guionista sexa simplemente espectacular.

A pesar dunha prematura vocación academica, Zidrou pronto acolle a senda do cómic como a única senda posible na súa vida profesional. Tras unha breve etapa traballando na revista Tremplin, enseguida consegue o seu primeiro traballo nun especial de nadal da mítica revista Spirou. Tras esta primeira colaboración farase cargo dos guións de gran parte das series da revista, formando co seu compañeiro Falzar unha especie de estudo de guións baixo o pseudonimo de Potaches . Dende 1993 esta parella creativa alimentará de historias a plana maior de debuxantes da casa.

Destas colaboracións nacen as primeiras series longas do autor, como é o caso de “Margot et Óscar Pluche”, de novo en colaboración con Falzar   no guión e cos debuxos de De Brab. Pouco despois inicia unha colaboración co debuxante Jean-Claude Fournier co que realizará a serie “Les Crannibales”, cun particular sentido do humor moi negro que non pasará desapercibido.

Froito dos seus primeiros anos como profesor Zidrou creará a serie “L'Élève Ducobu” con debuxos de Godi , serie coa que gañará o favor do público francés.

Tras moitos anos publicando sen pausa, non só cómics senón tamén contos infantís para diversas editoriais, nos últimos anos Zidrou compaxina o seu labor creativo máis infantil-xuvenil con outro tipo de historias de corte social e sen dúbida máis adultas.

Neste apartado podemos situar os seus traballos máis coñecidos polo público español, moitos deles realizados en colaboración con diversos debuxantes españois, como son Homs, Roger Ibáñez, Francis Porcel, Oriol Hernández ou Jordi Lafebre. Con estas obras Zidrou soubo tocar temas tan diversos e complexos como a soidade, a vellez, a guerra, a prostitución, cunha distinguida elegancia e sempre co obxectivo final de contar unha historia, algo para o que este excepcional guionista está especialmente dotado.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión