Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de decembro de 2016

O Concello asina un convenio coa Universidade para promover a cultura científica e tecnolóxica "e avanzar cara a idea dunha Cidade de Ciencia e Innovación"

Xulio Ferreiro destacou á UDC como “un elemento estratéxico para impulsar o modelo de municipio de coñecemento”. O Goberno local destinará, ao longo de tres anos, 60.000 euros para a Cátedra de divulgación Isabel Zendal

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou na mañá deste mércores no paraninfo da Universidade da Coruña un convenio co reitor UDC, Julio Abalde, que garante a colaboración do Concello co centro de estudios superiores á hora de promover o desenvolvemento cultural, científico e tecnolóxico na sociedade. "Hoxe damos un novo paso máis nun obxectivo claro, que é, a través da actividade municipal e dos Museos Científicos, avanzar na idea de A Coruña como Cidade de Ciencia e Innovación", expresou o primeiro edil, ao lembrar a distinción outorgada polo Goberno central e que o Concello renovou o pasado mes de xullo. Así, en virtude deste acordo, o Concello investirá, segundo se recolle no documento subscrito, un total de 60.000 euros para a realización, durante tres anos, dun conxunto de actividades para contribuír á mellora económica e social da cidade no marco dunha cátedra que instrumente e regule as relacións de mutua colaboración no ámbito académico, docente e investigador entre as dúas institucións. O rexedor sinalou que esta proposta "amplía cada vez máis" o marco de colaboración entre ambos organismos. "A Universidade é un elemento estratéxico dentro do noso modelo de cidade, que ten no coñecemento un dos seus vectores principais tanto para o desenvolvemento social como económico", afirmou Ferreiro.  

Así, a Cátedra de divulgación da UDC - Isabel Zendal promoverá a cultura científica e incidirá, en particular, no coñecemento non especializado dos principais desenvolvementos científicos e tecnolóxicos que se producen na actualidade, así como as implicacións sociais dos mesmos. Neste sentido, o novo programa investigará e realizará estudos orientados a analizar a extensión social da ciencia e, á hora de formar ao alumnado, apoiarase nunha institución municipal, como son os Museos Científicos Coruñeses.

Para acadar estes obxectivos, e tal e como consta no acordo, a través da cátedra realizaranse distintas actividades e proxectos, entre as cales se atopan aquelas propias de formación e divulgación, como conferencias, seminarios, obradoiros ou xornadas de divulgación científica, tecnolóxica e artística. Ambas institucións tamén potenciarán a posta en marcha de publicacións sobre temas de interese no ámbito da Cátedra, e a organización de exposicións e promocións de actividades culturais. O documento tamén recolle o compromiso, tanto do Concello como da Universidade, coa realización de actividades de transferencia e investigación, tales como o desenvolvemento de liñas de investigación conxunta, a cooperación para lograr proxectos de investigación no ámbito galego, español e europeo, ou a promoción de encontros e redes nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da Cátedra, entre outros aspectos.

Goberno local e UDC acordaron tamén esta mañá crear unha comisión mixta paritaria que será a encargada de realizar a planificación das actuacións, así como do seguimento da realización e avaliación do convenio. Este órgano estará conformado por unha representación municipal na que, entre outras persoas, estará presente o alcalde, o concelleiro de Culturas --ou as persoas nas que estos deleguen--, así como a responsable da xefatura de servizo de Museos Científicos. Por parte da Universidade figurarán os titulares das vicerreitorías con competencia en materia de investigación, así como de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, e un membro designado por este. A UDC tamén será a responsable do nomeamento da persoa encargada de dirixir a Cátedra.

 

 

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión