Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Cultura Coruña

Cando:

23 de xullo de 2018

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, salienta a aposta do Concello polo tecido creativo local no programa e destaca “a coincidencia dous festivais de referencia a nivel estatal”, como son Viñetas desde o Atlántico e o Noroeste Estrella Galicia

O goberno local presenta a programación das Festas de María Pita 2018, "que consolidan un modelo de celebración baseada na calidade, a transversalidade e a presenza feminina"

A música coruñesa Mercedes Peón lerá o pregón inaugural o 1 de agosto, e dará paso ao concerto de Gloria Gaynor, no marco do ciclo As noites de María Pita, no que tamén participarán Estrella Morente e Raphael

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá o cartel e a programación das festas de María Pita 2018, que levan por lema A cidade soñada e que se celebrarán entre o 1 e o 26 de agosto. O responsable municipal salientou a "tranversalidade, descentralización e presenza feminina" que define a proposta, "de alta calidade e variedade no seu rexistro artístico", e que "sublima a actividade cultural que vive a cidade ao longo de todo o ano". "A Coruña conta cunha axenda privilexiada, na que a cultura e o patrimonio son elementos fundamentais na proxección da cidade e que funcionan, ademais, como un motor vigoroso do atractivo turístico da mesma", afirmou o edil.

"Nestes últimos tres anos, o goberno local da Coruña apostou pola reformulación das festas, de cara a introducir liñas e criterios como a igualdade, o respecto ao medio ambiente ou a atención a outros espazos da cidade, ademais do apoio ao tecido creativo local, a procura da pluralidade na programación ou a racionalización do gasto. Este ano, os festexos de María Pita destacan pola súa calidade así como pola variedade do rexistro artístico, mostran a consolidación da multiplicación da actividade escénica infantil ou da reinvención da Romaría de Santa Margarida e aluden tamén a unha implicación da cidadanía dun xeito máis elocuente", explicou o concelleiro. Ao fío, Sande apuntou que, un ano máis, o goberno local aposta "pola idea de visibilizar esa Coruña Gráfica á hora da elaboración da cartelería das festas da cidade, tanto nesta cita coma no Entroido, Nadal, San Xoán". Así, se na pasada edición a coruñesa Xulia Pisón foi a responsable do cartel, nesta ocasión a obra é de Iria do Castelo, "cunha creación moi representativa do seu traballo na que destaca a ironía, a irreverencia e o surrealismo, e que se centra na cidade e na relación das súas e dos seus habitantes co mar", apuntou o concelleiro.

Programación

As festas de María Pita comezarán o 1 de agosto, co pregón inaugural que ofrecerá, ás 21.30 horas, a creadora coruñesa Mercedes Peón, "nunha decidida aposta do goberno local que dá conta do lugar que ocupan as artes e a cultura para a cidade, así como a presenza feminina", sinalou o edil, quen destacou como "fundamental" a participación de artistas e creadoras no conxunto da programación lúdico-festiva. De seguido, ás 22.30 horas, a cantante Gloria Gaynor será a responsable de abrir os concertos do ciclo As noites de María Pita que, en días sucesivos, ofrecerá actuacións da propia Mercedes Peón (xoves 2), Estrella Morente (venres 3), Raphael (sábado 4) e Cantajuegos (domingo 5). Esta última proposta adaptará o seu horario ao público que se dirixe, o infantil, polo que a actuación comezará ás 20.30 horas.

Tamén o día 1 comezará a Feira do Libro, que se celebrará entre os días 1 e 10 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez, "que se consolida como o epicentro das letras e da artesanía durante o mes de agosto", apuntou Sande, e incluirá actividades para o público infantil a través da programación O Xardín dos Libros, ademais de outras iniciativas promovidas polas propias librarías da cidade, dando así continuidade á liña de traballo de reformulación da proposta posta en marcha o ano pasado polo executivo municipal. Ademais, desde o 6 de agosto e até o 12 celebrarase a XXI edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, "un festival especializado dun núcleo creativo que se debe apoiar e que se atopa, ademais, nun momento de efervescencia, e que se reforza desde o Concello a través da idea do cartel de autor", apuntou José Manuel Sande e, de cara a terceira semana de agosto, a Feira do Libro Antigo tomará o relevo da programación neste mesmo espazo.

Na primeira semana de agosto comezará tamén outra das propostas musicais vinculadas tradicionalmente ás festas, como é o XXXIV Festival de Habaneras, que se celebrará do 2 ao 8 na praza da Tolerancia. Este mesmo espazo acollerá, a partires do día 7 e até o 15, o III Festival de Arraigo --que tamén se desenvolverá na praza Pablo Iglesias-- así como o XXXII Festival de Folclore Internacional Cidade da Coruña (8 ao 12) --que transcorrerá entre estes dous espazos--.

De cara á segunda semana de agosto, a música expandirase a través do Festival Noroeste Estrella Galicia, con concertos de máis de 80 bandas e artistas por outras 14 localizacións simbólicas da Coruña, "que abranguen desde unha antiga fortaleza do século XVI até centros de arte contemporánea, pasando por espazos históricos e singulares", salientou o edil. "O Noroeste, que se converteu nestes tres anos nunha cita referencial no calendario musical estatal, suma músicas cheas de versatilidade e matices con arquitecturas da cidade, o que axuda, unha vez máis, a proxectar a cidade a través da cultura", aseverou o edil, quen lembrou que este ano o festival ampliará a súa convocatoria para todos os públicos con dúas xornadas de actividade escénica e musical no Paseo das Pontes, no marco do Mercado da Colleita.  

Programación infantil

O concelleiro de Culturas destacou a aposta polas artes escénicas, como é a participación da compañía Teatro Noite Bohemia, que representará distintos espectáculos ao longo das festas no Castelo de San Antón e nos centros cívicos municipais. Ademais, o edil fixo fincapé na consolidación das iniciativas  dirixidas ao público infantil e que forman parte da programación de María Pita 2018. Así, terá lugar unha nova edición do ciclo itinerante Familirúa, que achegará actuacións a sete barrios diferentes da cidade, e o XVIII Festival Manicómicos, que se desenvolverá entre os días 15 e 19 de agosto. Como é habitual, esta cita celebrará unha gran gala final, que terá lugar no anfiteatro do parque de Santa Margarida o día 19, ás 19.00 horas.

No marco desta programación, o Concello desenvolverá, de novo, os obradoiros dirixidos a todos os públicos de carácter medio ambiental Coruña Viva, e que inclúen a creación de comedeiros para aves ou o coñecemento das semanas que se poden empregar nos hortos. Estes talleres desenvolveranse a partires do día 15 de agosto en distintos barrios da cidade.

Festas de barrio

A segunda quincena de agosto estará marcada polas festas dos barrios. Así, o día 14, no que terá lugar a tradicional Batalla Naval no paseo marítimo da enseada do Orzán, comezarán tamén as festas promovidas pola asociación veciñal de Oza, Gaiteira e Os Castros, que se desenvolverán até o día 15. Nesta mesma data comezarán os festexos do Castrillón e Urbanización Soto, tamén promovidos pola asociación de veciñas e veciños, e que se prolongarán até o día 17.

Xa de cara á semana seguinte, o mércores 22 celebraranse as festas de Eirís, impulsadas pola asociación veciñal Uxío Carré-Eirís, e os días 24 e 25 as de Novo Mesoiro, que este ano organizará o propio Concello da Coruña, "para que o barrio non quede sen celebración", tal e como apuntou Sande, e inclúen actuacións de bandas como Exit ou Obús. Finalmente, o día 25 terán lugar as festas promovidas pola asociación veciñal de Pedralonga.

Sinfónica de Galicia e Banda Municipal

A terceira semana das festas contará cun marcado carácter sinfónico, destacou Sande, xa que se sucederán as actuacións vinculadas ao Consorcio da Música na praza de María Pita. Deste xeito, o martes 14 acollerá un concerto do Coro Novo da Sinfónica de Galicia --20.30 horas--, mentres que o día 15, no mesmo escenario e horario, será a quenda da Aula de Jazz da Escola Municipal de Música. O día 16 actuará a Orquestra de Cámara Galega e o sábado 18 a Sinfónica de Galicia e o seu Coro. Ao día seguinte, tamén ás 20.30 horas, a Banda Municipal ofrecerá un concerto especial, acompañada da compañía Pista Castro. A agrupación coruñesa tamén actuará uns días antes, o 15, na praza das Bárbaras --19.00 horas--, e no parque de Santa Margarida o domingo 26, ás 12.00 horas.

Romaría de Santa Margarida

Por último, a Romaría de Santa Margarida pechará a celebración das Festas de María Pita. "De novo, serán dúas xornadas con compoñentes que se viron nestes últimos anos, de innovación e desa sorte de reinvención do grande encontro folk a nivel Galicia, ao tempo que engade novos escenarios e ofrece un importante compoñente pedagóxico", observou Sande, quen avanzou que nos vindeiros días presentarase o cartel do evento, deseñado tamén por Iria do Castelo, así como a programación completa das xornadas.  

Ademais de todas estas actividades, as Festas de María Pita 2018 tamén acollerán eventos deportivos, como o XXXIII Trofeo Teresa Herrera de Traíña ou a LXXVIII Travesía a Nado da enseada de San Amaro. De cara á difusión da programación dos festexos, o Concello porá á disposición da veciñanza máis de 80.000 folletos. O políptico xa se pode descargar da portada do portal web municipal www.coruna.gal

Documentos:

Programación das Festas de María Pita (1) (3 MB)

Programación das Festas de María Pita (2) (3 MB)

Calendario

Busca de eventos

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?