Concello da Coruña

Concello da Coruña

Programación Cinenterraza - CULT MOVIES 2026

Coordinador do ciclo: Javier Trigales

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 08/07/2026 ata o 30/07/2026

Horario:

22.30 h

Enderezo:

Cines Fórum Metropolitano. Rúa Río Monelos 1. 15006 A Coruña

Prezo:

Prezo: 3,00 €

Descontos:

Carné Xove + 65 anos ou persoas desempregadas: 2,00 €

** Para que se apliquen os descontos é imprescindible presentar o documento que o acredite no momento de mercar a entrada e no acceso ao lugar da proxección.

Requisitos:

CONDICIÓNS DE ACCESO E PERMANENCIA

ÁS PROXECCIÓNS

  • Puntualidade. Unha vez que comece a proxección non se permitirá acceder á sala nin se garante o acceso se se abandona a sala durante a proxección.
  • Ao acceder á sala de cinema poderase pedir o documento que acredite o beneficio dalgún dos descontos aplicables segundo a política de descontos.
  • Non se admiten cambios nin devolucións excepto en caso de suspensión.
  • Non se permite consumir alimentos ou bebidas na sala.
  • Non está permitido gravar ou fotografar as películas.
  • Apaguen os móbiles antes de que comece a proxección. O seu son e luz molestan o resto do público.
  • Reservado o dereito de admisión.
  • Por normativa de evacuación, todas as persoas que accedan ás salas de cinema teñen que contar con entrada, independentemente da idade ou de que ocupen ou non butaca.
  • Os cochiños e soportes de bebés deixaranse nos espazos habilitados para eles fóra da sala. O persoal do edificio daralles as indicacións necesarias.
  • Recomendamos consultar a sinopse e as idades recomendadas das películas.
  • Garde as súas localidades durante a proxección; poderán ser requiridas polo persoal responsable da sala.
  • A organización resérvase o dereito de recolocación da localidade por causas xustificadas e necesarias.

Organiza:

Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE)

Contacto:

forummetropolitano@coruna.gal

Este xullo cúmprense 12+1 anos de Cinenterraza versión "cult movies". Máis dunha década de selección de xoias cinéfilas en versión orixinal e de invitados de altura do ámbito da cultura. A fórmula non se esgota e o público renóvase. É un pracer ver como cada ano, xunto aos espectadores xa habituais, a media de idade baixa máis e máis. Isto confirma que, a pesar de plataformas e agoreiros, a experiencia de ver un filme arrodeado de estraños, non ten prezo. E máis aínda cando vai acompañada dun coloquio cunha figura relevante do cinema e doutras disciplinas. Este ano seica estamos diante dunha das edicións máis potentes, tanto en filmes a proxectar como en guest stars. Veñen curvas.

Despois da extraordinaria experiencia do ano pasado coa Jeanne d´Arc de Dreyer , volvemos inaugurar o ciclo co danés e co seu último filme, a abraiante GERTRUD. A intérprete todoterreo Bárbara Grandío será a convidada. A noite seguinte chegará SCUM, un filme feroz e relativamente descoñecido dirixido polo gran Alan Clarke, onde carga contra os terribles reformatorios da Inglaterra dos anos 70. Para falar dela teremos a Patricia Acinas, libreira e axitadora cultural. Tamén haberá espazo para un dos grandes: Hitchcock estará presente con NOTORIOUS, coa dupla invencible de Ingrid Bergman/Cary Grant. Para o coloquio teremos a alguén que coñece ben o oficio: o actor Denís Gómez. A sorpresa deste ano será SMOOTH TALK, abraiante filme dos oitenta, sepultado entre centos de títulos no videoclub, pero que é un dos coming of age máis poderosos do século pasado. A escritora Blanca Lacasa visitará a cidade para protagonizar o coloquio posterior. A cota de cinema de terror está representado por un clásico moderno: RE-ANIMATOR é, con probabilidade, a mellor e máis divertida adaptación de Lovecraft á gran pantalla. O realizador especializado no xénero David Salgado ilustraranos de mil e un detalles do filme. Tamén haberá espazo para o cinema asiático da man dun dos grandes: Kenji Mizoguchi, cuxa AKASEN CHITAI (A rúa da vergoña) será analizada polo fotógrafo e editor Mark Zlick. E proxectaremos por vez primeira un filme do gran John Carpenter: a mítica ASSAULT ON PRECINT 13, xoia do thriller que bebe do western e do terror e que comentaremos coa deseñadora de xoias Carla Souto. Finalizaremos cunha das películas máis fermosas da historia do cinema: a luminosa homenaxe ao Moulin Rouge por parte de Jean Renoir en FRENCH CANCAN. Para falar dela teremos a outra actriz de raza: Iolanda Muíños.

Oito filmes e oito convidadas que farán das noites de xullo no Fórum Metropolitano un dos lugares máis especiais da cidade.

JAVIER TRIGALES

PROGRAMA

8 xullo 2026

GERTRUD de Carl Theodor Dreyer

Con Nina Pens Rode, Bendt Rothe, Ebbe Rode

Dinamarca 1964

Duración: 116 min

Proxección en VOSE

Non recomendada menores de 13 anos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con Bárbara Grandío, actriz.

9 xullo 2026

SCUM (Escoura) de Alan Clarke

Con Ray Winstone, Mick Ford, Julian Firth

Reino Unido 1979

Duración: 92 min

Proxección en VOSE

Non recomendada menores de 18 anos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con Patricia Acinas, cofundadora de Restory Books e axitadora cultural.

15 xullo 2026

NOTORIOUS (Encadeados) de Alfred Hitchcock

Con Gary Grant, Ingrid Bergman, Claude Rains

Estados Unidos 1946

Duración: 101 min

Proxección en VOSE

Non recomendada menores de 7 anos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con Denís Gómez, actor.

16 xullo 2026

SMOOTH TALK (Palabras suaves) de Joyce Chopra

Con Laura Dern, Treat Williams, Mary Kal Place

Estados Unidos 1985

Duración: 92 min

Proxección en VOSE

Non recomendada menores de 13 anos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con Blanca Lacasa, escritora.

22 xullo 2026

RE-ANIMATOR de Stuart Gordon

Con Jeffrey Combs, Bruce Abbolt

Estados Unidos 1985

Duración: 86 min

Proxección en VOSE

Non recomendada menores de 18 anos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con David Salgado, realizador e crítico.

23 xullo 2026

AKASEN CHITAI (A rúa da vergoña) de Kenji Mizoguchi

Con Machiko Kyö, Aiko Mimasu

Xapón 1956

Duración: 85 min

Proxección en VOSE

Non recomendada menores de 12 anos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con Mark Zlick, fotógrafo.

29 xullo 2026

ASSAULT ON PRECINCT 13 (Asalto á comisaría do distrito 13) de John Carpenter

Con Austin Stoker, Darwin Jostonae

Estados Unidos 1976

Duración: 90 min

Proxección en VOSE

Non recomendada menores de 18 anos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con Carla Souto, deseñadora de xoias.

30 xullo 2026

FRENCH CAN CAN de Jean Renoir

Con Jean Gabin, María Félix

Francia 1955

Duración: 102 min

Proxección en VOSE

Todos os públicos

*Ao finalizar a proxección haberá charla-coloquio con Iolanda Muíños, actriz.

VENDA DE ENTRADAS:

- Pza. de Ourense, de luns a venres (excepto festivos) de 11.00 h a 15.00 h e de 16.30 h a 19.30 h

- Despacho de billetes do Fórum Metropolitano: día de proxección desde media hora antes, a condición de que queden entradas dispoñibles.

- Venda en liña: www.ataquilla.com

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión