31 de julio de 2026
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do contrato, despois de que o Executivo local rescatase a concesión ante os incumprimentos reiterados do anterior adxudicatario con respecto ás súas obrigas
O Concello deulle luz verde á saída a concurso da explotación do aparcadoiro subterráneo do mercado municipal de Monte Alto, unha medida aprobada hoxe pola Xunta de Goberno Local e que lle permite ao Executivo local avanzar na actualización das concesións municipais.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da inminente licitación do contrato, que contempla o outorgamento da concesión demanial do aparcadoiro por un prazo de 50 anos -sen posibilidade de prórroga- e coa obrigatoriedade de que a concesionaria execute melloras no conxunto da instalación, por valor dun millón de euros.
Coa inclusión desta cláusula no contrato, o Concello busca propiciar a modernizar o aparcadoiro, adaptándoo ás necesidades actuais das persoas usuarias, actuando sobre as infraestruturas existentes nos dous sotos para gañar en accesibilidade e confort. Entre as intervencións previstas destaca a adecuación do pavimento e as melloras formuladas nos sistemas de seguridade, ventilación, instalación eléctrica e protección contra incendios.
A previsión dos servizos municipais é que, tras as obras de mellora no aparcadoiro, a instalación dispoña de 154 prazas para o estacionamento de vehículos. Esta cifra inclúe prazas PMR, para vehículos eléctricos e tamén motocicletas.
O novo contrato, froito do primeiro plan para ordenar as concesións municipais
Hai algo máis dun ano, o Goberno de Inés Rey aprobou a primeira instrución específica para ordenar as concesións municipais, unha medida impulsada co obxectivo de facer visible, a ollos da cidadanía, o patrimonio do Concello, coa transparencia como premisa.
A posta en marcha desta instrución, a primeira deste tipo na historia democrática da cidade, está a facilitar a maximización dos ingresos municipais -sobre todo coas concesións máis antigas-, e a garantir os cobros de cada entidade adxudicataria dun ben municipal.
No caso do aparcadoiro do mercado municipal de Monte Alto, o Concello aprobou tempo atrás a extinción da anterior concesión, que foi acumulando irregularidades graves -como non ter pagado nunca o canon nin os impostos correspondentes- sen que os sucesivos gobernos que pasaron por María Pita puxesen solución, ata agora.
Un novo avance tras a rehabilitación do mercado municipal de Monte Alto
A saída a concurso do contrato para explotar o aparcadoiro do mercado municipal de Monte Alto supón un novo paso adiante para que o conxunto do edificio esté a pleno rendemento.
O mercado, rehabilitado polo Concello cun investimento superior aos dez millóns de euros, reabriu as súas portas no pasado Nadal, tras completarse a remodelación e modernización dos seus espazos interiores, así como das rúas que arrodean o propio mercado.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible