4 de maio de 2013
A miúdo, tras a implantación dunha medida de aforro enerxético, é difícil avaliar os seus resultados. Non obstante, cunha adecuada planificación e investimentos pouco custosos, pódese chegar a coñecer con detalle o retorno (económico, enerxético e ambiental) dos proxectos de aforro enerxético implantados.
O Concello da Coruña deu un primeiro paso neste sentido, coa posta en marcha da Plataforma para a Xestión Centralizada da Enerxía, recentemente galardoada nos IV Premios ás Boas Prácticas Locais polo Clima. Este sistema posibilita o control en tempo real dos consumos municipais e a aplicación de políticas de xestión sostible da enerxía, mediante a implantación da norma ISO 50001 de Sistemas de Xestión Enerxética.
A cuestión fundamental é medir. A máxima “Non se pode xestionar o que non se mide” maniféstase claramente á hora de abordar un proxecto de aforro enerxético. A medida pode ser sinxela ou exhaustiva, pero haina que medir para ter un coñecemento de como se comporta o noso sistema (vivenda, comercio, edificio ou proceso produtivo) dende o punto de vista enerxético. Os modelos máis elementais tan só inclúen a medición dun parámetro, pero poden acadar unha gran complexidade, controlando variables puramente enerxéticas (consumo de electricidade e combustibles); variables ambientais (temperatura, humidade e insolación) e de uso (horarios e ocupación).
Unha vez obtidos os datos, é necesario interpretalos para valorar se efectivamente unha medida de aforro enerxético conseguiu alcanzar o obxectivo previsto. Para iso determinarase unha metodoloxía de cálculo que inclúa todos os factores con influencia no consumo enerxético, configurando un modelo enerxético do sistema. Unha vez máis, esta metodoloxía pode ser tan sinxela ou tan exhaustiva como se queira, ou se poida.
Finalmente poderase dar unha resposta obxectiva á pregunta: Canto se aforrou con esta medida de aforro? A dita resposta estará ligada aos datos dispoñibles e á metodoloxía de cálculo empregada, o que dará lugar á súa precisión. Cuantos máis datos se tomen e máis completa sexa a metodoloxía de cálculo máis preciso será o resultado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible