16 de maio de 2025
Rico asinou hoxe en María Pita a súa toma de posesión. O novo xefe dos axentes do 092 substitúe José Antonio Brandariz, recentemente xubilado
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu hoxe o novo xefe accidental da Policía Local da Coruña, José Manuel Rico Rodríguez, que tomou posesión do seu cargo nun acto celebrado no Salón de Alcaldía do Palacio Municipal de María Pita.
Esta mañá, a rexedora puxo en valor a experiencia e percorrido de Rico (Oza dos Ríos, 1967) no Corpo, ao que se incorporou no ano 1990; promocionou posteriormente a oficial (2001), inspector (2011), inspector principal (2015) e, xa finalmente, a intendente no ano 2022. Agora, tras a xubilación de José Antonio Brandariz á fronte da Policía Local -en abril deste ano-, Rico será o máximo responsable das forzas locais de seguridade.
Inés Rey subliñou o "amplo coñecemento de Rico sobre a cidade da Coruña e a súa evolución ao longo destes anos". Cómpre lembrar que, entre decembro de 2015 e o pasado mes de xaneiro, Rico foi o mando responsable da unidade de Tráfico da Policía Local e coordinou múltiples dispositivos de mobilidade en todo este tempo.
Froito do seu traballo, Rico recibiu diversas condecoracións e recoñecementos no eido da Policía Local e a seguridade viaria, así como a Medalla ao Mérito Policial da Policía Nacional e a Medalla ao Mérito da Garda Civil.
A alcaldesa amosoulle o seu apoio a Rico nesta nova etapa e subliñou a importancia que ten a presenza do Corpo a pé de rúa "en cuestións como a prevención e a disuasión fronte a posibles feitos delituosos, tamén en materia de concienciación, como estamos a ver estes días coas campañas de seguridade viaria a para persoas usuarias de bicicletas e VMP".
Ao acto tamén asistiron a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, e o director de área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible