17 de outubro de 2025
A cidade recibe por segunda vez este recoñecemento, que destaca o modelo de mobilidade sostible e recuperación do espazo público aplicado no centro urbano
O Concello da Coruña participou hoxe no acto de entrega dos Premios Cidades que Camiñan 2025, onde a cidade foi recoñecida na categoría de urbe de máis de 100.000 habitantes pola transformación do barrio da Pescadería, un proceso de reurbanización integral que reflicte o compromiso municipal cun modelo urbano máis humano, accesible e sostible.
O galardón entregouse no Palacio de Congresos de La Línea de la Concepción (Cádiz), no marco do XII Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que se celebra entre os días 16 e 18 de outubro baixo o lema "Camiñando a fronteira". Durante a sesión, os municipios premiados presentaron os seus proxectos como exemplos de boas prácticas urbanas.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, recolleu o premio en representación do Concello e destacou a importancia de continuar avanzando nun modelo de cidade centrado nas persoas, coa recuperación do espazo público como eixo prioritario da acción municipal. "Creemos firmemente que as cidades deben ser cómodas, seguras e sostibles. Unha rúa na que se pode camiñar con tranquilidade é unha rúa que mellora a vida", sinalou, recordando que as políticas de humanización impulsadas por Inés Rey desde o 2019 están a dar os seus froitos cunha ampla aceptación veciñal por ter servido para gañar en calidade de vida nos barrios.
A candidatura coruñesa, titulada "Pescadería, un barrio que se transforma para as persoas", puxo o foco nas intervencións levadas a cabo nas rúas Compostela, San Andrés e os Cantóns, tres espazos emblemáticos do centro urbano que foron obxecto de actuacións orientadas á recuperación do espazo público, a mellora da accesibilidade e a reorganización da mobilidade.
Este é o segundo ano en que A Coruña recibe este recoñecemento, despois do premio outorgado en 2022 pola creación da Rolda Peonil, consolidando así o traballo desenvolvido polo Goberno local na transformación da cidade desde unha perspectiva sostible e centrada na calidade de vida da veciñanza.
Ademais do acto de entrega, a delegación do Concello participou nas sesións técnicas e nas actividades do congreso, que incluíron obradoiros, conferencias, visitas urbanas e espazos de intercambio entre municipios de toda España que forman parte da rede.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible