Concello da Coruña

Concello da Coruña

Curiosidades da Torre

A Torre de Hércules é o único faro romano do mundo que dende as súas orixes ata a actualidade continúa en funcionamento.

É o único faro romano asociado ao nome dun arquitecto-enxeñeiro, Gayo Sevio Lupo, que deixou o seu nome gravado nunha inscrición conmemorativa dedicada ao deus Marte Augusto, aos pés da súa construción. Crese que foi o encargado da súa realización.

O edificio orixinal alcanzaba unha altura aproximada de 37,2 metros, polo que se pode afirmar que a Torre de Hércules é un dos edificios conservados de época romana máis altos, só comparable con algunhas obras como a Columna Trajana.

En 1858, a raíña Isabel II, acompañada dos seus fillos, tiña previsto visitar A Coruña. Para a ocasión, segundo Tettamancy, procedeuse ao "embelecemento" do interior do edificio que consistiu en recubrir o aparello das paredes interiores con grandes lenzos de papel estampado e teas, dispoñendo mesmo tabiques de barrotes na planta baixa e falsos teitos para ocultar as bóvedas. Con todo, ao parecer, a visita da raíña nunca se produciu.

A restauración de Giannini foi considerada unha das grandes realizacións da enxeñería española da época, por iso o Goberno decidiu presentar unha maqueta do faro á Exposición Universal de París de 1867 e de Viena de 1873.

Cifras

Esta singular construción é de planta cuadrangular de aproximadamente 11,75 m de lado e presenta unha altura total de 55 m, dos cales 34,38 m corresponden á construción romana e 21 m á restauración realizada en 1789 para modernizar o sistema de sinalización marítima. Na actualidade a Torre levántase sobre unha ampla plataforma poligonal de 32,40 m de ancho, que lle serve de base e que foi construída a principios do século XIX.

Polo que respecta á altura, a Torre conserva da fábrica romana 37,58 m, dos cales 34,38 m quedaron ocultos baixo o forro neoclásico e os 3,20 m restantes atópanse baixo a plataforma que se levantou a principios do século XIX e son facilmente visibles desde a zona de escavación. A esta estrutura habería que engadir o corpo de remate onde se atopaba a rotonda romana que, segundo a documentación do século XVIII, tiña 8 varas (ca. 6,40 m) de diámetro e 5 varas (4 m) de altura, o cal daría unha altura orixinal da Torre que roldaría os 41,58 m. Con estas dimensións, o faro sería un dos edificios romanos máis altos conservados, superado polo Pont du Gard (Francia) de 49 m e a Columna Trajana (Roma, Italia) de 38 m de altura, pero por diante da Columna Aureliana (Roma, Italia) de 30 m, do acueducto de Segovia (España) de 28,5 m e do acueducto de Les Ferreres (Tarragona, España) de 27 m.

A Torre de Hércules ten na actualidade unha altura de 55 m, dos cales 34 m corresponden á construción romana e 21 á reforma dirixida en 1789 polo arquitecto militar Eustaquio Giannini, co fin de dotar o vello faro dunha nova lanterna, á que en 1806 se lle engadiu o fanal. Estas medidas fan da Torre o único faro romano que conserva en pé unha parte importante da súa estrutura, aínda que oculta baixo un forro neoclásico.

A Torre organízase en tres niveis ou plantas de diferentes alturas cada unha delas: de 9,20 m, 9,60 m e 14,35 m, respectivamente. Cada piso presenta unha distribución similar, con catro cámaras cuadrangulares e independentes de 2,70 m de lado que se inscriben na planta. Todos estes espazos cubríanse con bóvedas de canón, pero tres foron desmontadas ao construír a escaleira interior.

Os muros divisorios teñen un grosor de 1,5 m, que é a mesma anchura que tiñan orixinariamente as paredes perimetrais do núcleo da fábrica romana. Hoxe, ese grosor é maior porque ao forrarse exteriormente a construción primitiva cunha especie de camisa que a recobre, entre 1788 e 1790, a estrutura romana quedou revestida e unida a ese forro. O resultado final foi que os muros pasaron dunha anchura de 1,50 m aos 2,10 ou 2,15 m que teñen na actualidade.

Coordenadas xeográficas

Lat. 43º 23' 13,3923" latitude norte.

Long. 8º 24' 17,9519" lonxitude oeste.

A altura topográfica da base da Torre é de 57 m sobre o nivel do mar.

As coordenadas U.T.M. son:

X = 548.200

Y = 4.804.060

Zona = 29

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión