Concello da Coruña

Concello da Coruña

Da mitoloxía ás lendas

Alfonso X, Xeral estoria. BNE

A Torre de Hércules conta cun rico patrimonio inmaterial baseado en lendas ligadas á súa fundación e á súa historia. Estas non sempre se valoraron nin analizaron como produtos derivados das sociedades que as crearon e, con todo, tiveron unha relevancia extraordinaria para a historiografía.

Hércules

De todas as lendas que coñecemos sobre a Torre, esta é a que tivo unha maior influencia, de feito, hoxe todos coñecemos a este lendario faro como Torre de Hércules, aínda que nas súas orixes este monumento non tivo ningunha relación con este personaxe clásico.

O responsable desta tradición foi o Rei Alfonso X o Sabio (1252-1284) quen na súa Estoria de Espanna conta como o heroe Hércules construíu un enorme faro para conmemorar a súa vitoria sobre o xigante Gerión.

Segundo a lenda, o lendario heroe grego veu na procura do xigante Xerión que reinaba sobre as terras comprendidas entre o Douro e o Texo, co fin de liberar o pobo do seu poder desmedido. O enfrontamento entre ambos os dous durou tres días coas súas correspondentes noites, ao cabo das que Hércules venceu ao xigante, cortou a súa cabeza e a soterrou xunto ao mar. Para conmemorar a súa vitoria construíu sobre o enterramento unha torre-faro e nas súas proximidades fundou unha cidade á que lle deu o nome de Crunia, como recordo da primeira muller que habitou este lugar e da cal o heroe namorou.

Tras a marcha de Hércules, Espán, o seu sobriño, foi nomeado señor das terras de España e poboou vilas e cidades. Acabou de construír a Torre do Faro que comezara o seu tío e como era un home sabio dotouna dun candil cun lume que nunca se apagaba, ademais fixo un gran espello polo que se vían vir as naves inimigas desde unha gran distancia.

O relato de Alfonso X o Sabio influíu en obras posteriores como a Crónica Abreviada de Don Juan Manuel ou a Crónica Xeral de Espanha de 1344, nas que se foi completando o mito. O Licenciado Molina introduce esta lenda na Descrición do Reino de Galicia (1550), o mesmo que Florián Ocampo na Crónica Xeral (1544), na que tenta separar a historia da lenda.

Lenda de Breogán

Fragmento do Libro das Invasións (Lebor Gabála Érenn), onde aparece a mención ao faro de Brigantia

O Leabhar Ghabala ou Libro das Invasións, unha recompilación de antigas lendas irlandesas realizada no século XII recolle a lenda de Breogán vencellada coa Torre de Hércules. Segundo esta fonte, Breogán, fillo de Brath, foi o caudillo celta que someteu as tribos de España. Tras conquistar todo o territorio, fundou a cidade de Brigantia (A Coruña) e construíu xunto a ela unha torre, que chamou Torre de Breogán. Á súa morte, sucedeuno o seu fillo Ith, quen, ao ver desde o alto da Torre as terras de Irlanda, partiu para conquistalas. Con todo, a empresa fracasou, Ith morreu e o seu corpo foi devolto a Brigantia e soterrado. O testemuño foi recollido polo seu fillo Mil, quen intentou de novo a conquista de Irlanda, esta vez con éxito, e conseguiu vencer os Tuatha-Dé-Dannan e dominar todo o país.

A difusión desta lenda foi impulsada no século XVII polos Colexios Irlandeses asentados en España, e en concreto o de Santiago de Compostela, que tivo un papel relevante pola súa proximidade á cidade herculina. Pasado un tempo, o relato quedou no esquecemento, polo menos en Galicia, ata que no século XIX o recuperou a corrente celtista encabezada por escritores como Manuel Murguía e Eduardo Pondal. Pola contra, en Irlanda o mito mantívose vivo.

A lenda do espello

Conta o Rei Alfonso X o Sabio na súa Crónica Xeral que cando Hércules venceu a Xerión, deulle morte e enterrou o seu corpo e construíu unha torre sobre a súa tumba. O seu sobriño o Rei Hispán fixo colocar no alto da Torre un candil e un grande espello que permitía controlar todo o mar de maneira que ningún navío podía percorrer a costa sen avistarse desde o faro.

Segundo a tradición, este magnífico espello foi destruído polos xudeus que, escapando de Nabucodonosor, chegaron en barco ás costas coruñesas e, ao decatarse da existencia deste espello que podería descubrilos, decidiron destruílo. Para iso ocultaron os barcos baixo un manto de follas e de pólas das árbores e, camuflados baixo a vexetación, levaron as súas naves ata os pés da torre e, unha vez alí, romperon o espello.

A lenda do espello chegou ata nós a través de distintas vías. Algúns autores vinculan este mito ao de Hércules e outros ao de Breogán. Estes últimos defenden que, nos días claros, grazas ao espello, era posible ver con detalle as costas de Irlanda e avisar con moita antelación da chegada de navíos inimigos.

Lenda de Trezenzonio

Lenda de Trezenzonio (ilustración de Miguel Robledo para "Galicia non mundo"- Cidade da Cultura)

O relato do monxe Trezenzonio, do século XI, combina a lenda de Breogán coa de Hércules nunha data anterior á redacción da Estoria de Espanna de Alfonso X o Sabio. Segundo a narración, cando este personaxe chega á rexión, atópase cunhas terras deshabitadas, baleiras tras a invasión árabe. No seu camiño pola costa descobre unha alta construción, o Farum Brecantium, ao que se achega e sobe.

Cando chega arriba, atópase cun espello no que por tres veces ve unha afastada illa, á que lle entran desexos de viaxar. Chegado a ela, cae nun estado de felicidade case mística, que se prolonga durante sete anos, tempo durante o cal é alimentado por medios sobrenaturais. Pasado ese tempo, un anxo ordénalle emprender o regreso, pero el négase e como consecuencia sofre o castigo de quedar cego e de ter o seu corpo cuberto de chagas. Ante esta situación, implora o perdón divino e regresa nunha barca a Galicia, mais ao arribar moi preto de onde embarcara dáse conta de que as circunstancias cambiaron e que o Farum Brecantium está a medio destruír e a cidade, repoboada.

Este interesante relato ten certos paralelismos co relato do Leabhar Ghabala.  Empolícase tamén Ith ao alto da Torre e desde ela ve unha illa que decide conquistar, que é Irlanda. Mais eses mesmos paralelismos pódense establecer coa lenda de Hércules, cando fai referencia ao espello que se atopaba na cima da Torre do que tamén nos fala a Estoria de Espanna.

Hai, por tanto, á altura do século XI, dúas lendas sobre a Torre: unha que vincula a súa fundación con Breogán e outra con Hércules, que aparecen asimiladas no relato de Trezenzonio.

A lenda da resistencia dos soldados ante o acoso de Francis Drake

Tettamancy, na súa obra La Torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico arqueológico, relata como entre o 5 e o 6 de maio de 1589 o pirata inglés Francis Drake asediou a cidade e tomou a Pescaría, mais un grupo de soldados refuxiouse na Torre e fíxose forte, aínda que sufriu un durísimo asedio.

O sitio durou nove longos días nos que se acabaron os víveres e a auga. Aos poucos a fame e a fatiga foron vencendo o ánimo dos soldados, pero houbo un que aguantou ata o final, sen máis alimento que os ovos dalgunhas aves que aniñaban no vello faro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión