Concello da Coruña

Concello da Coruña

Dous mil anos de luz

A Torre de Hércules é o único faro romano que desde as súas orixes ata a actualidade cumpriu coa súa función inicial, a de servir de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións que atravesaban e atravesan o corredor atlántico. Construiuse  probablemente na segunda metade do século I polo Imperio romano, no finis terrae do mundo coñecido, para acompañar aos barcos que bordeaban o extremo máis occidental do Imperio, mais fundamentalmente para sinalar a entrada do porto ártabro.

Sosteñen algúns investigadores que os romanos construíron a Torre nuns terreos que formaban parte dun espazo de culto ou santuario indíxena. No mundo prerromano era frecuente a consagración de promontorios costeiros a divindades asimilables a Hércules. Ademais, no caso coruñés dáse a coincidencia de que as tres rochas que se sitúan no mar, fronte a Punta Eiras, coñécense como Boi, Vaca e Becerro, os mesmos topónimos que se repiten no santuario de Kenmare, na costa SO de Irlanda, onde as tradicións sitúan a illa de Donn ou dos Mortos. Por tanto, nos terreos que arrodean a Torre habería en época prerromana un santuario vencellado ás crenzas do Alén que corroboraría o carácter sacro de toda a zona.

Cando se construíu a Torre, esta quedaba afastada da cidade romana de Brigantium que deu orixe á Coruña, pero co paso do tempo a distancia foise reducindo ata desaparecer e na actualidade a Torre está integrada na propia cidade, mais dentro dun gran parque urbano que ocupa 50 ha. de terreo libre de edificacións, definido como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Idade Antiga

Desde o século II a. de C., en Hispania, obsérvase unha crecente intensificación das relacións comerciais co noroeste peninsular. A expedición de Décimo Xunio Bruto que penetrou na rexión galaica polo sur, a través de Portugal, é unha proba irrefutable deste intercambio en datas moi temperás. No ano 61 a. de C., segundo Dión Casio, foi o propio Xulio César, que estaba en Cádiz, quen dirixiu a expedición que chegou por mar a Brigantium, (actual A Coruña) co obxectivo de establecer contactos comerciais, que puideron materializarse na fundación dun pequeno establecemento colonial de importancia estratéxica nos límites do Imperio.

Brigantium converteuse nun porto importante da retagarda durante as Guerras Cántabras (29-19 a. de C.), cun papel relevante na distribución de homes e materiais para a contenda. Posteriormente, durante a paz de Augusto, produciuse un incremento significativo das relacións comerciais que se plasmou no desenvolvemento da estrutura viaria e no incremento do tráfico marítimo, que favoreceron un proceso de profunda romanización. Neste contexto, o noroeste peninsular converteuse nun territorio fundamental na conquista de Britania e o porto de Brigantium nun dos principais puntos de arribada da vía XX, máis coñecida como per loca marítima auténtica, na que se refuxiaron as armadas romanas no seu camiño á conquista de Britania. Este interese militar xustificaría a construción dun faro de grandes proporcións na entrada do Golfo Ártabro porque desde Xibraltar ata Fisterra os navíos navegaban paralelos á costa, a unhas poucas millas do litoral, seguindo a vía per loca marítima, pero unha vez chegados a Brigantium debían orientar as proas dos seus barcos cara a canle da Mancha e os territorios do norte, penetrando nun mar aberto e moi batido no que perdían o referente da costa ata chegar á Bretaña francesa.

No século V de nosa era, aínda o faro tiña unha importancia moi destacada. O cronista Paulo Orosio, discípulo de Santo Agostiño, sinalaba na súa obra, Cosmografía, que "o segundo ángulo de Hispania está orientado ao norte, onde a cidade galaica de Brigantia eleva para observación [do mar] de Britania o seu altísimo faro e digno de mención entre moi poucas cousas".

Os faros da antigüidade

En todas as civilizacións da antigüidade tanto no ámbito mediterráneo -os exipcios, fenicios, gregos ou romanos-, como no ámbito oriental - a China das dinastías Shang e Zhou- ou no ámbito americano, -aztecas, maias e incas- desenvolveron diferentes sistemas de sinalización marítima máis ou menos complicados pero que non chegaron ata nós ou que o fixeron condenados a simples testemuños arqueolóxicos.

Faro de Portus (Ostia, Italia)

Recreación Faro de Ostia (Universidade de Southampton)

O faro de Ostia era o que sinalaba a entrada do principal porto do imperio, o gran centro de tráfico marítimo que abastecía a propia cidade de Roma. Estaba localizado moi preto da capital, nas proximidades da desembocadura do río Tíber, na zona de Ostia.

Alí atopábase o Fiumicino, a canle que dá nome ao lugar e que no pasado serviu para conectar o Portus Traiani co río Tíber, polo que as gabarras tiradas por bois levaban a mercadoría, -trigo de Sicilia, aceite da Bética ou xigantescas columnas de mármore de Exipto- ata a capital do Imperio-. Chama a atención que a pista principal do aeroporto Leonardo da Vinci remata onde se alzaba o faro construído por Claudio, seguindo o modelo do de Alexandría.

Faro de Centumcellae (Civitavechia, Italia)

Recreación de Civitavechia e Faro de Cetumcellae

Coa expansión do imperio no século I d. C. o porto de Ostia resultou insuficiente para dar capacidade ao intenso tráfico marítimo xerado entre Roma e as provincias. Para derivar o exceso de tráfico xurdiu o porto de Centumcellae co seu faro, construído nunha illa artificial que erixida para protexer os peiraos do ataque das ondas. 

Este proxecto construtivo foi unha iniciativa do emperador Traxano quen, entre o 103 e o 113 d. C. impulsou as obras deste complexo portuario.

Faro de Mesina (Italia)

Faro de Mesina

O faro de Messina localizábase ao nordeste de Sicilia, sobre o cabo de Pelorus, e era o que controlaba o tráfico marítimo entre a illa e a península Itálica. En dúas moedas do ano 35 d.C. aparece como unha torre cilíndrica rematada en cúpula e sobre a que se situaba a estatua de Neptuno cun tridente. Estrabón cítao en relación coas columnas de Hércules e di del:

"... era un antigo costume marcar os límites mediante monumentos semellantes; exemplo diso é a pequena torre que os habitantes de Regium elevaron con forma de columna, sobre o estreito de Sicilia, a semellanza do de Pelorus, que está no outro lado."

Faro de Gades

As crónicas sinalan que foi Hércules o construtor do antigo faro, partindo dun templo de planta cuadrangular de 100 cóbados de altura (89,22 m.).

Segundo as fontes conservadas, este faro estaba coroado por unha estatua de grandes proporcións e foi destruído en 1146 polos exércitos árabes de Ibn Isa Maymum. Non se conservan testemuños gráficos.

Faro de Chipiona, antigo Turris Caepionis

No s. II a. C. construíuse a Turris Caepionis, erixida por orde do procónsul Quinto Servilio Capión, no lugar onde hoxe está o faro de Chipiona, co fin de evitar que os navíos que navegaban nas proximidades encallasen nos baixíos do río Guadalquivir, que entrañaban un grave perigo.

Foi descrito por Estrabón, que o considerou un dos mellores faros coñecidos. Lamentablemente desta importante edificación non conservamos resto ningún.

Torre da Orde ou Turris Ardens (Francia)

A Torre da Orde mandouna construír Calígula no ano 40 d.C. aproximadamente, para conmemorar unha imaxinaria vitoria. Erixiuse sobre os altos cantís franceses, nas proximidades da desembocadura do río Liane. Nesta zona estivera instalado un dos campamentos das tropas de Xulio César, e Claudio utilizara este porto como base para a conquista de Britania.

Entre 43 e 296 d. C., a armada romana do Atlántico para as provincias do norte tivo a súa sede en Bononia ou Boulogne. Nesta cidade consérvanse restos destacados desta época, como algúns fragmentos da muralla que delimitaba o campamento romano ou unha cripta pertencente a unha construción perdida.

Faro de Dover ou Turris Dubris (Inglaterra)

Restos do Faro de Dover convertidos en campanario da Igrexa de St. Mary

A Torre de Dover atópase no condado de Kent, en Inglaterra, alén da Canle da Mancha, e era un dos dous faros que sinalizaban a entrada no porto de Dover. Probablemente foi mandado construír polo emperador Calígula cando se erixiu a Torre da Orde nunha data próxima ao ano 50 d. C. Construíuse sobre os altos cantís brancos desde os que se dominaba o porto.

Pola súa posición estratéxica converteuse nunha atalaia en época medieval e foi a orixe do Castelo de Dover, do que hoxe forma parte. Ten unha altura de 62 pés (18,6 m.), dos cales só 43 (12,9 m.) corresponden á fábrica romana. O resto é produto da reforma de tempos de Enrique VIII. Os maltreitos muros reaproveitáronse hai séculos para o campanario da veciña capela de St. Mary.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión