Charla no planetario da Casa das Ciencias sobre a evolución da mecánica celeste dende Newton ata a actualidade, organizada pola Agrupación Astronómica Ío
Para público en xeral
28/12/2023
Xa rematou
Ás 19.30 horas
Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña
Entrada libre ata completar a capacidade da sala
Maiores de 14 anos
Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en colaboración con Museos Científicos Coruñeses
Nesta charla, Xabier Pérez Couto, investigador predoutoral no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e membro da Agrupación Ío, fará un percorrido histórico de como evolucionou a mecánica celeste desde Newton ata a actualidade.
Hai xa máis de tres séculos que Isaac Newton demostrou como, a partir da Lei da gravitación universal, podemos comprender e predicir moi facilmente a órbita da Terra ao redor do Sol. Con todo, xurdiulle un gran desafío: que ocorre cando no canto de dous corpos orbitando, teño tres, como a Lúa? Este problema, coñecido formalmente como o Problema dos Tres Corpos é tan complexo que o propio Newton morreu sen resolvelo.
A resposta ao enigma aparecería dous séculos máis tarde, da man de Henri Poincaré, un matemático que sentaría as bases da Teoría do Caos aplicada á mecánica celeste a comezos do século XX. Hoxe, o caos enriqueceu a nosa comprensión da dinámica da natureza, estendendo a súa influencia máis aló da astronomía a áreas tan diversas como a meteoroloxía e a ecoloxía.
A charla está enmarcada no ciclo Coruña Científica e é de entrada libre e gratuíta para maiores de 14 anos ata completar a capacidade da sala.