Danza contemporánea
Para público en xeral
06/05/2023
Xa rematou
20.30 h
50 minutos
Teatro Rosalía de Castro. Rúa Riego de Agua, 37, A. 15001 A Coruña
12'00 € (Carné Xove, + 65 anos, persoas desempregadas: -20 %; familias numerosas: -25 %)
*Todas as persoas que accedan ao recinto deben facelo con entrada, independentemente da idade que teñan.
"Como fillos do seu tempo, os nados na era dixital asisten a un escenario inestable e convulso que os enfronta (e nos enfronta) a un proceso de deshumanización e de illamento, para o que a solución máis exitosa parece ser unha blindaxe individual, a creación dunha identidade diferenciada ou dunha marca persoal.
Somos máis que nunca un produto á venda e a mocidade é o valor máis cobizado. A contemporaneidade arrasa os corpos fráxiles, desmembra os máis vulnerables, desfai os inadaptados que se debaten (tamén nós) entre a posibilidade de rebelión ou a docilidade.
Nesa contradición, que é unha loita constante e incerta, xorde a necesidade do outro, a comprensión, a empatía, a compaixón e o amor como recurso urxente.
Los perros propón alcanzar un estado de resistencia; como cans que deambulan, cans que se atopan, que se recoñecen vulnerables, que comparten alegría, pero tamén dor, que caen e se erguen, que bailan, que se rebelan a través do amor, a xenerosidade e o compromiso, para atopar nese traxecto común o sentido das súas propias vidas, para superar xuntos a violencia e a deterioración.
Formulamos unha proposta que viaxa dende o transo da repetición á fascinación pola sucesión de imaxes. Imaxes roubadas do onte e lanzadas ao mañá, do agora e enzoufadas do pasado, da plástica contemporánea á forma atávica, terreal, nun constante cruzamento de tempos e de linguaxes.
O despregamento dunha danza pasional que atopa o seu sentido máis puro na repetición e na catarse: bailar ata a extenuación, ladrar ata o abatemento, vivir ata o desfalecemento. O relato do home que se contempla no outro para atoparse a si mesmo.
Dous homes apertados.
Dous homes que bailan ata que todo termine e todo volva comezar".
Carmina S. Belda
Elenco: Jon López e Martxel Rodríguez
Dirección do proxecto: Led Silhouette
Idea e dirección artística: Marcos Morau
Venda de entradas:
Despacho de billetes da praza de Ourense: de luns a venres das 11.00 ás 15.00 h e das 16.30 ás 19.30 h
Despacho de billetes do Teatro Rosalía: só abre os días de función das 16.00 ás 20.00 h
* Unha vez que comece o espectáculo non se permitirá acceder á sala.