15 de agosto de 2026
En paralelo, o Concello vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación cidadá para promover o coidado colectivo das áreas verdes urbanas
Avanzan as obras de remodelación dos Cantóns, que progresivamente van amosando a súa nova imaxe, tamén no referente ás áreas axardinadas, que triplicarán a súa superficie con respecto á configuración previa da zona.
Neste sentido, estes días xa é visible o espazo que ocupará o novo corredor vexetal que conectará a praza de Mina co Cantón Pequeno, segregando a beirarrúa e a calzada. Trátase dun percorrido axardinado de máis de 100 metros que sumará especies arbustivas variadas entre a rúa Arévalo máis alá do carreiro de San Blas.
Con esta actuación, o Concello dá un paso máis no reverdecemento da superficie peonil que se está a ampliar nos Cantóns, fronte aos xardíns de Méndez Núñez, aproveitando esta beira para gañar espazos verdes que non existían ata agora.
Máis concienciación para coidar as áreas verdes urbanas
O coidado e preservación colectiva das áreas verdes vertebra a nova campaña de concienciación cidadá posta en marcha polo Concello, que nas últimas semanas vén habilitando paneis sinalécticos en múltiples espazos axardinados do termo municipal co obxectivo de visibilizar a importancia da natureza na paisaxe urbana.
Os paneis, de carácter divulgativo, repartíronse por centos de puntos da cidade que contan con superficie verde ou xardineiras elevadas cuxo mantemento e conservación lle corresponde ao Concello. Concretamente, en puntos estratéxicos cunha maior afluencia peonil e con máis presencia de elementos vexetais, en barrios como Catro Camiños, Os Castros, Matogrande, Ensanche e Pescaría. Coa disposición desta cartelería, que inclúe mensaxes de sensibilización, o Executivo local busca tamén a posta en valor das áreas verdes en clave de sostibilidade medioambiental.
"O reverdecemento das cidades é fundamental para contrarrestar os efectos do cambio climático e moitas urbes do continente europeo están a traballar nesta senda. A Coruña é unha delas e un dos eixes que sustenta a nosa liña de actuación é implicar a cidadanía na preservación de espazos públicos que, ademais de ser sinónimo de saúde e biodiversidade, nos pertencen a todas e a todos. Por iso, o primeiro paso para coidar a riqueza natural que nos arrodea debemos dalo nós", expuxo o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín.
Celemín lembrou que, en paralelo, o Goberno de Inés Rey está a ultimar os trámites para botar a andar o proceso participativo do proxecto Coruña Verdea, ideado para naturalizar os espazos públicos dos barrios da cidade. O proxecto, que conta con dous millóns de euros en fondos da Fundación Biodiversidade, comezará en outono coa posta en marcha dos obradoiros creativos coas asociacións de veciños, entidades educativas e medioambientais.
Neste sentido, nos últimos días adxudicouse o contrato correspondente ao servizo de asistencia técnica para o dito proceso participativo de Coruña Verdea, que asumirá Cidadanía, cooperativa galega de traballo asociado.
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible