13 de septiembre de 2022
Crearase unha plataforma única con novo mobiliario, mellorarase a iluminación e o saneamento e plantaranse 21 árbores
Os traballos, que teñen un tempo de execución previsto de sete meses, enmárcanse no proxecto do Goberno de Inés Rey para a Rolda Peonil
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe os traballos para a reforma integral da rúa Ramón Cabanillas, no barrio dos Mallos. O obxectivo principal desta actuación é a humanización desta vía e a súa mellora funcional e estética, gañando protagonismo para as persoas viandantes. Os traballos acometeranse grazas á captación de 11 millóns en fondos Next Generation por parte do Goberno de Inés Rey, xa que forman parte do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
O proxecto de Ramón Cabanillas adxudicóuselle por un total de 701.990,53 euros á empresa Vazquez y Reino, SL, cun prazo previsto de sete meses para a súa execución. O proxecto suporá unha mellora integral da rúa que contará cunha vía de plataforma única e espazos para o mobiliario urbano. Esta obra de remodelación enmárcase nas políticas levadas a cabo polo Goberno municipal de Inés Rey na busca dunha cidade máis amable para as persoas, creando unha gran Rolda Peonil que priorice o tránsito de peóns e peoas.
A actuación desenvolverase na rúa Ramón Cabanillas, incluíndo as interseccións coa avenida dos Mallos e a rúa Río Traba. Trátase dunha zona cunha gran presenza do tráfico rodado, o que limitaba o tránsito peonil. As novas actuacións van na liña das executadas polo Goberno de Inés Rey na zona do Mercado Municipal de Ramón Cabanillas.
Renovarase o pavimento da calzada e das beirarrúas, a rede de saneamento e a iluminación pública. Os traballos suporán tamén a redistribución da sección da rúa, co que se prioriza o tránsito peonil e se promove tamén a creación de itinerarios accesibles. Dotarase a zona de novo mobiliario urbano e plantaranse novas árbores. Prevense un total de 21 novas plantacións na contorna.
Detalles do proxecto
A vía será de plataforma única, cunha zona compartida entre viandantes e vehículos autorizados de entre 3,5 e 4 metros, espazos para mobiliario urbano de 2 metros e itinerarios peonís de 2 a 2,6 metros. Crearase un contraste cromático a través do uso de formigón de cor gris e negra, haberá zonas de lastra de granito nos bordos do mobiliario e pavimentos podotáctiles nos pasos de peóns.
Por outra banda, instalarase mobiliario urbano de formigón, como bancos con asentos de madeira de diferente tipo e tamaño situados ao longo da rúa. Tamén se plantarán 21 novas arbores nestas estruturas e colocaranse novas papeleiras e colectores semisoterrados. En canto aos servizos municipais, renovarase e mellorarase a rede de saneamento, co que se aumentará a súa capacidade. Tamén se renovará a rede de iluminación pública, substituiranse as luminarias en fachadas por columnas con lámpadas LED, e procederase á semaforización do paso de peóns da avenida dos Mallos a través de balizas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible