9 de mayo de 2022
No que vai de mandato, o Concello da Coruña leva investidos máis de 2,2 millóns de euros en melloras no polígono de Agrela
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor as obras de reurbanización e humanización no parque empresarial de Agrela, “unha das actuacións máis importantes no que vai de mandato”
O Concello da Coruña, a través da área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, iniciou este luns os traballos de reurbanización e humanización da rúa Severo Ochoa, no polígono de Agrela. As obras, que contan cun orzamento de 833.270 euros e están cofinanciadas con fondos europeos FEDER, enmárcanse no contexto da estratexia de rexeneración urbana Eidus Coruña.
A adxudicación das obras, cualificadas pola alcaldesa, Inés Rey, como "unha das actuacións máis importantes no que vai de mandato" aprobouse a finais de marzo en Xunta de Goberno Local. A intervención, que abrangue unha superficie de 14.696 metros cadrados, ten como principal obxectivo mellorar a accesibilidade ao polígono. Centrarase, concretamente, nas rúas Severo Ochoa, Galileo Galilei e a rotonda que conecta coa rúa Newton.
Os traballos terán unha duración de doce meses e suporán a renovación total do firme e as beirarrúas. Expandiranse as zonas verdes e plantaranse novas árbores na contorna. "O noso obxectivo é integrar o polígono de Agrela na cidade, e facelo máis amable para as persoas que o transitan. Por iso estendemos a rede de vías ciclables e traballamos na mellora dos accesos ao parque empresarial, como amosa a futura glorieta que instalaremos no cruzamento entre a avenida de Fisterra a rúa Gambrinus", sinalou hoxe a alcaldesa.
Neste sentido, Inés Rey e o concelleiro Concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Dinís Díaz Gallego, asistiron esta mañá, no polígono, ao acto de renovación do distintivo Polígono Empresarial de Calidade, obtido polo parque empresarial de Agrela no ano 2017, sendo o terceiro de España en acadalo, e que este ano volve a revalidar. A rexedora puxo en valor este logro e a continuidade coa renovación do distintivo, "xa que só un polígono en toda Galicia ostenta este recoñecemento, o de Agrela, e isto amosa o gran traballo que se realiza por parte da Asociación de Empresarios de Agrela. Para o Concello é toda unha satisfacción que un dos principais centros de traballo do país estea na nosa cidade".
O acto de celebración rematou co izado da bandeira do parque empresarial de Agrela na glorieta Eduardo Diz, no acceso principal ao polígono.
Once intervencións no polígono de Agrela desde o comezo de mandato de Inés Rey
Os traballos en Severo Ochoa dan continuidade aos investimentos xa levados a cabo polo Goberno de Inés Rey no polígono de Agrela durante o vixente mandato, cun total de once actuacións que abranguen as melloras na zona de aparcadoiro e zonas verdes na rúa Newton, as obras para renovar o firme na contorna da glorieta de Eduardo Diz e a propia humanización da rúa Severo Ochoa.
No que vai de mandato, o Concello da Coruña leva investidos máis de 2,2 millóns de euros en melloras no parque empresarial de Agrela.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible