7 de marzo de 2019
A executivo comeza tamén o proceso de contratación do servizo de limpeza viaria e o de mantemento dos xardíns históricos da cidade, aos que se dedican, respectivamente, 15,6 millóns e 470.000 euros cada ano.
A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá a convocatoria de subvencións para o fomento do emprego e a consolidación do tecido empresarial do municipio e autorizou tamén o gasto e a apertura do proceso de licitación mediante procedemento aberto da contratación do servizo de atención telefónica cidadá a través do número 010. A Concellería de Emprego e Economía Social é a impulsora da convocatoria de subvencións e dedicará 100.000 euros á dinamización e fortalecemento do tecido produtivo do concello co obxectivo de impulsar a xeración de emprego. Poderán beneficiarse destas axudas as iniciativas empresariais que estean radicadas no municipio, tanto as constituídas de xeito individual como a través de microempresas e pequenas empresas, que teñan un mínimo de dous anos de exercicio continuado da actividade e un máximo de cinco anos. As bases da convocatoria establecen que o único gasto subvencionable, ata un máximo de 3.000 euros, será a cota do réxime especial de traballadores autónomos ou calquera outro réxime especial por conta propia da seguridade social, así como a mutualidade do colexio profesional correspondente.
Pola súa banda, o novo contrato do servizo de atención do 010 permitirá mellorar a atención grazas ao reforzo das quendas de persoal, que pasará de 14 a 16 persoas. Para iso, o executivo destinará un 23,3% máis de orzamento á contratación do 010 o que suporá un investimento anual de 682.638 euros, 120.000 máis que no actual acordo. O novo contrato terá unha duración de tres anos, que se poderán prorrogar por dous exercicios máis e contempla para o que resta de 2019 un gasto de 284.432 euros. As novas bases reforzan o posto de control de calidade, cunha persoa máis, e tamén o posto de teleoperadora. Ademais, inclúen a subrogación do persoal que xa traballa no servizo de atención telefónica e as cláusulas sociais que leva introducindo este Goberno local nos seus contratos.
Entre outros asuntos, a reunión do executivo local deu tamén luz verde ao inicio da licitación dun dos contratos de máis contía que ten o Concello da Coruña, o do servizo de limpeza viaria, que establece un orzamento base de 15.599.072 euros anuais, o que supón un valor estimado de 127.410.090 euros (IVE excluído) durante os oito anos que está previsto que dure o contrato. Este proceso permitirá adaptar o servizo de limpeza viaria á realidade da cidade e introducir melloras que supoñan o reparto equitativo dos recursos polos barrios da cidade e un maior coidado do espazo público, como é a incorporación ao contrato da limpeza con auga en todas as rúas do municipio. O prego tamén contempla a creación de grupos de traballo específicos para actuacións de limpeza nocturna, a caída das follas ou retirada de gomas de mascar, pintadas e herbas espontáneas, entre outras, sen esquecer as medidas de educación e sensibilización neste eido. Os pregos que ten como base o proceso de contratación foron sometidos a un proceso pioneiro de consulta pública, no que axentes do sector puideron aportar as súas propostas, das que se chegaron a incorporar máis de 260 de 15 entidades distintas.
A Concellería de Medio Ambiente levou tamén á reunión do Goberno a apertura doutro proceso de licitación, como é o do servizo de coidado e mantemento dos xardíns históricos da cidade, que terá unha vixencia dun ano e un orzamento base de 471.735 euros. O departamento, que resolveu o pasado ano o anterior contrato debido ás infraccións graves cometidas pola empresa concesionaria, incrementa o persoal, que se multiplica por catro, e a dotación económica nun 45% máis, para garantir o mantemento adecuado dos espazos que conteñen as árbores máis antigas e de maior valor da cidade, como son os xardíns de Méndez Núñez, San Carlos, Campo da Leña e praza das Atochas, Obelisco, praza da Fariña, praza do Libro e o cemiterio de San Amaro.
Licenzas
Como é habitual, a Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda trasladou á Xunta de Goberno local o informe das 240 licenzas e outros títulos habilitantes tramitados polo departamento nas últimas semanas. No período comprendido entre o 19 de febreiro e o 4 de marzo, o Concello resolveu 32 licenzas urbanísticas, autorizou 94 obras en réxime de comunicación, 45 de actividades con comunicación previa, 42 de actividades con declaración responsable e 27 expedientes doutros tipos, entre os que figuran oito autorizacións de proxectos de execución, sete desistimentos ou cinco denegacións.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible