24 de julio de 2018
A Xunta do Goberno local autorizará a apertura do proceso de contratación do servizo, que terá unha duración de oito anos e un prezo base de 15 millóns de euros
O Goberno local prevé aprobar este xoves a licitación do servizo de contenerización, recollida e transporte de residuos urbanos da cidade, un contrato que foi sometido a un proceso pioneiro de consulta pública que permitiu incluír máis dun centenar de achegas da cidadanía e que se basea nas novas directrices de economía circular da Unión Europea. A Xunta do Goberno local autorizará, nunha reunión extraordinaria, o procedemento para a contratación do servizo en dous lotes, un para a xestión dos contedores e outro para a recollida e transporte do lixo en toda a cidade. "Este contrato vén renovar as condicións de prestación dun servizo tan sensible co medio ambiente e co coidado do espazo público como o de recollida de residuos, que tiña máis de 50 anos de antigüidade. Con este prego imos instaurar un sistema de recollida máis sostible, máis adaptado ás necesidades da veciñanza e dos sectores produtivos e que nos permita avanzar na nosa capacidade de redución na produción de lixo e na de reciclaxe", indica a concelleira de Medio Ambiente, María García.
O contrato, que ten un prazo máximo de duración de oito anos, ten un orzamento base de licitación de 15.012.292,87 euros por ano, que se dividen entre os 2.845.580,32 euros estimados para o lote correspondente ao servizo de contenerización e os 12.166.712,55 euros para a retirada do lixo e o seu traslado á planta de xestión. As bases para a contratación do servizo, explica a concelleira, apostan pola separación da materia orgánica, a atención especial aos grandes produtores de residuos orgánicos e un plan especial de recollida para as zonas de alta concentración hostaleira, un sistema de pago por xeración que se irá implementando a través de cambios nas ordenanzas, a renovación dos camións de recollida, a posta en marcha de sistemas de control de ruído e os procesos de control de calidade, así como a obriga de levar a cabo campañas de educación ambiental e o apoio a iniciativas de economía social. Ademais, García sinala que a empresa adxudicataria do lote de contenerización deberá realizar unha actualización do parque de contedores, incrementar o número dos dedicados a recollida de papel e vidro e manter un 25% de contedores adaptados para persoas con diversidade funcional. "Os pregos recollen ademais que o Concello realizará un control de calidade, con parámetros ben definidos, sobre as adxudicatarias e introducen cláusulas sobre as condicións laborais dos e das traballadores, ademais doutras de xénero, ambientais ou lingüísticas", resume.
Achegas de 27 entidades
A Concellería de Medio Ambiente aplicou no proceso para a afinación das bases do contrato "un sistema de consulta pública previa que garante a transparencia, a pluralidade, a participación e a efectividade e que nunca se levara a cabo nin en Galicia nin no Estado", recorda García. "Abrimos á sociedade a definición do contrato dun servizo público no que gastamos máis de 15 millóns ao ano, engadimos as achegas de diferentes entidades que serviron para ter uns pregos máis atinados e que reflictan as necesidades de diferentes sectores", apunta. No período habilitado para a consulta, un modelo que xa se está a replicar noutras cidades, a Concellería de Medio Ambiente recolleu un total de 170 achegas de 27 fontes -empresas, asociacións de hostalería, comercio e veciñais, federacións veciñais e de comercio, asociacións ecoloxistas, representantes dos e das traballadoras e persoas a título particular--, tanto a través da consulta formal, como por canles informais, derivadas das 11 entrevistas mantidas pola concelleira con diversos axentes.
Noticias relacionadas
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible