Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de decembro de 2018

A praza da Fábrica de Tabacos acolle xa o pavillón temporal no que se desenvolverá, a partir de xaneiro, a programación do proxecto Tribuna Pública

O alcalde, acompañado da concelleira de Participación e do edil de Culturas, visitou a instalación, que albergará en febreiro a presentación dos cinco proxectos gañadores do concurso de ideas sobre o bordo litoral

A praza da Fábrica de Tabacos acolle, desde hoxe, a estrutura arquitectónica singular que albergará nos vindeiros meses a actividade do proxecto Tribuna Pública, unha proposta social e cultural, plural e participativa impulsada polo goberno local que pretende implicar á cidadanía na reflexión sobre a recuperación dos peiraos interiores da Coruña e o seu futuro como espazo de interese público. O alcalde, Xulio Ferreiro, acompañado da concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e do edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, visitaron esta mañá o espazo, que contará cun acto de apertura institucional no mes de xaneiro, momento no que se iniciarán as actividades.  

O proxecto Tribuna Pública, coordinado polo produtor cultural Juan de Nieves, que tamén estivo presente na visita desta mañá, pretende exemplificar o vínculo secular entre a cidade e o porto. Ao longo dos vindeiros meses, a iniciativa traballará con diversos axentes sociais, asociativos e culturais da cidade, tanto independentes coma vinculados ás estruturas de goberno e do ámbito institucional e educativo, para xerar un programa continuado de debates abertos e de eventos de carácter cultural. Deste xeito no pavillón temporal e multiusos instalado na praza da Fábrica de Tabacos desenvolveranse catro áreas de traballo fundamentais: urbanismo, ciencia e medio ambiente, memoria histórica e cultura. Desde cada un destes eidos xeraranse talleres, cursos, conferencias, proxeccións de cinema, concertos, espazos para a creación ou laboratorios de experimentación, entre outras propostas, co obxectivo de implicar á veciñanza na reflexión sobre o futuro dos terreos portuarios da Coruña.

As primeiras actividades abertas á cidadanía chegarán na segunda fin de semana de xaneiro. O xoves 10, a doutora en Bioloxía, Ciencias da Terra e do Medio Ambiente Leticia G. Becker impartirá a conferencia Recuperación da memoria ambiental. Ao día seguinte, en horario vespertino, proxectarase o documental Esquece Monelos, dirixido por Ángeles Huerta. Xa na xornada do sábado 12, pola mañá realizarase un roteiro pola antiga canle do río Monelos, guiado por Leticia G. Becker, e durante a tarde terá lugar un concerto da banda coruñesa Romance.

No mes de febreiro, Tribuna Pública acollerá as presentacións dos cinco proxectos gañadores do concurso de ideas sobre o bordo litoral, cuxa documentación está dispoñible no espazo web de Tecendo Litoral, coincidindo coa posta en marcha da nova fase do proceso na que a veciñanza poderá debater e votar sobre as iniciativas escollidas polo xurado do concurso.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión