Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ágora

Poetas di(n) versos: Fatena Al Ghorra- María Xosé Queizán

Cando:

22/01/2018

Horario:

20.30 h

 

Enderezo:

Centro Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada libre até completar a capacidade

Documentos:

Dossier Poetas di(n) versos (1 MB)

A cita de xaneiro formúlase en feminino.

A poeta e xornalista palestina Fatena AL GHORRA exiliouse primeiro en Exipto, e máis recentemente en Bélxica, logo de traballar durante anos en Gaza nos medios de comunicación e defendendo os dereitos da muller.

Ten publicados cinco libros de poesía, dous dos cales foron ademais traducidos a diversas linguas coma o castelán, o italiano, o francés  e o holandés. O quinto e último até a data será lanzado proximamente, nesta lingua neerlandesa, tanto en Bélxica coma nos Países Baixos.

A súa obra aparece representada en antoloxías como Cincuenta anos de poetas palestinos (xxxx). No ano 2012 gañou o premio El Hizjra para poetas neerlandeses de distintas orixes, e no 2016 o seu libro As traicións de deus foi galardoado en Roma como o mellor libro árabe traducido ao italiano.

Logo dunha carreira na televisión en Gaza, na actualidade desempéñase como xornalista freelance para Al Jazeera, conferenciante, recitadora, e organizadora dun proxecto poético chamado "O salón poético de Fatena" que se desenvolve por toda Flandes e Holanda. Ten participado en innúmeros festivais internacionais de poesía e relevantes proxectos poéticos por todo o mundo, e nos últimos tempos colabora coa Oficina de Asuntos Educacionais e Culturais do Departamento do Estado dos EE.UU.

ACASO

Busco os meus propios pés

Acaso comprounos a ausencia ou pousaron na á dunha cega bolboreta?

Os meus propios pés desexan poder correr sen pés

detrás dunhas xanelas non pisadas polos cantos

que o vento espallara nun día viscoso

atopando unha lingua que espera

e pide, aos que pasan, un intre de acaso

Meu Deus, onde queda a túa casa verdadeira?

Se cadra, de ter sido eu El, teríame respondido

É a resposta outro baleiro

que fura os pés camiñando cara min

Se eu fose el...

advertiríanme da culpa que crear implica

Se eu fose Todo, calzaría a pregunta

nun leito de palla tería descansado

e daría conformado unha outra creación

Se eu fose el...

tería buscado acubillo nas pestanas de Magdalena

e dividido o sono e o sal do perdón

Se eu fose el...

daríame encontrado os pés!

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

A viguesa María Xosé Queizán é unha escritora polígrafa, directora da revista "Festa da palabra" por tres décadas dende 1963, e unha das pensadoras feministas máis relevantes de todo o estado, principal referente en Galicia.

Constituíndo unha das escritoras máis consagradas da literatura galega actual, a súa obra abrangue narrativa, teatro, ensaio, contos, tradución, artigos e poesía. Fixo parte da chamada Nova narrativa galega, inaugurando a súa faceta de novelista en 1965 con A orella no buraco, ao que seguirían outros nove títulos, un volume de relatos, unha biografía de Emilia Pardo Bazán e mais traducións desta última ou de Marguerite Yourcenar. Moi activa no teatro, sobre todo nos seus comezos, froito desta actividade son catro pezas dramáticas entre as que salienta Antígona, a forza do sangue (1991), finalista do Premio Álvaro Cunqueiro.

Na poesía protagonizou un comezo tan serodio como fulgurante, inaugurando a editorial Espiral Maior no ano 1991 con Metáfora da metáfora. Logo virían Despertar das amantes (1993), Fóra de min (1995), Non o abras como unha flor (2004) e Cólera (2007). É ademais autora de dez importantes volumes de ensaio nos que salienta con forza a perspectiva de xénero. Nomeada Socia de Honra da AELG en 1998, Queizán recibiu o Premio Voz da Liberdade do PEN Club en 2011, o Premio Irmandade do Libro en 2013 e o Premio da Cultura Galega en 2016.

NA BOCA UN MEXILLÓN

Marea alta, audacia nas bateas.

Un mexillón na boca fai correr o atlántico polas veas

e deixa o pasado na memoria

Vigo, redes nas gamelas, crianzas nas cestas, rillotes no peirao.

As Cíes moderan as garras das ondas, cando tigres

alancando en treboada sobre rúas retortas,

deseñadas por grises congros fuxidíos,

Peñasco, Peixe, Anguía, Calexón, Bote, Pescadores,

rebelión de laxes fendidas por pés traballados,

feridas rebozadas na area,

rexos mariñeiros agarrando a existencia

- devorado o sol polo Cabalo de Fóra -

reman folgos rinchando sobre a ardora

soñando con mareas de fartura.

As carrexonas soben como velas empenadas,

grávidas de sardiñas,

patelas sobre rodelas de algas na cabeza, enfeite,

do Berbés a enerxía,

rogando peixe, abrindo rutas de argazos no rural.

marcando coas dedas o futuro, pedra.a pedra,

pousadoiros para coller folgos. Na casa agardan bocas.

As avoas, amigas de Mendiño, bañábanse nas ondas da incerteza.

Entidades

Compartir en Tuenti
  • Ayuntamiento de A Coruña Concello da Coruña
  • Logotipo FEDER
  • Logotipo Urbana-C
    • Ayuntamiento de A Coruña / Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • Teléfono: 981 184 200 | 010
     ¦ 
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?