22 de outubro de 2025
En total, hai 63 estacións en servizo, ás que se sumarán as xa instaladas na avenida de Oza, en Agrela e en San Pedro de Visma
O Concello da Coruña puxo este mércores en funcionamento dúas novas bases do servizo municipal de préstamo de bicicletas BiciCoruña. Trátase das estacións situadas fronte ao Centro Municipal de Emprego, no barrio dos Rosales, e xunto ao Fórum Metropolitano. Deste xeito, na actualidade hai un total de 63 estacións activas, que dan servizo aos diferentes barrios da cidade, á espera de poder poñer en funcionamento as xa instaladas na avenida de Oza, xunto a parque de Bombeiros de Agrela e en San Pedro de Visma, pendentes de trámites coa empresa que proporciona o subministro eléctrico.
"Desde o Goberno de Inés Rey continuamos coa segunda gran expansión do servizo de BiciCoruña co obxectivo de melloralo e chegar a máis espazos", indicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz. A nova base do Fórum Metropolitano dará servizo ás persoas usuarias dun dos equipamentos máis empregados pola cidadanía, que dispón de Rexistro municipal, Biblioteca, auditorio e diferentes salas cunha variada programación cultural e de ocio ao longo do ano.
Por outra banda, o barrio dos Rosales incorpora coa nova estación situada ao carón do Centro Municipal de Emprego, na estrada dos Fortes, a súa terceira base de BiciCoruña, reforzando o servizo nun dos barrios con maior extensión da cidade. Nas vindeiras semanas quedarán activas o resto de bases xa instaladas, sumando un total de 66 ao dispor da cidadanía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible