21 de decembro de 2025
Recta final da ampliación do servizo planificada polo Executivo local, con 79 estacións xa postas en rúa. As últimas, no barrio dos Castros e nos exteriores da estación intermodal
O Concello afronta a conta atrás para culminar a segunda fase de expansión de BiciCoruña, concibida para reforzar o servizo nos barrios da cidade atendendo as demandas veciñais e tamén á existencia de puntos estratéxicos con máis fluxo e viaxes das persoas usuarias.
A expansión, que se marcou como obxectivo chegar a un total de case 80 bases entre os dez distritos da Coruña, arrincou con case medio cento de estacións xa operativas. Desta forma, ao longo destes meses traballouse para habilitar outras 29 novas, con avances palpables especialmente neste último treito do ano.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe de que a mediados desta semana entraron en servizo sete estacións -xa postas en rúa previamente- nos barrios dos Mallos (a carón do centro cívico e tamén na rúa Eusebio da Guarda), o Ensanche (rúa Alfredo Vicenti), Monte Alto (rúa Vila de Cambre), Pescaría (rúa Cordelería), entre A Agra do Orzán e O Ventorrillo (rúa Mosteiro de Bergondo), e no barrio dos Castros (entre a avenida da Pasaxe e rúas Buenavista e Nova Travesía Buenavista).
Neste sentido, a localización da nova base dos Castros tamén ten un sentido estratéxico en materia de seguridade viaria, xa que permitirá gañar visibilidade no paso peonil que hai no cruzamento entre Buenavista e Nova Travesía Buenavista, un espazo con moito tránsito de persoas a pé, dada a proximidade da parada de autobús intermodal que hai na explanada dianteira da igrexa do barrio.
Ás tarefas para a posta en funcionamento destas bases sumáronse, ademais, os traballos de instalación doutra máis, nos espazos exteriores da estación intermodal da Sardiñeira, onde continúan as obras de remodelación.
A próxima posta en servizo desta outra base suporá, na práctica, a finalización desta fase de expansión de BiciCoruña. Como xa é habitual nestes casos, antes de que entren en funcionamento será preciso completar as probas de software no sistema operativo.
Desta forma, o Concello avanza na folla de ruta establecida pola alcaldesa, Inés Rey, para promover a mobilidade sostible e o uso de vehículos de emisións cero nos desprazamentos polo termo municipal, co que facilita unha alternativa ao vehículo privado nunha cidade que conta xa con máis de 59 quilómetros de rede ciclable.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible