12 de xaneiro de 2026
As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación na sección de Deportes de El Corte Inglés da rúa Ramón y Cajal
A partir deste luns, 12 de xaneiro, xa está dispoñible a posibilidade de inscribirse de maneira presencial para o medio maratón C21 da Coruña, que se celebrará o domingo 1 de marzo. As persoas interesadas en participar, poderán apuntarse tanto na páxina web de Carreiras Galegas como na sección de Deportes (5ª planta) de El Corte Inglés da rúa Ramón y Cajal.
Ata o día de hoxe xa se inscribiron máis de 1.600 persoas no medio maratón en máis de 600 persoas na proba 5K. "Para a C21 quedan menos de 900 dorsais dispoñibles, o que supón un éxito a estas alturas, con máis de mes e medio por diante para a carreira, e confirma que o traballo e esforzo que levamos a cabo desde o Goberno de Inés Rey para fomentar este tipo de probas está dando os seus froitos", sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
Este ano será a primeira vez que a proba dos 21 quilómetros teña o seu punto e final ás portas do Palacio Municipal, un atractivo engadido para un percorrido xa totalmente definido: a carreira sairá desde a avenida de Montoto e discorrerá pola avenida da Mariña, Cantón Grande, Cantón Pequeno, praza de Mina, Sánchez Bregua, praza de Ourense, avenida Linares Rivas, avenida Primo de Rivera, praza da Palloza, avenida do Exército (zona da Casa do Mar), Ramón y Cajal, Pérez Ardá e Salvador de Madariaga, onde se realizará o primeiro cambio de sentido.
A partir de aí, as persoas participantes regresarán polo mesmo itinerario ata Ramón y Cajal, enlazando con Alcalde Marchesi, rotonda da Gaiteira, Posse e o lateral da avenida do Exército, para acceder á zona portuaria pola estrada Porto Petroleiro de Oza. Desde alí, a carreira continuará ata a rotonda de San Diego e avanzará pola estrada do Peirao Leste, nun tramo de ida e volta que incluirá tamén a estrada do Peirao da Palloza e a do Peirao de Linares Rivas, antes de atravesar a rotonda interior do porto e regresar cara ao centro urbano.
Xa na segunda metade da proba, as e os corredores retornarán por Linares Rivas, praza de Ourense, Sánchez Bregua e praza de Mina, en dirección a Juana de Vega e San Andrés. Continuarán pola rúa Alta e Pedro Barrié de la Maza, pasando pola rotonda das Catalinas, avenida de Buenos Aires e Manuel Murguía, ata a rotonda das Escravas, onde darán volta para volver polo mesmo percorrido.
Tras alcanzar de novo a zona do Matadoiro, avanzarase polo paseo marítimo Francisco Vázquez ata a rotonda do Aquarium, regresando posteriormente pola avenida Pedro Barrié de la Maza, rúa Sol, San Andrés e rúa Nova, antes de atravesar o Cantón Grande, avenida da Mariña e Porta Real. A carreira culminará na praza de María Pita.
A proba dos 5K sairá tamén desde a avenida de Montoto e compartirá o trazado co medio maratón ata o cruzamento con Juana de Vega. A partir dese punto, as persoas participantes desviaranse pola rúa San Andrés, continuando pola rúa Alta e Pedro Barrié de la Maza ata circunvalar a rotonda das Catalinas. Desde aí, comezará o traxecto de regreso pola rúa Sol, San Andrés, rúa Nova, Cantón Grande e avenida da Mariña, ata alcanzar a meta situada na praza de María Pita.
O percorrido desta edición concretouse despois das últimas reunións de traballo coa Autoridade Portuaria e tras valorar os avances experimentados nas obras dos Cantóns, un enclave fundamental para definir o trazado final, ao ser un espazo de superficie cha, sen pendentes, e susceptible de incluír na proba para a súa homologación oficial por parte da Real Federación Española de Atletismo (RFEA). O trazado, de 21.097,5 metros, conta xa coa homologación oficial da RFEA.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible