12 de marzo de 2026
A andaina polo 8-M reforza a programación desta primeira data do calendario de carreiras, que chega con máis de 1.600 mulleres inscritas, case a metade do total
O Concello ultima os preparativos de cara á xornada, na que o faro estará iluminado de cor morada para conmemorar o Día Internacional da Muller
A Coruña vive xa a conta atrás de cara ao inicio da nova tempada do circuíto Coruña Corre, que este ano chega á súa XIII edición e volve novamente ás rúas da cidade con máis de 3.500 persoas xa inscritas na primeira proba do calendario: a carreira popular da Torre de Hércules que terá lugar este sábado 14 de marzo.
Ás portas desta apaixoante fin de semana, o Concello ultima os preparativos de cara á xornada, que arrincará ás 17.00 horas no paseo dos Menhires, coas saídas progresivas das e dos participantes na quenda de peques e, xa a posteriori, das categorías inferiores.
Será ás 20.00 horas cando sairán as e os deportistas inscritos na proba absoluta, que conta cun percorrido de 6,3 quilómetros a través de Durmideiras, San Amaro, os Pelamios, as Ánimas e, de novo, volta polo mesmo treito do paseo Marítimo, bordeando a enseada e o paseo dos Menhires, para enfilar a recta final pola costa da Torre.
Poucos minutos despois da carreira absoluta será o turno da andaina polo 8-M, que sairá ás 20.05 horas e contará cun percorrido lixeiramente máis curto, de case cinco quilómetros. Máis de 632 persoas están anotadas nesta quenda, cun público maioritariamente feminino que tamén reforza o balance de mulleres inscritas no conxunto da xornada da Torre: ata 1.645 -case o 47% do total-, unha das cifras máis elevadas no histórico desta proba.
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé no bo ambiente co que arrinca esta nova tempada do circuíto, "que nos permite dar continuidade ás boas sensacións experimentadas no pasado medio maratón C21 e que confirma que a cidade está volcada ao 100% co running ao aire libre e as carreiras populares".
A proba da Torre conta, ademais, cun aliciente extra: é a única cita desta tempada que se leva a cabo en horario nocturno, rematando, ademais, a escasos metros do principal emblema patrimonial da cidade, que un ano máis estará iluminada de cor morada co gallo do Día Internacional da Muller.
A recollida de dorsais, habilitada desde hoxe no Centro Comercial Cuatro Caminos
Un dos patrocinadores do circuíto, o Centro Comercial Cuatro Caminos, abre desde hoxe a súas instalacións á recollida de dorsais das persoas participantes. Este xoves 12 (17.00 a 21.30 horas) e mañá, venres 13 (17.00 a 21.30 horas), xa será posible efectuar a retirada de dorsais, que tamén estará habilitada o sábado 14, o propio día da carreira (12.00 a 17.00 horas), no frontón da Cidade Deportiva da Torre.
Ademais, e como xa é habitual nas semanas de carreira, o Concello ofrece un amplo abano de servizos ás persoas inscritas. O servizo de gardarroupa no frontón da Cidade Deportiva da Torre estará dispoñible en horario de 19.00 a 21.30 horas. Haberá, ademais, servizo de duchas e vestiario na propia Cidade Deportiva da Torre, habilitado ás persoas participantes na categoría absoluta desde as 19.30 horas.
Coma sempre, tamén se lles proporcionará auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes en cada unha das categorías no punto que estará situado despois da meta.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible