Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir á túa axenda
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Festival Mar de Mares 2019

O mar, latexo do planeta

Cando:

Dende o 18/09/2019 ata o 22/09/2019

Este evento xa rematou

Prezo:

gratuíto

Ano tras ano, o Festival Mar de Mares converte A Coruña na capital mundial dos océanos, un punto de encontro para todas aquelas persoas namoradas do mar que ademais de gozar desta paisaxe tamén se preocupan pola súa supervivencia e loitan por deixar uns mares limpos e sans para as próximas xeracións. Artistas, científicas/os, activistas, educadoras/es, restauradoras/es, deportistas e persoas emprendedoras, e por suposto o público, convértense durante uns días na voz dos océanos.

Desde a súa primeira edición en 2014, Mar de Mares reuniu algúns nomes imprescindibles no estudo, a creación artística e a defensa dos océanos, como son David Doubilet, Cristina Mittermeier, Mandy Barker, Jennifer Hayes, Daniel Beltrá, Lucy Gilliam, Telmo Aldaz de la Quadra-Salcedo, Skeleton Sea... e moitas outras figuras que nos transportaron a mares remotos e ás profundidades dos océanos para dar a coñecer a súa impresionante beleza e importancia vital na nosa existencia. Como non podía ser menos, Galicia estivo tamén moi presente a través de artistas, científicas/os, divulgadoras/es e activistas que nos emocionaron coas súas imaxes e relatos sobre as costas galegas: Xulio Villarino, Jorge Candán, Iván Domínguez, Manuel Rivas, Sekone, Susana San Román, María José Arceo e outros moitos galegos que respiran mar as vinte e catro horas do día.

Nestes cinco anos, preto de 93.000 persoas gozaron das máis de 200 actividades, unha cifra que nos enorgullece especialmente porque o festival está pensado por e para a cidadanía e todos os anos prográmanse decenas de accións participativas e abertas a todo tipo de público: exposicións, talleres activistas, encontros inspiradores, intervencións artísticas, ciclos de cinema, gastronomía, xogos, un mercado do mar... Mar de Mares ofrece unha programación lúdica e inspiradora para lanzar unha mensaxe realista sobre o presente, pero optimista en canto ao futuro, e achegar numerosas solucións e ideas que convidan á reflexión e á acción. Enrólate no noso barco!

MAR DE MARES 2019

Ciencia para coidar os mares

O persoal científico calcula que entre o 50 e o 70% do osíxeno que se xera na terra é producido polos océanos, é dicir, que polo menos a metade do aire que respiramos debémosllelo aos mares. É imprescindible adquirir conciencia da súa importancia na nosa vida -xa vivas na costa ou no interior- e necesario reformularse a relación do ser humano co mar nun momento en que está máis ameazado que nunca.

Nesta sexta edición querémoslle dar un especial protagonismo á ciencia, un dos motores imprescindibles para lograr ese cambio. Unha ciencia próxima á cidadanía, accesible e comprensible para todos, con rigor, pero cun toque de humor, aventura e épica. Mari Carmen Domínguez, Karmenka, científica e aventureira, experta en glaciares, desxeo e cambio climático, relataranos a súa experiencia no estudo do desxeo nas zonas polares co seu proxecto Glackma. Máis preto da casa, coñeceremos a variedade de mamíferos mariños que se avistan nas costas galegas e compartiremos os coñecementos dos científicos do IEO na visita á praia En Busca do Tesouro, unha das actividades máis demandadas polas familias no festival.

Nun ano dedicado á ciencia queremos sumarnos á celebración dos 20 anos da institución que máis fixo pola divulgación mariña na Coruña, o Aquarium Finisterrae, e para iso sentaremos á mesa a dous científicos que o coñecen profundamente: Ramón Núñez Centella, que fora o seu primeiro director, e Paco Franco, o director actual.

O humor é un dos grandes aliados da ciencia e para iso contaremos co colectivo Big Van Ciencia, quen nos desvelará algúns dos segredos mellor gardados dos nosos mares. Como adoita ser habitual, teremos a proxección de grandes documentais mariños e este ano proxectaremos de novo un capítulo de Blue Planet II, da BBC, comentado despois por Juan Antonio Romero, que fose colaborador de Jacques Cousteau e da primeira tempada de Blue Planet. Como novidade, este ano contamos coa programación do prestixioso Ocean Film Festival, unha cita imprescindible coas mellores películas sobre o mar no que se unen aventura, paixón e compromiso. Nunca a ciencia fora tan entretida.

A arte, o gran aliado do mar

Pola súa capacidade de emocionar e levarnos a novos territorios, a arte é unha das mellores ferramentas de Mar de Mares e Cristóbal Serrano, gañador do Wildlife Photographer of the Year 2018 entre outros moitos premios de recoñecido prestixio, convídanos a coñecer un mar de cores e formas impactantes. Ademais, nun encontro co público, Serrano desvelará a paixón que que o leva a buscar a imaxe nunca vista antes.

Os escritores máis mariñeiros volven ser de novo protagonistas no festival, Marta Dacosta, María Canosa e Xosé Iglesias, moderados por Xurxo Souto, falarannos da relevancia do mar nas súas obras.

A música (a mares) é outra das artes na que tanto nos apoiamos no festival e este ano contamos coa actuación do grupo Toom Pak, que presenta por primeira vez en Galicia o seu espectáculo Reciclart 2.0, onde se dan a man música e reciclaxe, un espectáculo que poderán gozar grupos escolares e público xeral. Ademais, como é habitual, o Mercado do Mar ofrecerá diversos concertos na súa programación.

Gastronomía, unha viaxe ao sabor

Galicia é mar e é gastronomía, cada bocado mariño é un pedazo de cultura galega. Se o antropólogo francés Lévi-Strauss falaba do cru como un estado de natureza e o cocido como a transformación desta en cultura, nós queremos indagar na rica relación que manteñen en Galicia os ingredientes e as súas múltiples receitas e para iso daremos a coñecer algúns dos pratos mariñeiros con máis historia e algunhas das últimas creacións realizadas por destacados cociñeiros da zona. Tamén visitaremos o lugar onde se coce todo (ou mellor dito, véndese): a lonxa da Coruña, un dos mercados máis grandes do mundo e no que cada amencer póxanse toneladas de peixe fresco. Unha aventura urbana que deixa un gran sabor de boca cun almorzo mariñeiro. Ademais, o Mercado do Mar contará tamén con showcookings dos/as mellores cociñeiros/as da cidade.

O Mercado do Mar

Todos somos conscientes de que vivir do mar non é fácil, pero facelo respectando a sustentabilidade é aínda máis complicado. No Mercado do Mar queremos destacar o labor das persoas emprendedoras que traballan con produtos do mar e que respectan o equilibrio natural deste ecosistema. Marisco, conservas, bebidas, algas, empanadas, galletas mariñeiras, hai unha infinidade de produtos que poderemos coñecer, degustar e comprar durante o sábado e o domingo no Mercado do Mar no Parrote. Ademais, poderemos comprar artesanía feita con madeiras á deriva, xoias elaboradas con cunchas, bolsos fabricados con redes de pesca...

Un festival para todos

Con actividades para familias, para solteiras/os, para amantes da música, para apaixonadas/os da fotografía, da literatura, para maiores, para nenas/os, para ferventes do novo, do clásico, para activistas da natureza e para novatas/os no activismo, para persoas emprendedoras, para consumidoras concienciadas, para adolescentes...

Nas próximas semanas, Mar de Mares 2019 anunciará máis nomes e actividades que se irán sumando ao festival e que converterán, un ano máis, a nosa cidade na capital dos océanos. Está atento, non perdas ningunha sorpresa.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión