Nos xardíns de Méndez Núñez, exposición comisariada por Susana Gonzales e Nicolás Combarro, coa presenza dos colectivos Blank paper, Nophoto, fotoaplauso, entre outros.
Dende o 13/09/2013 ata o 03/10/2013
Xa rematou
Fotografía e vídeo comparten a maioría das súas características de base, están unidos dende o seu nacemento e na actualidade continúan a súa intensa relación discorrendo en camiños paralelos que continuamente se cruzan. Na súa evolución, ambos os medios acaban irrompendo tamén con forza e reclamando o seu lugar no ámbito de arte onde nestes momentos podemos atopar todo tipo de formatos e hibridacións. Tamén son innumerables os autores célebres nun ou outro medio que traballan ambos os formatos.
Para este proxecto quixemos rescatar un abano de posibilidades que ambos os medios nos brindan na escena contemporánea nacional. As pezas que atopamos nesta mostra de vídeo/foto son diversas e o que conta é a capacidade destes autores para facernos chegar a emoción do seu traballo.
Os autores e as súas obras:
Blankpaper: é un colectivo que xa ocupou un destacado lugar no panorama fotográfico nacional e empeza a facelo internacionalmente. Veremos as pezas de catro dos seus integrantes que exemplifican unha tendencia que cada vez adquire máis relevancia: as fotoproteccións.
Nophoto: é un colectivo que, a pesar da mocidade dos seus integrantes, xa ten unha longa traxectoria de traballos no campo da fotografía. No seu día albergaron unha iniciativa de fotoproteccións convidando a novos fotógrafos a proxectar os seus traballos e agora fannos chegar unha selección de pezas dalgúns dos seus integrantes.
Fotoaplauso é un colectivo novo cuxa iniciativa de proxectar fotografía na rúa recupera iniciativas que se fixeron co cinema, cos proxeccionistas ambulantes que proxectaban nas prazas dos pobos. Para esta mostra eles mesmos bríndannos unha selección de autores do ámbito nacional que proxectaran nun formato que non é o seu habitual, ao non poder facerse na rúa, pero igualmente permítenos descubrir novos autores e propostas.
Bookjokey é unha iniciativa recente dentro do mundo do libro de fotografía. Trátase dun colectivo que convida a autores ou profesionais deste formato bibliófilo a “picar” os seus libros para o público.
Carlos Rodríguez-Méndez é un artista que vén do mundo da escultura e a acción sobre a paisaxe. Na peza "Homes sentados" leva a súa preocupación antropomórfica ás cabezas de persoas sentadas baixo a súa ventá aos que retrata en branco e negro dende un plano radicalmente cenital.
Miguel Ángel Delgado traballa dentro do marco do cine expandido (expanded cinema). A súa peza "Industrial travellings" está rodada nun proxecto desenvolvido nos suburbios de Seúl.
Calixto Ramírez é un novo artista mexicano do que rescatamos unha serie de pezas realizadas nunha estancia en Galicia. Os seus vídeos en plano fixo recuperan a súa preocupación pictórica, escultórica e fotográfica.
Lois Patiño enfróntase á paisaxe nunha lectura persoal e autorreferencial. Como se puidese dar vida a un cadro romántico, insírese nun gran plano fixo poñendo de relevo a fraxilidade do ser humano fronte á infinitude e forza da natureza.
Rubén Ramos Balsa vén do mundo da escultórica onde a imaxe fotográfica e videográfica ten unha importante presenza. O seu vídeo "Vexo, vexo" é un plano fixo no que dúas voces de nenos fóra de plano describen diferentes elementos mentres xogan ao vexo vexo.
Os vídeos de Álvaro Negro son á vez vídeo, fotografía e pintura. Recupera fragmentos da paisaxe galega compoñendo a través da mirada un cadro fotográfico.
Carme Nogueira centra o seu traballo na interacción do social e o individual dentro do espazo público empregando para iso distintos medios como o vídeo, a fotografía e a instalación. Na súa obra "El cerro", esta autora traballa sobre a construción da paisaxe da cidade chilena de Valparaíso acerca da cal reflexiona dende Vigo, a súa cidade natal.
Xoán Anleo compaxina a súa carreira docente como profesor na Universidade de Vigo co seu labor creativo. Utiliza o vídeo, a fotografía, a instalación, o texto ou o audio. A peza "Brotes embriagados en profundos soños de formigón" enmárcase no primeiro soporte.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible