O Plan de Actuación Integrado "Conectando a Rolda dos Barrios" (en diante, PAI) non é unha actuación illada, senón que se enmarca nunha estratexia de cidade construída durante os últimos anos para afrontar os grandes retos urbanos do presente e do futuro da Coruña.
A estratexia de planificación integrada para o conxunto do municipio parte da Axenda Urbana da Coruña 2030 (AUAC) . Elaborada en 2022, produto dun proceso de participación e de conformidade cos principios metodolóxicos da Axenda Urbana Española (AUE), a AUAC foi aprobada en setembro dese mesmo ano. Concibida como un documento estratéxico vivo, en 2024 levou a cabo a súa revisión. Esta revisión constitúe a Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) da Coruña , a cal se articula arredor de 3 grandes Retos e 12 Obxectivos Estratéxicos.
Para facer efectiva esta Estratexia, a cidade deseñou o PAI para trasladar á práctica os principios e contidos da EDIL aos barrios da Sagrada Familia e dos Mallos, dúas das contornas desfavorecidas con maiores necesidades de rexeneración da cidade. O plan céntrase en mellorar a súa integración urbana e espazo público, reforzar as prestacións sociais e a rede de equipamentos, e aproveitar a oportunidade que supón a implantación da área de intermodalidade lindeira para a cohesión territorial, continuando así coas políticas públicas que pretenden vertebrar a cidade a través dos barrios. Deste xeito, o PAI complementa o programa municipal Plan de Barrios 2025-2027 , unha política clave para a cohesión territorial da Coruña, que conta cunha dotación anual significativa (53,7 M € en 2024.)
A EDIL da Coruña marca o camiño para abordar os retos do futuro, con atención á neutralidade climática, a dixitalización e a cohesión territorial, sen perder de vista a rexeneración urbana, o benestar social e a dinamización da economía local. En consecuencia, esta Estratexia de transformación de cidade non só prioriza a mellora da accesibilidade, a mobilidade e o atractivo urbano destes barrios, e promove unha integración efectiva no tecido urbano coruñés, senón que tamén inclúe medidas e actuacións clave para mellorar a calidade de vida dos seus e das súas habitantes e a cohesión social.
O PAI traduce a Estratexia global de cidade en intervencións concretas, de modo que dá unha cobertura completa e integrada ao conxunto de principios da Estratexia e dálles unha resposta efectiva e localizada.
O PAI permitiulle ao Concello da Coruña concorrer á convocatoria para a asignación de senda financeira FEDER a Plans de Actuación Integrados de Entidades Locais, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no período de programación 2021-2027.
Inicialmente foi presentado cun investimento de 20 millóns de euros. Tras a resolución definitiva da convocatoria, o investimento aprobado axustouse a 14.550.506 €, dos que 8.730.304 € corresponden ao financiamento do FEDER, equivalente ao 60% de cofinanciamento. Esta adecuación orzamentaria responde aos criterios de distribución de fondos aplicados pola Dirección Xeral de Fondos Europeos, que permitiron ampliar o número de entidades beneficiarias da convocatoria.
En resumo, a estrutura financeira do PAI é a seguinte:
A Axenda Urbana, a EDIL e o PAI apóianse nunha sólida traxectoria municipal na captación e xestión de financiamento europeo. Durante as últimas décadas, o Concello participou en numerosos programas e iniciativas europeas cuxa información pode consultarse na apartado web de Fondos Europeos A Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible