
O 12 de maio de 1976 tivo lugar unha catástrofe de amplo impacto medioambiental provocada polo petroleiro Urquiola. O barco fora construído en Sestao (Biscaia) en 1973 e transportaba 107.000 toneladas de cru desde Arabia Saudita á refinería da Coruña. Cando enfilaba a entrada da ría coruñesa, o casco do buque chocou cunhas agullas rochosas do fondo do mar que non estaban ben indicadas nas cartas marítimas.
Tras o primeiro impacto, puxéronse en marcha as bombas para trasegar o combustible do tanque danado e detivéronse as máquinas. Pouco despois, o capitán do Urquiola recibiu a orde de saír inmediatamente pola mesma canle por onde entrara, manobra na que encallou definitivamente. Está probado que o petroleiro tocou as dúas veces nas mesmas pedras do fondo da baía derramando unhas 100.000 toneladas de cru que se estenderon por toda a costa coruñesa, ademais de provocar unha intensa nube tóxica resultante dos incendios. Aínda sen ter unha cuantificación exacta, o impacto económico para a pesca e o marisqueo da zona foi moi elevado, tardándose anos en recuperarse.
Para lembrar esta catástrofe e tamén para reflexionar sobre o que significan accidentes deste tipo, o Instituto «José Cornide» organizou unha exposición na rúa Compostela da Coruña -inaugurada cando se cumprían exactamente 50 anos daquela catástrofe- na que se recollen os principais vertidos que afectaron á costa galega entre 1917 e 2002 e que provocaron mareas negras e contaminantes.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible