19 de agosto de 2019
A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convoca, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega, así como cursos de linguaxe administrativa galega.
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca varios cursos de linguaxe administrativa galega (presenciais e en liña), así como cursos preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga en varias escolas oficiais de idiomas galegas (EOI).
Desta vez, a EOI da Coruña unicamente oferta un curso de linguaxe administrativa galega de nivel superior, cuxa data de inicio será en outubro de 2019 e a súa fin, no mes de xaneiro de 2020. Este curso diríxese nomeadamente ás e aos empregados públicos que posúan o curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes. De ficaren prazas libres, tamén poden acceder as persoas maiores de 16 anos que non foren empregadas públicas e que posúan igualmente os certificados ou acreditacións devanditas.
Para inscribirse neste curso gratuíto da EOI da Coruña, hai que encher o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da EOI unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día 2 ata o 11 de setembro de 2019.
Este curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega terá unha duración de 75 horas lectivas comprendidas entre o 28 de outubro de 2019 até o 19 de xaneiro de 2020.
Para máis información, pódese contactar coa EOI da Coruña (rúa da Educación, 1, 15011 A Coruña), no teléfono 981 279 100 ou en eoi.corunha@edu.xunta.es.
Nas EOI de Ferrol ou Santiago de Compostela, dentro da provincia da Coruña, así como nas de Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo ofertan máis cursos preparatorios para obter o certificado Celga e mais cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior. Quen tiver interese neles, pode consultar a propia resolución no DOG 156 do 20/08/2019.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible