Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de decembro de 2020

Na lingua que eu falo... con Xosé Bocixa

Comezamos unha serie de entrevistas con persoas que fan da lingua un medio de expresión pero tamén unha elección individual e comprometida.

Cantante do grupo decano do rock galego, Zënzar. Activista ambiental, cultural, realizador audiovisual, cerebro e voz d´A Tribo Radio, un proxecto alternativo que tivo o seu epicentro durante o confinamento. Ademais, Xosé Antón Bocixa é memoria, gardador dunha sociolingüística particular, artellador de encontros entre a poesía e o guitarreo e conversador incansable.

SNL-Galego como lingua vital pero tamén como lingua vehicular para o rock. Como foi comezar hai trinta anos, rockeando na lingua de noso cando case todos os referentes eran en lingua inglesa ou en español?

-A min marcoume a "Cantiga das Encrobas", escrita por Manuel María e musicada e gravada por Fuxan os Ventos. Cando estalou o conflito no val no que eu vivía, a única música que chegaba a nós era a través da radio e tv. da época e oír un tema que falaba da miña aldea labrega e afastada do mundo foi un choque. Logo puiden desfrutar das fantásticas cancións de Andrés do Barro que arrasaba en galego naquel mundo dominado polo castelán e inglés nos medios de comunicación de masas. Xa un par de anos antes de eu empezar na música con Zënzar "Fai un sol de carallo" dos Resentidos completou esa mensaxe: a nosa lingua é a mellor das linguas para crear dende o noso país, ou polo menos marca esa diferenza en positivo. Atrás quedaron aqueles anos da pregunta constante: "Por que cantades en galego?", unha pregunta repetitiva e absurda cando se lle fai a un grupo de mozos que pensamos, falamos e sentimos en galego. Dende o berce ate a tumba! E sempre sen complexos. Naqueles 80 e 90 eramos 4 gatos usando o galego. Lembro compañeiros de camiño coma Skornabois, Rastreros, Korosidansas, O Caimán do Río Tea, Yellow Pixoliñas, Túzaros, Fame Neghra, Nabarraca, Herdeiros da Crus. 4 gatos orneando en galego que logo tiveron apoio cando foron aparecendo outras bandas coma Diplomáticos de Monte Alto ou Ruxe Ruxe e todo empezou a explosionar en cadea neste século XXI no que a riqueza, a diversidade e calidade musical é alucinante. 

SNL-Con Zënzar participas en proxectos que teñen que ver coa normalización lingüística como Correlingua ou Falamos. Como ves a situación da nosa lingua entre a rapazada? Achas que a música fai máis doada a inmersión no caso das persoas galegofalantes?

-Zënzar tivemos a sorte de ser elixidas en tres edicións como gañadoras do Correlingua e así facer festivais para público infantil e xuvenil. O mesmo ocorre coa actividade "Música e lingua" que levamos adiante co apoio da Deputación da Coruña e de concellos que se interesan por achegalo a escolares. A rapazada non ten prexuízo ningún co galego, teñen un nivel moi alto en termos xerais, tanto falado coma escrito, pero non o usan no seu día a día nas súas relacións. Hai unha ruptura na transmisión oral e no mundo no que se moven cativas e adolescentes o galego brilla pola súa ausencia. Hai moitos motivos para que isto pase. O franquismo pesou moito e pais e nais, avós e avoas galegofalantes diríxense á cativada en castelán. O goberno xa hai moitos anos que decidiu expulsar o galego das escolas. Trazou un plan agresivo expulsando a nosa lingua de materias como matemáticas ou física e ventilou dun golpe os programas voluntarios de inmersión lingüística en educación infantil para nenas e nenos de contornos castelán falantes. Temos unha escola que non deixa pensar, só "chapar" e competir. Non hai orzamentos para encontros con músicas, escritoras, cineastas. Sempre depende da voluntariedade de tal mestra ou de tal artista. Coa historia da nosa música poderiamos ensinarlle a unha aula a historia contemporánea do noso país. Téñennos dito profes que fixo máis unha conversa-concerto de Zënzar que toda a "chapa" sobre lingua de todo o ano. Os contidos son un fastío en termos xerais!

En apenas 10 anos a porcentaxe de rapaces e rapazas que nunca falan en galego pasou dun 29 a un 44%. Nos medios de comunicación que lles interesan a todas estas xeracións non hai rastro da lingua galega, falamos de radio fórmulas, canles de series en tv., contidos lixo que en absoluto lles interesan. Igual sucede coas redes sociais. A transmisión estase rachando e a lingua precisa alimentación día a día para que poida ter continuidade. 

Aínda así, sendo realista, eu quero ser positivo e pensar que toda esa mocidade que coñece e valora o idioma propio pode chegar a dar un paso de cara a recuperalo.

SNL-Dentro das letras de Zënzar hai unha mensaxe deliberada de crítica e movemento cara aos activismos sociais, hai tamén a busca da identidade propia e a súa reivindicación, así como un achegamento a referentes da nosa poesía e literatura. No cinema tamén abres esas portas, facendo sempre achegas literarias e poéticas, non empregas só a imaxe para definirnos, a palabra é algo que alicerza pezas como Unha muller que pasa ou Estruturas? Que importancia ten, se a imaxe pode valerse e sosterse?

-Vindo de onde veño, vivindo o que vivín, e estando vivo, é natural que me implique dende os meus oficios, que eu mesmo fun construíndo, cos temas sociais, coa identidade, coa terra, coa auga. Que me implique gardando anacos da nosa historia, das nosas loitas, e tamén das desfeitas e do abuso do poder que hai que denunciar día a día! No meu primeiro documental As Encrobas a ceo aberto xa aparece de xeito moi presente a poesía de autoras e autores.

Cando ves inxustizas, cando toda unha comunidade é vítima do espolio e do abuso e se o vives en primeira persoa, entón é doado que saia de nós ese animal violento que temos agochado; ese é o momento de usar a intelixencia e non cometer erros de cara a poder vivir unha vida digna e completa. Eu optei por usar unha cámara e un micro, para gardar a memoria e poder crear conciencia e debate sobre determinados problemas nas comunidades próximas a min. 

Cando despois dun concerto nalgún festival se che achega unha parella e despois de sacar a placa de policía te identifican e che din que teñas coidado co que dis que podes meterte en problemas, é a proba de que a alguén lle molestas. Se creas algún tipo de arte e non molestas o poder, se ninguén se molesta é porque estás medio morto, ou fas arte para o poder, para os premios, para a alfombra, e a min non me interesa en absoluto. Hai que evitar ese medo que intentan meternos no corpo dende pequechos. Evitar iso de "ai, non dixen o que pensaba pois podíanse molestar". Pois digámolo. Molestar é obrigatorio cando se trata de combater o espolio, a inxustiza. En Galiza hai material de sobra para facer un ensino que aprende a pensar, que ensina as realidades sociais e medioambientais, políticas. Hai ducias de películas documentais cada ano, ducias de traballos musicais, poéticos que abrirían as mentes de todo o alumnado de xeito efectivo para a cultura e para a lingua en concreto, para seren mellores persoas... pero ao poder económico non lle interesa, e quen nos goberna fai parte dese poder. Falta ese tempo para vivir, para reflexionar e discutir. Falta ese hábito de pensar por nós mesmas, falta a curiosidade para atreverse a descubrir cousas novas, á marxe das que nos bombardean cada día. A primeira cinta con 10 temas que editamos Zënzar titulábase Fascinados polo prohibido! Hai que fascinarse e ser curiosas, hai que ensinar a pensar e a ser disidentes, non uniformar nin colaborar coa submisión. Falta moita filosofía nas aulas para aprender a ser e a molestar!! Penso, cuestiono, logo molesto, esa é a máxima. Oxalá en cada aula houbese unha profesora de filosofía ilusionada!

SNL-Es memoria viva dun dos conflitos sociais máis coñecidos do noso territorio: o espolio das Encrobas. Hai unha referencia constante á perda deses territorios e de todo o medio natural, do patrimonio tanxible e intanxible que marchou pola fenda que se abriu nos vales de Encrobas e Barcia. Que morreu e non volverá? De que temos que deixar memoria?

Temos que deixar memoria do pobo que fomos e que somos. Deses pobos indíxenas que coidaban a terra, que coidaban a auga, que coidaban o aire, pois son os bens máis prezados para unha vida digna e un planeta en condicións.

Eu son fillo de labregos que loitaron por poder ter un anaco de terra para traballar. Outras persoas son fillas de traballadoras do mar. Terra e mar en estado puro. Cando eu era neno pescabamos no río para comer, non para facer deporte. Coidabamos do río para ter de comer. Esa é a clave. Hoxe só podemos pescar no supermercado peixe infectado de microplásticos, mercar froitas saturadas de pesticidas. Cando eu era neno no val das Encrobas tiñamos froita limpa todo o ano, tiñamos caza e pesca todo o ano, tiñamos terra limpa para cultivar e criabamos carne sen contaminar. Actualmente as persoas viven amoreadas nas cidades do planeta, a destrución das aldeas e dos territorios de cultivo con macroplantacións de eucaliptos ou de solla para alimentar os 70.000 millóns de animais que se producen industrialmente e que están esmagando os ecosistemas do planeta e a saúde humana son realidades vergoñentas. A desigualdade social é abismal, o cambio climático terrible, e os muros e aramadas nas fronteiras espantoso. As loitas polas enerxías provocan guerras e morte na terra. É o capitalismo salvaxe. Chegamos a isto despois de expulsar das súas terras as primeiras comunidades indíxenas no século XIX en América. No século XX viñeron a polas comunidades indíxenas en Galiza e a roda segue a día de hoxe en todo o planeta. Aínda agora dous mil millóns de persoas non teñen auga potable neste planeta, e mil millóns de persoas sofren desnutrición. Estes datos trátanse nas escolas???

SNL-Durante o confinamento estiveches a traballar nun proxecto de radio independente e alternativa, A Tribo Radio, que acadou unhas cotas de escoita e un entusiasmo colectivo bastante inusual nestas cousas. Que pasa con ese proxecto?

A Tribo radio foi produto dunha arroutada! Eu fixen radio 15 anos no concello onde nacín. Botamos a andar unha radio municipal, Radio Cerceda, que tivo ampla repercusión de audiencia por toda a provincia. Eran as primeiras radios locais. Eu era o coordinador de contidos e fixemos radio libre e plural moitos anos, con programas variados. Chegamos a contar con 20 programas mensuais de colaboracións remuneradas. Alí empecei eu a xogar coas cámaras de vídeo!

Deixei aquela profesión moi queimado daquela e marchei ao mundo da dobraxe onde me formei con Mourelos. Alí traballei un par de anos até que me ofreceron un contrato indefinido lixo e marchei facer videoxornalismo e aí empecei coas cámaras máis en serio. 

No confinamento unha boa amiga, Verónica Álvarez e Duarte Crestar, un amigo, encirráronme e empezamos coa Tribo Radio. Coa axuda en redes e prensa de Rosabel Candal fixemos 7 programas de 90 minutos aproximadamente, en galego, con voces diversas e sobre temas diversos. A pandemia, habitar a aldea, as enerxías, a auga, o turismo, renda básica, os coidados... foi moi intenso e démoslles voz a moitas persoas súper interesantes do campo da ciencia, do social, do local. Cremos que falan persoas moi competentes que non teñen voz nos medios de comunicación deste país, e tratamos os temas dun xeito reflexivo, dende a experiencia e da ciencia e vai combinado con boa música, poesía, xornalismo, filosofía. Foi algo plural e todas as persoas colaboraron sen un céntimo a cambio. A Galiza activa e moderna, a Galiza intelixente, solidaria e reflexiva que tamén existe. Escoitáronnos e mandáronnos audios persoas galegas residentes en lugares de todos os continentes. Hai momentos moi emocionantes que poñen a pel de galiña. Reflexións que chegan a dentro. É unha mágoa non poder ter unha continuidade, unha estabilidade, pero sen financiamento é imposible. Eran moitas horas de traballo e neste país é moi complexo facer algo crítico e libre. Cada quen na súa leiriña. Pero tentaremos volver cunha segunda tempada, aínda que sexa en formato mensual. Os programas non teñen data de caducidade e aínda podedes escoitalos en www.ivoox.com buscando A Tribo Radio. Tamén hai info sobre o proxecto que rematou esa primeira etapa cun directo no festival Armadiña de Combarro en www.atribo.gal

SNL- Documental, activismo e denuncia, rock e radioxornalismo... En que máis andas?

Pois aínda que non o pareza, tamén vivo, teño persoas cerca ás que quero, familia, amigas e amigos... A vida é curta e hai que desfrutala!

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras pola/s que desexas buscar nas nosas actividades

Tamén podes revisar a nosa axenda de actividades

Próximas inscricións

  • "O libro máxico", de Migallas Teatro, ás 17.00 h

    Cando:

    02/04/2024

    Horario:

    17.00 horas 

    Inscricións:

    Dende o 29/03/2024 ata o 02/04/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

  • "O libro máxico", de Migallas Teatro, ás 18.30 h

    Cando:

    02/04/2024

    Horario:

    18.30 horas 

    Inscricións:

    Dende o 29/03/2024 ata o 02/04/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

  • "Os instrumentos teñen vida propia", de Laura Romero, ás 17.00 h

    Cando:

    09/04/2024

    Horario:

    17.00 horas 

    Inscricións:

    Dende o 05/04/2024 ata o 09/04/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 5 e 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

Próximas inscricións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión