Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xullo de 2025

Programa Falamos secundaria 2025

Actividade dirixida aos centros de ensino secundario da cidade

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña ten establecida, entre as súas funcións, a de realizar diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego, entre os que se atopa o Falamos secundaria. Este programa pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego.

Con este fin, imos desenvolver as seguintes actividades no auditorio do Centro Ágora (dunha duración aproximada de 50 minutos):

  • 2 pases escolares (10.00 e 12.00 h), o martes 4 de novembro, de charla e música con MJ Pérez e Manuel Núñez Singala, dirixidos ao alumnado de 1.º e 2.º curso da ESO  PRAZAS ESGOTADAS
  • 2 pases escolares (10.00 e 12.00 h), o mércores 22 de outubro, de charla e música con Pauliña, dirixidos ao alumnado de 3.º e 4.º curso da ESO PRAZAS ESGOTADAS

As solicitudes de inscricións realizaranas os centros interesados, dende o 29 de setembro ata o 3 de outubro, para os centros públicos. Se quedan prazas libres, abrirase un segundo prazo, para os centros concertados e privados, dende o 6 ata o 10 de outubro

Será a través da web de Educación, en https://edu.coruna.gal/coruna_educa_centros/main/login.php

Deberannos indicar o número de alumnado e de profesorado acompañante. Confirmaráselles a inscrición aos centros por orde de solicitude, ata que se complete a capacidade da planta baixa do auditorio (330 butacas). Débese estar no Centro Ágora con 20 minutos de antelación.

A actividade é de balde. O transporte (de precisalo) correrá por conta de cada centro escolar.

Pauliña é a cantante, compositora e actriz de Cambados Paula Chaves, que conversará distendidamente sobre contidos sociolingüísticos, e sobre a súa experiencia vital, coas mozas e mozos dos centros participantes. Ao final da charla, a cantante e a súa banda tocarán algúns dos seus temas propios. Pauliña é unhas das voces femininas con máis carácter e personalidade de hoxe en día, referente para a mocidade. Ten catro discos publicados e, coa súa guitarra, subiu aos escenarios de Zënzar, Ruxe Ruxe ou Guadi Galego. Nas súas pezas mestura o rock, o folk e mesmo o blues e o country. A rapazada escolleuna como gañadora do Cantalingua 2019 e terceira clasificada no 2022. Foi semifinalista nos Premios MIN 2021 na categoría de "Mellor álbum en galego". Como actriz, gañou o premio á mellor interpretación feminina no Festival de Cine de Madrid. Foi seleccionada para os premios Mestre Mateo 2023 da Academia Galega do Audiovisual nas categorías de mellor actriz principal e mellor videoclip.

MJ Pérez é unha cantautora galega que leva en activo dende 2014 e acumula centos de concertos por diferentes cidades e vilas galegas e portuguesas, así como 4 discos, varios sinxelos e diversas colaboracións con outros proxectos. A súa traxectoria e traballo caracterízanse por unha gran carga de personalidade e enxeño. A súa música navega entre diferentes estilos, mais sempre cunha voz característica e letras e historias que definen a súa personalidade. Ao longo do seu percorrido recibiu diversos recoñecementos, entre os que destaca o premio Xuventude Crea 2017 e o Premio Martín Códax na categoría de Canción de Autor/a en 2021 (e finalista nos dous anos anteriores). Tamén resultou finalista dos Premios Opinión da Música de Raíz con Vai embora! como mellor tema orixinal e, ata en catro ocasións, finalista dos Premios aRi[t]mar.

Manuel Núñez Singala é director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e escritor. Entre as súas obras destacan algunhas nas que se lle presta unha especial atención á cuestión da normalización e extensión do uso do galego dende un punto de vista divulgativo e accesible, como En galego, por que non? e Sacar a lingua é de mala educación. Oportunidades do multilingüismo na infancia e na idade adulta. É coordinador da Comisión Técnica de linguaxes de Especialidade do Consello da Cultura Galega e membro do Comité internacional da Rede Panlatina de Terminoloxía. Por outra parte, recibiu o Premio Xiria de Creación Teatral por O achado do castro, o Premio María Casares ao mellor texto orixinal por Bicos con lingua, o Premio Frei Marín Sarmiento por Menú de enganos, o Premio Careón ou o Premio dos Clubs de Lectura no 2023. Publicou tres novelas e a súa última obra, Atranco no banco, é unha peza teatral. 

Obxectivos do programa Falamos secundaria:

  • Promover e fomentar a utilización da lingua galega nos centros de educación secundaria da Coruña.
  • Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
  • Garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega.
  • Estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado da lingua galega.
  • Superar vellos prexuízos, presións globalizadoras e inercias negativas.
  • Procurar espazos de uso e de lecer en lingua galega que sexan de calidade para o alumnado dos centros de ensino da nosa cidade.

Máis información a través de inscricionslingua@coruna.gal 

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras pola/s que desexas buscar nas nosas actividades

Tamén podes revisar a nosa axenda de actividades

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión