28 de xullo de 2026
Aproveitando o verán para coñecer lugares de noso onde procurar as raíces, as tradicións e aprender un chisquiño mentras gozamos da natureza, visitamos a Fundación Legar, na aldea courelá da Seara, onde o músico e investigador Xavier Blanco e a educadora Martina Ferradás guíannos a través dos sons, por unha colección de pezas sonoras abraiantes.
Fundación Legar: música de raíz, territorio e memoria viva
A Fundación Legar constitúe unha iniciativa cultural singular dedicada á preservación, investigación e difusión da música de raíz como patrimonio cultural inmaterial. O proxecto aséntase na aldea da Seara, no Courel, un espazo de extraordinaria densidade xeolóxica, histórica e paisaxística no que a relación entre territorio e cultura non é só contextual, senón estrutural.
Máis ca un museo no sentido convencional, trátase dun espazo vivo de investigación e transmisión, onde a música, a memoria e a comunidade interrelaciónanse nun proceso continuo. A súa actividade articúlase arredor dunha colección museográfica de instrumentos primixenios e dun centro de interpretación que propón unha lectura ampla da música como forma de coñecemento do mundo.
O traballo da Fundación Legar realízano o músico e investigador da música de raíz Xavier Blanco, quen atesoura unha colección de máis de 1.000 obxectos sonoros, ademais dun estenso arquivo de sons de tradición oral e Martina Ferradás, fundadora e educadora, quen combina a súa paixón musical coa aplicación inclusiva da tradición.
A música de raíz como hipótese de orixe
A noción de música de raíz que sustenta o proxecto parte dunha idea esencial: a música nace da relación directa entre o ser humano e o son da natureza. En palabras de Xavier Blanco, os instrumentos primixenios serían, neste sentido, a primeira tecnoloxía sonora, unha prolongación da materia viva e dos seus ritmos.
Para explicar esta continuidade, proponos unha metáfora recorrente no discurso da Fundación: a da árbore. Na súa estrutura simbólica, a raíz corresponde aos instrumentos primitivos, ao momento fundacional da expresión sonora; o tronco representa a música tradicional, entendida como desenvolvemento cultural estable; as pólas serían as distintas derivacións folk; e as follas, as expresións da música popular contemporánea, máis afastadas da orixe pero aínda vinculadas a ela.
Nesta visión, a música de raíz non é un xénero, senón unha forma de memoria. Un sistema vivo que se transforma, mais que conserva unha continuidade profunda coa súa orixe.
Unha colección como sistema de coñecemento
O traballo que Xavier e Martina desenvolven, baséase nun intenso proceso de catalogación e inventario que sitúa a Fundación como un dos primeiros centros especializados en música de raíz en Europa, e segundo o propio proxecto, tamén a nivel mundial.
A colección está composta por arredor de 1.200 instrumentos primixenios, cada un deles entendido non só como obxecto sonoro, senón como testemuño dunha forma de relación co mundo. A diversidade destes instrumentos permite reconstruír unha cartografía do pensamento musical primitivo, onde materia, función e simbolismo aparecen profundamente entrelazados.
A música, nesta perspectiva, non é só arte, senón tamén coñecemento empírico do entorno.
Natureza, son e imitación
Un dos piares conceptuais do proxecto é a hipótese de que a música nace da imitación dos sons da natureza. O ser humano aprende a escoitar antes de crear, e nese proceso establece unha linguaxe que non separa o son do seu contexto natural.
Neste sentido, o proxecto recolle e interpreta unha ampla gama de instrumentos e obxectos sonoros elaborados a partir de materiais orgánicos: madeira, cana, fibras vexetais, sementes ou elementos animais. Gaitas construídas con aveleira e cana, arcos sonoros, estruturas de vibración ou dispositivos de vento libre exemplifican esta relación directa entre natureza e tecnoloxía sonora.
Entre eles destacan tamén obxectos singulares como a "gaivota" de madeira, a "bramadeira" do vento ou instrumentos construídos con materiais orgánicos como tripas ou berberechos, nos que o son aparece como extensión inmediata da materia viva.
O territorio como fundamento
A localización do proxecto na Seara responde a unha lóxica de coherencia entre discurso e contexto. Non se pode falar de raíz sen territorio, e neste caso o espazo físico forma parte esencial da narrativa cultural.
A aldea sitúase nun enclave de forte continuidade histórica. O territorio presenta evidencias xeolóxicas de grande antigüidade, vinculadas a formacións paleozoicas, e conserva tamén unha pegada medieval visible na súa arquitectura relixiosa e na súa infraestrutura tradicional, como a igrexa dos séculos XI-XII ou a ponte histórica.
O conxunto no que se asenta a Fundación inclúe unha casa de muros de pedra con máis de catrocentos anos, coñecida como a Casa do Sacristán, xunto con espazos agrícolas como a leira, a corte e a vivenda, así como unha eira comunal compartida pola comunidade. Trátase dunha arquitectura de uso, onde o habitar e o producir non se separan da estrutura física.
Materiais e sostibilidade
Un dos aspectos máis coherentes da intervención é o seu enfoque sostible, baseado na continuidade da materia. Os materiais procedentes da poda ou da contorna non se consideran residuos, senón parte dun ciclo vital que continúa noutras formas.
Esta filosofía transcende o ámbito arquitectónico para converterse nun principio cultural: o que forma parte da natureza non desaparece, senón que se transforma e continúa. A sostibilidade enténdese aquí non como concepto técnico, senón como ética de relación co territorio.
Un espazo vivo
Nos seus primeiros meses de funcionamento, o espazo recibiu arredor de 700 visitantes, unha cifra que confirma o interese crecente por proxectos culturais que propoñen unha experiencia enraizada, non extractiva e profundamente vinculada ao lugar.
A Fundación preséntase así como un espazo de encontro entre coñecemento, comunidade e experiencia sensorial, no que a música funciona coma ponte entre tempos históricos distintos.
A Fundación Legar atópase dentro da Rede de Museos de Galicia, contribuíndo á visibilidade do amplo patrimonio material e inmaterial do noso territorio.
DATOS ÚTILES:
O Centro abre as súas portas de venres a domingo e en días festivos:
Venres: de 18.00 a 20.00 h
Sábados: de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 h
Domingos: de 10.00 a 14.00 h
Flexibilidade horaria: ademais do horario habitual, é posible concertar visitas noutros horarios, sempre baixo solicitude previa e suxeitas a dispoñibilidade.
Escribe a palabra ou palabras pola/s que desexas buscar nas nosas actividades
29/09/2026
17.00 horas
Dende o 25/09/2026 ata o 29/09/2026
A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o.
Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas.
Pídese puntualidade.
Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña
29/09/2026
18.30 horas
Dende o 25/09/2026 ata o 29/09/2026
A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o.
Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas.
Pídese puntualidade.
Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible