14 de setembro de 2017
A actividade desenvolverase no Centro Ágora o martes 3 e 10 de outubro e está destinada a 30 familias
O luns 18 de setembro a partir das 9.00 h, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña abre o prazo de inscrición para os Arrolos de Salitre, unha actividade que será impartida por Xabier Díaz e Guillerme Fernández e que está destinada a 30 familias.
O obxectivo dos Arrolos de Salitre é que nais, pais e outros familiares poidan aprender a practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés e comezar a transmitirlles a lingua e a música. O obradoiro componse de dúas sesións. A primeira será o martes 3 e a segunda, o martes 10 de outubro na aula 10 do Centro Ágora.
A actividade, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, está impartida polos músicos Xabier Díaz que, entre outros proxectos, publicou o exitoso disco Arrolos de salitre, un álbum que contén precisamente 11 cantos de berce en galego; e Guillerme Fernández, guitarrista cunha ampla traxectoria musical.
As inscricións para este evento ábrense o luns 18 de setembro a partir das 9.00 horas nesta ligazón. Os Arrolos de Salitre está dirixio a 30 familias con bebés de 0 a 3 anos, futuras/os nais e pais, formadoras/es de escolas infantís, monitoras/es etc. Só é necesario inscribir o/a neno/a e non a persoa acompañante.
Sobre o programa Apego
O Programa Apego é unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos co fin de fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial, para achegarlles ás familias argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego.
As familias interesadas poden atopar máis información en http://www.apego.gal onde poderán cubrir unha ficha de inscrición para concertaren unha cita co Servizo de Normalización do Concello da Coruña e recibiren un agasallo de benvida.
Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible