Os Paseos pola Coruña Literaria, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña xunto a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, xa teñen datas e portagonistas para este outono: Xosé Luís Axeitos, María Solar, Xabier P. DoCampo e un percorrido pola obra de Agustín Fernández Paz con María Jesús Fernández, levaranos por diferentes localizacións para dárennos a coñecer unha outra cidade, a Coruña que ambientaron ou inspiraron as súas obras ou que foron berce das nosas letras.
O calendario de paseos fica como segue:
- 30 de setembro, de 12:00 a 13:30 h. Con Xosé Luís Axeitos. Dicía nos anos vinte do pasado século El Pueblo Gallego, a propósito da estreliña nacionalista que adoitaban poñer os irmandiños na cabeceira das súas cartas, o seguinte: «Ises loceiriños que estrelecen o ceo dos nosos escritos, isas margaridas pentapétalas, que bosquexamos inxenuamente derriba das nosas cartas espranzadas...».
- 7 de outubro, de 17:30 a 19:00 h. Con María Solar. Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.
- 21 de outubro, de 12:00 a 13:30 h. Paseo sobre Agustín Fernández Paz, guiado por María Jesús Fernández. Quixera que fosen as palabras do propio Agustín Fernández Paz as que desen xusto sentido a este percorrido polos escenarios da novela A viaxe de Gagarin, derradeira que o querido e lembrado escritor e amigo dedicou ao público lector adulto. Dicía Agustín nun texto que escribiu no mes de novembro de 2015 para recibir o Premio da Crítica de Creación Literaria dese ano, e que eu tiven a honra de ler no seu nome: «... A viaxe de Gagarin, como toda historia que pretende ser universal, afonda as súas raíces nun territorio moi concreto: a cidade da Coruña, na década dos sesenta... ... A viaxe de Gagarin é, dalgún xeito, un libro xeracional: un repaso á España, á Galicia, dunha amarga etapa da ditadura de Franco, desde finais dos cincuenta ata a morte do ditador. Unha etapa da que, aínda hoxe, as ondas do que nela sucedeu chegan ata nós...».
- 4 de novembro, de 12:00 a 13:30 h. Con Xabier P. DoCampo. "Lembro cando, nos últimos anos cincuenta do século pasado, había na Coruña dezasete salas de cinema abertas. Dese xeito, o cinema chegaba a todos os barrios da cidade, cousa importante dado que era o único espectáculo que nos abría unha fiestra ao mundo exterior nun panorama de illamento cultural. A intención do roteiro é a de percorrer os lugares onde estaban aquelas salas, en especial as do centro, que eran as de estrea, aínda que falaremos tamén das outras, as de reestrea ou populares. E falaremos moito do que significaba o cinema, de como eran as salas, o público..."
Prazos e forma de inscrición
Os Paseos pola Coruña Literaria están destinados a persoas maiores de 16 anos e son totalmente gratuítos. Con todo é necesaria a inscrición pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pode facerse na Conserxaría do Centro Ágora, chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas seguintes datas
- Xosé Luís Axeitos. Inscrición desde o luns 18 de setembro.
- María Solar. Inscrición desde o luns 25 de setembro.
- Paseo sobre Agustín Fernández Paz, guiado por María Jesús Fernández. Inscrición desde o luns 9 de outubro.
- Xabier P. DoCampo. Inscrición desde o luns 23 de outubro.