Concello da Coruña

Concello da Coruña

Empadroamento, normas e obtención do volante ou certificado

En que consiste?:

Padrón municipal

O Padrón municipal é o rexistro administrativo onde consta a veciñanza dun municipio. Os seus datos constitúen proba da residencia no municipio e do domicilio habitual nel. As certificacións que dos devanditos datos se expidan terán carácter de documento público e fidedigno para todos os efectos administrativos.

Toda persoa que viva en España está obrigada a inscribirse no Padrón do municipio no que resida habitualmente. Quen viva en varios municipios deberá inscribirse unicamente no que habite durante máis tempo ao ano.

Onde se fai?:

  • Na oficina do Rexistro Xeral Municipal, situada no Palacio Municipal, praza de María Pita, 1, 15001 A Coruña
  • No Rexistro Auxiliar do Fórum Metropolitano (r/ Río Monelos, 1)
  • No Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural Ágora (Lugar da Gramela, 17)

Canles de presentación

Presencial

Que se necesita?:

Documentación xeral para inscrición:

  • Folla de inscrición do Padrón (non dispoñible na web). Deberá ser asinada por todas as persoas maiores de idade. A folla de Padrón cubriraa o persoal funcionario da Unidade de Padrón e deberase presentar o DNI orixinal ou calquera outro documento de identificación (NIE, pasaporte, carné de conducir etc. De todas as persoas maiores de idade e libro de familia das/os menores de 15 anos así como o documento que acredite a garda custodia (se a houbese). Sempre documentación orixinal.
  • Xustificación da utilización da vivenda.

No suposto de persoas estranxeiras, segundo a Lei orgánica 14/2003, do 20 de novembro, sobre os dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España (art. 3.º, punto 2), tamén deben achegar:

  • Tarxeta de Residencia en vigor ou pasaporte do país de procedencia, no suposto de cidadáns/ás nacionais de estados membros da Unión Europea, doutros estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou de Estados aos que, en virtude dun convenio internacional se estenda o réxime xurídico previsto para a cidadanía dos estados mencionados.
  • NIE ou pasaporte do país de procedencia, no caso de cidadanía de estados non comprendidos no suposto anterior.

Altas

Por omisión:

Realízase a alta por omisión cando residindo habitualmente no termo municipal, non se figure inscrita/o no Padrón de ningún municipio.

  • A totalidade dos documentos indicados no apartado documentación xeral.
  • Impreso específico no que se faga constar que non figuran ou descoñecen figurar inscritas/os no Padrón de Habitantes doutro municipio.

Por cambio de residencia procedente doutro municipio:

  • A totalidade dos documentos indicados no apartado documentación xeral.
  • Impreso específico no que se faga constar o municipio de procedencia.

Por nacemento (documentación orixinal):

Procedemento normal. A/o nacida/o inscribirase no Rexistro Civil que, a través do Instituto Nacional de Estatística, o comunica ao Concello da Coruña.

Procedemento especial. Tamén se poderá dar de alta as/os nacidas/os cubrindo a solicitude de alta, presentando o Libro de Familia en que conste a súa inscrición, o certificado de nacemento e o documento en que conste a garda e custodia da/o menor (se o houbese).

No suposto de que se inscriba cunha soa persoa proxenitora deberán asinar a alta as dúas persoas proxenitoras con fotocopia do DNI das dúas.

Se non poden asinar as dúas persoas proxenitoras o DNI ou documento xustificativo orixinal e cubrir o impreso de declaración responsable para a alta do cambio de domicilio de menores.

Documentación para presentar nos distintos supostos

Empadroamento nun domicilio no que xa hai persoas inscritas no padrón municipal:

  • A totalidade dos documentos indicados no apartado documentación xeral excepto a xustificación de utilización da vivenda.
  • A persoa que autorice deberá dispoñer dalgún título acreditativo da posesión efectiva da vivenda (propiedade, alugueiro etc.) a nome dela. Esta persoa deberá asinar a Folla de Inscrición do Padrón, autorizándoas/os a vivir no mesmo domicilio.

Se non podo xustificar con documentación a utilización da vivenda:

  • Se me deixan a vivenda sen documentación que o acredite, a persoa propietaria ou a titular do contrato de arrendamento, deberá asinar a folla de padrón autorizándoa/o a empadroarse no dito domicilio.
  • Presentar o DNI ou documento de identificación orixinal; documento de xustificación da utilización da vivenda segundo o apartado de xustificación da utilización da vivenda.

Normas para o empadroamento de menores

Empadroamento dun/dunha menor nun domicilio distinto ao das dúas persoas proxenitoras:

  • A totalidade dos documentos indicados no apartado documentación xeral
  • DNI do pai e nai ou titor/a legal
  • DNI orixinal da persoa maior de idade que autoriza
  • Impreso de cambio de domicilio ou de alta, segundo corresponda

Se por calquera motivo unha das persoas proxenitoras non pode asinar o impreso do cambio de domicilio ou o de alta, debe achegar:

  • Impreso de declaración responsable

Se as/os menores se empadroan coas dúas persoas proxenitoras:

  • Deberán achegar sempre o Libro de Familia, para demostrar que son as persoas proxenitoras.
  • DNI orixinal das persoas proxenitoras
  • O resto da documentación xeral

Se as/os menores se empadroan só cunha das persoas proxenitoras:

  • Deberán achegar sempre o Libro de Familia.
  • Deberán asinar as dúas persoas proxenitoras na solicitude de alta:
    • A solicitude de alta doutro concello e omisión
    • Na solicitude de cambio de domicilio
  • DNI orixinal das dúas persoas proxenitoras
  • O resto da documentación xeral.

Se as/os menores se empadroan só cunha das persoas proxenitoras e a outra está ausente, (polo que non pode asinar:)

  • Deberán achegar sempre o Libro de Familia
  • Declaración responsable de proxenitor para inscrición ou cambio de domicilio de menores non emancipadas/os
  • DNI orixinal da persoa proxenitora coa que se empadroa a/o menor.
  • O resto da documentación xeral.

Se as/os menores se empadroan só cunha das persoas proxenitoras por separación ou sentenza xudicial:

  • Deberan achegar sempre o Libro de Familia
  • Sentenza xudicial onde a garda e custodia da/o menor estea confiada en exclusiva á persoa proxenitora que realiza a solicitude.
  • DNI orixinal desa persoa proxenitora.
  • O resto da documentación xeral.

Se as/os menores se empadroan cunha das persoas proxenitoras que están incursas nalgún dos supostos de feito previstos nos artigos 103.1c) ou 152.3c) do Código Civil

  • Deberá achegar copia da autorización xudicial correspondente autorizando a inscrición ou o cambio de domicilio da/o menor.
  • DNI orixinal da persoa proxenitora.
  • O resto da documentación xeral.

Modificacións

Por cambio de domicilio no propio concello:

Trátase de alteracións de datos que figuran no Padrón que non afectan á condición de residente habitual.

  • A totalidade dos documentos indicados no apartado documentación xeral.
  • Impreso de declaración de cambio de domicilio.

Datos persoais:

Trátase de variacións nos datos persoais posteriores á inscrición, así como as que se derivan da corrección de erros materiais.

  • Copia do documento no que figuren os datos que se pretenden modificar (DNI, partida de nacemento, libro de familia, titulo académico etc.).

Baixa no padrón municipal

Baixa por defunción:

Unha vez inscrita a defunción no Rexistro Civil, o concello realiza a baixa de oficio cos datos que lle facilita o INE (Instituto Nacional de Estatística).

En casos especiais, serán dadas de baixa no Padrón as persoas falecidas presentando no concello o Libro de Familia no que conste o óbito da persoa inscrita ou o certificado oficial de defunción (documentación orixinal).

Baixa por traslado de residencia a outro municipio:

Presentarase a alta no municipio de destino e o municipio de orixe realiza a baixa cos datos que lle facilite o INE (Instituto Nacional de Estatística).

Baixa por traslado de residencia ao estranxeiro:

Presentarase a alta no Rexistro de Matrícula da Oficina ou Sección Consular de destino e o municipio de orixe realiza a baixa cos datos que lle facilite o INE (Instituto Nacional de Estatística).

Certificados de padrón

Pódense emitir certificados de padrón de dous tipos:

  • Dunha soa persoa habitante
  • De todas as persoas habitantes que constan na mesma folla padroal.

Documentación que hai que presentar

Para pedir o certificado cómpre presentar o DNI orixinal (ou documento acreditativo da súa identidade).

No caso de que a solicitude sexa formulada por unha persoa representante deberá achegar unha autorización por escrito e a fotocopia do DNI (ou documento que acredite a súa identidade) da persoa representada.

  • Se se trata dun/unha menor, presentarase o Libro de Familia e a documentación que acredite a identificación do titor ou titora.
  • Impreso de solicitude

Suposto de persoa falecida

  • DNI da persoa defunta ou acreditar un interese lexítimo no trámite, exhibindo o Libro de Familia, testamento, declaración de herdeiros/as ou documento análogo. Se non se puidese entregar algún dos documentos anteriores e, sempre e cando a persoa falecida estivese empadroada coa solicitante, o DNI desta última.
  • Impreso de solicitude

Expedición do certificado

O certificado emítese no momento excepto para os seguintes supostos:

  • Para xustificar o cobro dunha pensión que percibe un cidadán ou cidadá estranxeira, residente en España, do seu país de procedencia.
  • Para xustificar o cobro dunha pensión procedente doutro país, que percibe un cidadán ou cidadá española residente en España.
  • Para trámites de adopción nacional e internacional.

Nestes casos cóbrese a solicitude do certificado á espera de recibir o certificado.

Xustificante ou volante de empadroamento

Documentación:

  • DNI, Libro de Familia, Pasaporte, carné de conducir ou documento identificador de carácter público e valor análogo.

Quen acredite un interese lexítimo (autoridades públicas ou requirimento xudicial) poden solicitar o volante de empadroamento doutra persoa.

Este volante pódese solicitar no apartado de trámites en liña na páxina web municipal: www.coruna.es

Teléfono

Máis información:

Xustificación de utilización da vivenda

(Obrigatoriedade de presentar documentación orixinal)

Se na vivenda non figura ninguén empadroado con anterioridade, xustificarase a súa utilización achegando documentos que a acrediten. Os máis habituais:

para as persoas propietarias

  • a escritura ou documento privado de compravenda de vivenda, copia simple, nota do rexistro de propiedade
  • o recibo do IBI
  • o contrato definitivo ou último recibo dunha compañía de servizos (auga, gas, teléfono fixo,...), no que conste o domicilio e que figure a nome de polo menos unha das persoas que solicitan o empadroamento.

para as persoas arrendatarias

  • o contrato vixente de arrendamento de vivenda xunto co último recibo de alugueiro
  • o contrato definitivo actual ou último recibo actual dunha compañía de servizos (auga, gas, teléfono fixo,...), no que conste o domicilio e que figure a nome de polo menos unha das persoas que solicitan o empadroamento.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión