Concello da Coruña

Concello da Coruña

Que é un faro?

Preto do porto de Alexandría, en Exipto, hai unha pequena illa cuxo nome, en grego, é Faro ou Faros. Dadas as características da costa, Ptolomeo I fixo construír nela un sinal marítimo. Como ocorre moitas veces, a parte serviu posteriormente para lle dar nome ao todo e hoxe quizais non lembremos aquela pequena illa, mais non hai dúbida de que os sinais marítimos se chaman "faros", como a illa que albergou o máis famoso deles, o faro de Alexandría, unha das marabillas do mundo antigo.

Tecnicamente, un faro é un sinal marítimo con alcance superior ás dez millas náuticas, que axuda á navegación cumprindo dúas funcións básicas:

  • Permitirlle a unha embarcación situarse sobre unha carta náutica
  • Facilitar o acceso a portos e puntos de recalada

Tamén son sinais marítimos as balizas e as boias, que serven como sinais de perigo ou risco para a navegación e as enfilacións, que sinalan as canles de entrada ao porto.

A Torre de Hércules é un sinal marítimo e como tal ten a súa propia identificación.

A Torre de Hércules é o único faro que dende as súas orixes na época romana ata a actualidade cumpriu coa súa función primitiva: a de sinalar a localización do porto e servir de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións que na súa singradura atravesan o corredor atlántico. Esta particularidade convérteo nun exemplo excepcional como testemuño único dos numerosos faros que as civilizacións do pasado construíron á beira do mar e que se perderon co devir da historia, mentres que a Torre de Hércules continúa cumprindo coa misión de orientar e dirixir a quen se enfronta diariamente á inmensidade do océano.

Sinal marítimo 03530

Luz branca, alcance 23MN

Período 20s GpD(4) [(L0.3 oc3.0)3 veces]L0.3 oc9.8

Cando se construíu?

Simulación da época romana, Factoría Gráfica

Aínda que non existe unha data definitiva para a datación da Torre de Hércules, á luz dos achados arqueolóxicos pódese afirmar que foi construída arredor da segunda metade do século I d. C. polo imperio romano, no finis terrae do mundo coñecido, é dicir, no noroeste de Hispania, na entrada do gran golfo Ártabro, que comprende as rías do Burgo, Ares e Ferrol.

O lugar elixido para a súa localización foi unha lomba rochosa, denominada Punta Eiras, de case 57 metros de altura, que se atopa entre Punta Herminia e Punta do Orzán, dominando o extremo setentrional da península na que hoxe se asenta a cidade da Coruña.

Unha torre moi austera

As catro fachadas exteriores son dunha grande austeridade no deseño e presentan unha estrutura homoxénea, que se repite en todas as frontes, con pequenas variacións na organización dos vans. Un dos trazos máis característicos deste faro é a franxa helicoidal que percorre as súas fachadas exteriores, desde a base ata o remate do corpo prismático, e que é o recordo da rampla ascendente que en época romana servía de acceso e da cal aínda quedaban as pegadas nos muros do edificio cando en 1789 se iniciou a restauración proxectada polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini.

Baixo estas catro fachadas erixidas no século XVIII atópanse os restos do faro romano, unha construción que probablemente foi proxectada polo arquitecto Gaio Sevio Lupo, procedente da Lusitania. Gaio Sevio deixou unha inscrición conmemorativa aos pés da Torre, que se conserva na plataforma base do monumento, protexido por unha edificación de comezos do século XIX.

Da construción romana chegou ata nós o núcleo interior do faro e perdeuse a rampla de acceso exterior. Este núcleo interno é unha edificación de planta cuadrangular. Da rampla helicoidal e do muro exterior só fican as evidencias que apareceron nas escavacións arqueolóxicas de 1992.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión