Concello da Coruña

Concello da Coruña

Idade Media

Torre romana en ruínas, simulación. Factoría Gráfica.

Durante a alta Idade Media o faro iniciou un dilatado proceso de abandono, espolio e ruína. O declive do imperio romano e das súas redes comerciais supuxo a decadencia das grandes rutas marítimas, que deixaron paso a unha navegación de cabotaxe de baixa tonelaxe moi intensa en augas interiores como as rías galegas.

Nesta época, é posible que o faro xa non alumase o horizonte, pero a súa simple presenza sobre a península na que se asenta sería suficiente para converterse nunha impoñente baliza diúrna para a orientación dos navegantes, cando accedían ao porto coruñés. Tal debeu ser a súa relevancia que, desde época moi temperá, aparecen relacionados cos restos do faro unha serie de topónimos como "Farum Brecantium", "Farum Pregantium" ou simplemente "Faro". É máis, desde o século IX ou X a antiga poboación de Brigantium pasou a chamarse Faro, proba da importancia que este seguía tendo.

Durante a época das invasións normandas, en varias ocasións, recolléronse referencias ao faro. Concretamente na Crónica do Rei Alfonso III fálase dunha batalla no ano 846 na que as tropas asturianas impuxéronse ás forzas normandas xunto ao Farum Brecantium. En relatos posteriores consérvanse outras alusións similares.

Debido ás ameazas externas e ao declive da actividade portuaria e comercial, o núcleo de Brigantium decreceu case ata desaparecer porque a súa poboación se trasladou a un asentamento máis seguro, o chamado Burgo do Faro, situado ao fondo da ría, no actual concello de Culleredo, unha zona resgardada de posibles ataques externos. Nese momento os restos do faro funcionaban como unha torre de vixilancia cun marcado carácter militar e defensivo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión