Concello da Coruña

Concello da Coruña

A restauración do s. XVIII

A finais do s. XVIII, A Coruña era un dos portos máis activos do norte de España e o tráfico marítimo adquirira unha grande importancia. Ademais, a proximidade co porto de Ferrol, que era a base principal da Armada Española, convertera o golfo Ártabro nunha zona de paso obrigada para as frotas militares.

Estas circunstancias propiciaron que o Ministerio da Mariña decidise en 1785 restaurar a Torre de Hércules como parte do plan xeral de mellora e de modernización do porto da Coruña. O Capitán Xeral de Galicia, Pedro Martín Cermeño, máxima autoridade do reino, apoiou abertamente o proxecto, e en 1787 encargoulle ao enxeñeiro militar Manuel de Navacerrada un informe exhaustivo do estado en que se atopaba a Torre. Nese documento, Navacerrada avoga pola conservación da estrutura do faro romano e que se adapte aos avances técnicos da sinalización marítima, en lugar de derrubalo e construír outro novo. Esta opción era a máis económica, argumento nada desdeñable, pero ademais permitía consolidar un monumento que era o símbolo da cidade, aspecto que defendía o académico José Cornide Saavedra. O 4 de xaneiro de 1788, o Rei Carlos III autorizou a restauración da Torre que ía financiar o Consulado do Mar.

Entre os meses de marzo e xuño de 1788, o enxeñeiro militar Eustaquio Giannini elaborou o proxecto. Durante ese tempo contou coa inestimable axuda de José Cornide, que achegou os seus coñecementos sobre a Torre para que a súa intervención fose o máis respectuosa posible cos restos conservados e contribuíse á súa valoración. O resultado desta colaboración foi un exemplo paradigmático de restauración arquitectónica no que Giannini-Cornide fan unha reflexión profunda dos criterios de intervención que deben aplicarse a un monumento romano. Boa parte da investigación realizada publicouna José Cornide en 1792 en Investigacións sobre a fundación e fábrica da Torre chamada de Hércules, unha obra que segue sendo clave para o estudo do faro.

Século XIX

Co paso do tempo, a Torre foi modernizando a súa lámpada para mellorar a iluminación e que os reflexos chegasen máis lonxe e lles servisen de apoio aos barcos. En 1847, o sistema de reflectores antigos substituiuse por outro máis moderno, que a colocou á vangarda dos sistemas de iluminación marítima. A nova instalación da iluminación serviu para as prácticas do alumnado da Escola de torreiros que funcionou entre 1850 e 1853 na Torre, baixo a dirección do piloto mecánico e reloxeiro Agustín Antelo.

En 1858, A Coruña vestiuse de gala para recibir a raíña Isabel II, que acompañada de Francisco de Asís e do príncipe de Asturias visitaron a cidade. Para tan importante ocasión, decidiuse "embelecer" o interior da Torre mediante papeis estampados e teas que cubriron as pedras espidas das cámaras; colocáronse ademais falsos teitos que ocultaron as sinxelas bóvedas de canón e tabiques de barrote no andar baixo. Os chans de pedra cubríronse con alfombras e amobláronse algunhas das estancias co fin de que o cortexo real puidese facer os descansos oportunos na subida ao alto do faro. O resultado, segundo as crónicas do momento, foi sorprendente, porque con eses cambios as cámaras do faro pasaron a converterse en salas anódinas de gusto cortesán.

No primeiro piso localizábanse os cuartos destinadas ao gabinete do enxeñeiro encargado do faro, no segundo habilitouse un salonciño para visitas distinguidas, que pasou a ser coñecido como "a sala da raíña" e no terceiro un almacén para materiais relacionados coa lámpada de iluminación. Ao parecer, a visita finalmente non aconteceu nunca.

Reformas no século XX

Nas últimas décadas do século XIX e as primeiras do XX continuaron as melloras para adaptar o sistema de iluminación aos adiantos técnicos que se ían producindo. Así a lámpada Sautter foi substituída por outra nova da casa Létourneau, co obxectivo de que a súa luz fose máis forte e visible nas noites escuras dos temporais atlánticos.

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, con sede na Coruña, amosa entre os seus fondos expostos a lanterna que operou na torre entre 1854 e 1904, que funcionaba xa entón con ópticas ou sistema de lentes Fresnel, que consisten nunha lente rodeada por aneis concéntricos de sección prismática, que refractan a luz e reflíctena, á vez que a emiten de forma horizontal. En 1904 foi substituída pola lanterna actual e en 1927 tivo lugar a electrificación do faro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión