Concello da Coruña

Concello da Coruña

O soño dunha cidade

Todo estaba preparado para a 33ª Reunión do Comité de Patrimonio Mundial, que se celebrou en Sevilla desde o 22 ao 27 de xuño de 2009. O Comité tivo que estudar 27 candidaturas entre bens naturais e culturais, das que só se inscribiron once bens culturais, dous bens naturais e tres ampliacións de bens xa declarados. Ás 18.26 horas do sábado 27 de xuño, a candidatura de Torre de Hércules deixou de ser un soño para converterse nun ben inscrito na Listaxe do Patrimonio Mundial de acordo co criterio III das directrices operativas, que recoñece a excepcionalidade do faro por achegar un testemuño único sobre unha tradición cultural ou unha civilización viva ou desaparecida.

En 2024 cúmprense quince anos desde que o esforzo de décadas deu froito. O proceso remóntase ao Instituto de Estudos Torre de Hércules, que baixo a dirección do doutor José Luis Vázquez Igrexas, Manito, realizou un traballo extraordinario. Grazas aos fondos da institución financiáronse varios estudos técnicos que formaron parte dun expediente inicial entregado á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Cultura.

O falecemento do doutor Vázquez Igrexas en xuño de 2007 non supuxo a desaparición do Instituto, que continuou co seu labor baixo a dirección de Segundo Pardo-Ciórraga e de Santos.

O camiño da Torre de Hércules cara a declaración de Patrimonio Mundial comezou en marzo de 1986, cando a deputada e escritora María Victoria Fernández-España, apoiada polo Centro Galego de Madrid, fixo a primeira petición para que este monumento fose declarado Patrimonio Mundial.

A idea retomouse en 1989, coincidindo cos actos que conmemoraban o II centenario da restauración do faro dirixida polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini. A iniciativa tivo unha considerable repercusión social, mais non chegou a materializarse en medidas concretas.

En 2001 ponse en marcha unha nova iniciativa liderada polo doutor José Vázquez Iglesias, máis coñecido como Manito, un gran namorado da Torre, que seducido pola excepcionalidade do monumento que tantas veces inmortalizara coa súa cámara de fotos, decidiu crear o Instituto de Estudos Torre de Hércules para impulsar a candidatura da Torre.

Arredor do instituto, Vázquez Iglesias conseguiu aglutinar as principais institucións da cidade co obxectivo final de obter o apoio social e institucional necesario para que a UNESCO recoñecese a Torre como un ben de valor universal excepcional e aceptase a súa inscrición na Listaxe de Patrimonio Mundial.

Segundo establecen as directrices prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial, os bens que forman parte da listaxe teñen que demostrar un valor universal excepcional que os fai diferentes a calquera outro ben e que xustifica o criterio polo que o Comité de Patrimonio Mundial decide inscribilo. No caso da Torre de Hércules, o seu valor universal excepcional reside en que é:

  • O único faro romano do mundo que se conserva, se non completo, si en máis dun 60 %, e que continúa funcionando na actualidade.
  • É, ademais, un caso paradigmático dunha intervención arquitectónica nun monumento da antigüidade, porque cando en 1790 Eustaquio Giannini proxectou a restauración da Torre de Hércules, fíxoo aplicando uns criterios científicos, demostrando un respecto total pola integridade do faro e mantendo a súa autenticidade. Por iso, a intervención, lonxe de restarlle valor, supón un atractivo máis, porque demostra a sensibilidade dos homes e mulleres do século XVIII ao intervir no patrimonio construído.

Valor universal excepcional

Os bens que forman parte da Listaxe de Patrimonio Mundial teñen que demostrar un valor universal excepcional que os fai diferentes a calquera outro ben e que xustifica o criterio polo que o Comité de Patrimonio Mundial decide inscribilos.

No caso da Torre de Hércules, o seu valor universal excepcional reside en que é o único faro romano do mundo conservado que continúa funcionando na actualidade e en que é, ademais, un caso paradigmático dunha intervención arquitectónica nun monumento da Antigüidade. Isto último refírese á restauración do século XVIII, realizada por Eustaquio Giannini, quen aplicou criterios científicos, mantendo a súa autenticidade e demostrando así un respecto total pola integridade do faro.

Por todo iso, a Torre de Hércules achega á humanidade o coñecemento da evolución da técnica de sinalización marítima desde a época romana ata os nosos días. Neste sentido, a Torre é un referente excepcional a través do cal é posible estudar o desenvolvemento e a evolución dos diferentes sistemas de sinalización e de axuda á navegación desde os comezos de nosa era ata a actualidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión