21 de xuño de 2023
Os veleiros peregrinos da edición 2023 de "El Camino a vela", con máis dun cento de participantes a bordo, chegará á Coruña mañá, xoves 22 de xuño pola tarde, procedentes de Cedeira onde o grupo goza hoxe da riqueza cultural e gastronómica desta localidade
A Coruña vístese de azul coa presenza na cidade dos peregrinos por mar que participan este ano na experiencia de turismo azul sostible "El Camino a Vela" e que recalarán cara ás 17.00 horas do xoves día 22 de xuño no Real Club Náutico.
Na xornada do venres, 23 de xuño, coincidindo con San Xoán, a cidade galega desprega un completo programa de actividades amosando a súa involucración no impulso do turismo azul sostible e na sensibilización pola educación e a economía azul nas que se enmarca.
Tras un almorzo ofrecido ás 10.00 h no Real Club Náutico aos peregrinos onde se realizará o selado de credenciais, na sede da Autoridade Portuaria terá lugar a partir das 11.00 h a presentación oficial da asociación Educación Azul.
Pola tarde, os peregrinos por mar gozarán dunha excursión na que visitarán a emblemática Torre de Hércules, acompañados por representantes do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade.
Desde a súa chegada á costa galega, o pasado domingo 18 de xuño, os peregrinos de "El Camino a vela" recalaron en Ribadeo e en Cedeira. Tras o seu paso pola Coruña, continuarán a súa singradura cara a Santiago onde chegarán o 29 de xuño, pasando nos próximos días por Muxía, Muros, Boiro e Vilagarcía de Arousa, onde remontarán o río Ulla, emulando a Traslatio. Finalmente percorrerán a pé a última etapa, de Padrón a Santiago, para culminar a oitava edición desta experiencia sostible de turismo azul.