3 de xullo de 2023
A cidade herculina acolle o festival referente do noroeste peninsular, o Atlantic Pride, e un programa de exposicións, obradoiros e presentacións literarias
Na Coruña, as actividades polo Orgullo 2023 aínda non finalizaron. Esta semana a cidade herculina acolle unha nova edición do Atlantic Pride, o festival coñecido como o 'Orgullo do Norte' e que é xa referente no noroeste peninsular.
Despois da súa inauguración na Fundación Luís Seoane, coas actuacións de Señora DJ, La Prohibida & Algora e Joe Crepúsculo, este evento musical continúa entre a praza de Pontevedra e os xardíns de Méndez Núñez con sete días de concertos. Fillas de Cassandra, MorenoMoreno DJ, Kelly Amethys ou Jeän Fixx, soarán de luns a mércores na céntrica praza xunto ao instituto onde Picasso comezou a pintar.
O xoves, o Atlantic Pride trasládase aos xardíns de Méndez Núñez, por cuxo escenario pasarán ata o domingo Locomía, Samantha Ballantines, Soraya, La La Love You, Agoney, Melody, Fórmula Abierta, Amistades Peligrosas e DJ Flashback, entre outros.
Esta edición do festival comezou xa cunhas excelentes cifras de asistencia, cubrindo a capacidade para as primeiras sesións na Fundación Luís Seoane. No 2022 unhas 35.000 persoas gozaron na Coruña do Atlantic Pride e para este 2023 agárdase que mesmo máis visitantes e coruñeses se sumen ao 'Ogullo do Norte'.
Actividades polo Orgullo coruñés
A este festival, único no noroeste de España, súmase unha extensa programación de actividades polo Orgullo. A Coruña aposta pola diversidade e a visibilización creando un Orgullo aberto e participativo cun programa que inclúe exposicións, obradoiros e proxeccións.
Os días 5 e 6 de xullo, a cidade pon en marcha a iniciativa 'Librarías Orgullosas' con dúas citas: Neé Barros na libraría Berbiriana presentando 'Nom estamos quebrades' e Luís Maura na libraría Nobel con 'Niño Santo" e "Nido de Pájaros'. Por outra banda, o 13 e o 22 de xullo A Coruña programará dous talleres de temática LGTBI+ no Espazo Diverso da zona vella da cidade, con 'É un orgullo romper os meus medos contigo' de Lucinda Rey o primeiro día e unha actividade centrada no debuxo con Greta Debelius o segundo.
Despois do Atlantic Pride, a música seguirá soando o 15 de xullo na cidade de Elisa e Marcela na Fundación Luís Seoane co ciclo 'Orgullo Les', que trae á Coruña a La Negri e a Lola La Yaya Dj. Ese mesmo día o Coro Coruña Cores e o Coro Cantabile actuarán pola mañá na praza de Lugo, completando a feira de asociacións do colectivo que converterá este espazo no epicentro da divulgación e o activismo LGTBI+.
Tamén haberá tempo para as proxeccións no Orgullo da Coruña. Durante tres días, entre o mércores 18 e o xoves 20, a praza de España será nunha sala de cinema ao aire libre co ciclo 'Cinema con Orgullo' que inclúe '20.000 especies de abejas', de Estibaliz Urresola, 'Cros Dreamers' de Soledad Velasco e 'Alex & Munchie contra ou chisheteropatriarcado', de Carme P. Granxeiro con Xácia Paris Ceive.
Ademais, xa se pode gozar en pleno centro da Coruña, na rúa Compostela, da exposición 'Álbum familiar', cunha selección de fotografías da coruñesa Lestonnac Ibáñez que rememora os 18 anos desde a aprobación do matrimonio igualitario en España. Poderase ver ata o 16 de xullo.