Concello da Coruña

Concello da Coruña

Contemporáneo

A Coruña é pura creatividade, unha cidade que arquitectonicamente falando, sempre foi e será unha urbe de vangarda. Nos séculos XX e XXI, un nutrido grupo de arquitectos influenciados polas correntes vangardistas internacionais deixarán a súa pegada na cidade, apostando por unha arquitectura contemporánea que destaca pola súa funcionalidade, simplificación nas formas e ausencia de ornamentación.

Xorden novas técnicas e materiais que conviven coas tradicionais, e aparecen sedes corporativas que corren en paralelo coas correntes construtivas europeas e norteamericanas do momento.

No teu percorrido poderás admirar exemplos significativos. Aquí amosámosche algúns deles:

Centro Ágora

É un edificio moi aberto, cunha arquitectura diáfana que se abre con grandes espazos en vidro para mimetizarse coa contorna. Deseñado polos arquitectos Luís Vermello de Castro, Begoña Fernández-Shaw Zulueta e Liliana Obal Díaz, na súa proposta quixeron preservar os valores paisaxísticos e da contorna na que se sitúa.

Este carácter aberto, accesible e sostible do edificio combina moi ben co modelo de equipamento cívico, social e cultural, coas funcións e tamén cos valores fundacionais que lle dan sentido ao Centro Ágora .

Converteuse nun referente arquitectónico na cidade e un espazo para o goce de todas e todos, xa que conta con auditorio, biblioteca, salas de uso común e actividades recreativas.

Recomendámosche visitalo se che gusta saír das zonas típicas para coñecer, xa que non está no centro da cidade.

O Obelisco Millenium atópase no Paseo Marítimo da cidade, mirando cara a Torre de Hércules, no outro lado da baía.

Obra do arquitecto Antonio Desmonts, construíuse no ano 2000 para conmemorar a chegada do novo milenio. Cunha altura de 50 metros, nos seus 178 paneis de vidro deseñados por Gerardo Porto nárranse escenas da historia da Coruña.

Afundación

A sede da Fundación Abanca, proxectada polo arquitecto Nicholas Grimshaw, é unha reinterpretación futurista das Galerías da Mariña, unha imaxe moi característica da cidade.

Como unha onda conxelada de aceiro, vidro e mármore, o edificio elévase a unha altura de seis pisos. É  impresionante chegar ata o máis alto do edifico nos seus ascensores de cristal.

Grimshaw quixo facer outra chiscadela á tradición comunicando dúas rúas (e dous mares) a través da planta baixa do edificio, o Cantón Grande e a Estrela, comezo da zona de viños.

Un edificio cheo de personalidade e de luz, que acolle exposicións, conferencias, concertos, ciclos de cinema e outros eventos de interese.

Fundación Luís Seoane

Edificio deseñado polos arquitectos Covadonga Carrasco e Juan Creus sobre o antigo Cuartel de Macanaz. Só se conserva o patio de armas arredor do que se articulan os diferentes espazos da fundación.

O exterior evoca un gran hórreo con celosías de vidro, conectando así coa contorna no que se sitúa, o Casco Antigo.

Museo de Belas Artes

Deseñado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto. O edificio construíuse sobre as ruínas do Convento das Capuchinas do século XVIII, parte do cal foi recuperado e integrado no novo edificio.

O museo circunda un gran patio central, iluminado por un lucernario,  arredor do que se distribúen as salas de exposición. Dispón de 6 salas de exposición permanente e dúas salas para albergar exposicións temporais. Foi galardoado co Premio Nacional de Arquitectura en 1997.

Domus

Deseñado polo arquitecto xaponés Arata Isozaki, gañador do Premio Pritzker de Arquitectura. O edificio Domus alberga a Casa do Home, un museo interactivo dedicado monograficamente ao ser humano.

Levántase sobre un macizo rochoso fronte á baía de Orzán. A súa singular fachada, que se asemella a unha gran vela inflada polo vento, está cuberta con laxas de lousa. Fronte a ela, unha grande escalinata funciona como balcón e miradoiro ao mar.

A súa fachada traseira aseméllase a unha pantalla, e encaixa así cos edificios circundantes.

O museo divídese en dúas partes que se definen a través dunha claraboia. Nestes espazos distribúense as salas de exhibición, cinema 3D e un laboratorio aberto.

Desde o interior, catro grandes ventás permiten gozar dunhas vistas privilexiadas ao mar.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión