Unha homenaxe ás historias da emigración das mulleres galegas
Para público en xeral
Dende o 11/03/2026 ata o 03/05/2026
Luns a domingo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 h.
Quiosco Alfonso. Xardíns de Méndez Núñez 3, Bj. 15006 A Coruña
Xardíns de Méndez Núñez 3 Bj.
15006 A Coruña
Tfno: 981 189 898
kioscoalfonso@coruna.gal
Emigrantas: Emerxer do silencio propón un percorrido a través de arquivos históricos, fotografías, instalacións artísticas, materiais audiovisuais, cartas, obxectos persoais e testemuños gravados, que permiten reconstruír as múltiples formas de partir, traballar, crear, resistir e retornar das galegas que viviron a emigración. A exposición detense nas experiencias cotiás e colectivas: o traballo, a aprendizaxe, a organización social, os coidados, a escritura e a transmisión da memoria. Ao tempo, poñen en valor o labor das investigadoras, historiadoras e creadoras que fixeron posible recuperar estas voces, revisando arquivos, listas de pasaxeiras e percorrendo vilas e territorios de todo o mundo na procura dos relatos das emigradas.
O resultado é un diálogo entre patrimonio documental e creación contemporánea, que convida a mirar con atención e a interrogar os silencios herdados, construíndo unha memoria compartida que contribúe a comprender mellor o presente.
A mostra poderase visitar no Quiosco Alfonso, no seu horario habitual, con entrada gratuíta ata o 3 de maio.
ACTIVIDADES DE CLAUSURA
Taller familiar: Cartografía téxtil para as emigrantas
Taller participativo dirixido a familias, no que, a través do traballo con tea e técnicas sinxelas de colaxe téxtil inspiradas nas pezas de Carmen Arias de Castro, "Mimina", construirase un mapa colectivo de historias reais de emigración vinculadas ás experiencias familiares e afectivas das persoas participantes. A actividade aborda a emigración como experiencia vital, intergeneracional e emocional, fomentando a creación colectiva e a transmisión da memoria.
Visitas guiadas á exposición
As visitas guiadas ofrecen un percorrido comentado pola exposición, contextualizando as pezas e os discursos expositivos sobre os procesos migratorios, con especial atención ás experiencias das mulleres emigrantes.
Presentación da revista EMIGRANTAS: EMERXER DO SILENCIO
Presentación pública da revista editada con motivo da exposición EMIGRANTAS: EMERXER DO SILENCIO, concibida como soporte editorial complementario da mostra. A publicación amplía e contextualiza os contidos expositivos, ofrece lectura especializada e funciona como memoria documental do proxecto, sendo un material esencial para o labor divulgativo e educativo asociada á exposición.
A revista recompila historias, testemuños e información biográfica de diferentes "emigrantas", permitindo profundar nas experiencias da emigración feminina e poñendo en valor as súas traxectorias e memorias.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible