Concello da Coruña

Concello da Coruña

Axenda | Evento

Opcións

Qué?
Cuándo?
Dónde?
Distancia (metros)
É necesario que proporcione a súa localización actual para usar esta opción

#LunsDeEncontros: Presentación dos novos libros de Eduardo Caamaño

#LunsDeEncontros nace co obxectivo de ofrecer un espazo cultural aberto á cidadanía, cedendo un lugar para o desenvolvemento de actividades de promoción lectora, formación e aprendizaxe.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

04/03/2024

Xa rematou

Inscricións:

Acceso libre ata completar capacidade

Horario:

De 19.00 h a 20.00 h.

Enderezo:

Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano. Rúa Río Monelos 1. 15006 A Coruña

Contacto:

bforum@coruna.gal

Tel.: 981 184 298

O luns 4 de marzo ás 19 h. na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano teremos a presentación dos dous novos libros de Eduardo Caamaño, as biografías de Santos Dumont e Edgar Allan Poe.

SINOPSE:

Santos Dumont: El rey de los cielos.

Alberto Santos Dumont foi un autodidacta que se moveu por diversos campos como o deseño industrial, a mecánica, a ciencia e o deporte. A súa historia, ademais, ten todos os ingredientes dunha gran epopea: un neno criado entre os cafetais dunha facenda no interior de Brasil que se converteu nunha das personalidades máis influentes do seu tempo.

Admirador confeso de Xulio Verne, demostrou habilidades sorprendentes e pouco comúns desde unha idade temperá: aos trece anos era capaz de conducir locomotoras e reparar a maquinaria agrícola da facenda familiar; aos dezaoito, converteuse nun dos primeiros condutores de automóbiles en Brasil e aos dezanove comezou a deseñar globos e dirixibles innovadores que desafiaban as limitacións e caprichos do vento.

Nun período de pouco máis de dez anos, Santos Dumont levou a cabo unha auténtica revolución no campo da navegación aérea ata conseguir descubrir os segredos que fixeron posible dominar definitivamente o ceo: noutras palabras, foi o inventor do primeiro aparello máis pesado co aire capaz de despegar, voar de forma controlada e aterrar polos seus propios medios, unha fazaña sen precedentes que abriu as portas á era da aviación e marcou un fito na historia da humanidade.

Esta biografía, ricamente ilustrada e que se le como unha novela, ofrece un detallado percorrido pola súa vida, desde a súa infancia nos cafetais de Brasil ata a súa inesperada e misteriosa morte aos 59 de idade.

O lector coñecerá en detalle todos os desafíos científicos do seu tempo, as súas conquistas memorables, os seus fracasos estrepitosos e a súa disputa cos irmáns Wright por obter o recoñecemento da historia como o inventor do avión, unha controversia que aínda perdura na actualidade. Todo iso acompañado de divertidas anécdotas, curiosidades da época e facetas da súa vida que se revelan por primeira vez no noso idioma.

Edgar Allan Poe: La biografía definitiva del maestro del terror (Almuzara Libros)

Edgar Allan Poe é unha das figuras máis tristes e enigmáticas da literatura mundial. Gañouse a vida como poeta, crítico, editor e xornalista, e é recoñecido como un dos mestres universais do relato curto. Foi un pioneiro no seu país e o primeiro escritor estadounidense de renome que tentou facer da escritura a súa forma de vida.

Renovou a novela gótica, inventou o relato detectivesco e realizou importantes contribucións ao xénero emerxente da ciencia ficción. Tamén tivo interese en campos tan dispares como a cosmoloxía, a criptografía e o mesmerismo, aínda que o seu nome pasaría á posteridade grazas aos seus arrepiantes contos de terror, nos que retrata con singular mestría a morte en todas as súas formas e manifestacións: a morte natural, a premeditada, a misteriosa, a accidental, a plácida, a truculenta e a maldita.

A súa obra e legado foron asimilados pola cultura popular a través da música, o cinema, o cómic, a pintura e a televisión, asegurándolle unha fama póstuma como xamais podería imaxinar. A súa obra tamén exerceu unha enorme influencia na literatura da súa época grazas á obsesión que tiña pola forma e a estética da súa escritura, o que lle permitiu compoñer poemas de notable beleza como The Raven, unha auténtica obra de arte literaria que, xunto a outras de similar transcendencia, marcarían o camiño para os autores que virían despois, como Arthur Conan Doyle, Franz Kafka, XulioVerne, H.P. Lovecraft e Charles Baudelaire, entre moitos outros.

Nesta amena biografía, ricamente ilustrada, o lector mergullarase na historia dun xenio flotante e melancólico que tivo que soportar continuas penurias económicas, mortes insuperables, amores complicados e numerosos conflitos emocionais que fixeron da súa vida unha existencia penosa e, en ocasións, insoportable.

Tamén se coñecerán curiosas anécdotas da súa época, a orixe das súas obras máis relevantes e as reviravoltas da súa estraña morte en 1849, cuxa causa exacta nunca se soubo determinar.

Eduardo Caamaño:

Naceu en Río de Xaneiro en 1972, é economista, especialista en Creación Literaria pola Universidade Camilo José Cela e autor das biografías de Manfred von Richthofen (o Barón Vermello), Harry Houdini, Arthur Conan Doyle, Agatha Christie e Santos Dumont.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión