20 de octubre de 2020
Os descontos chegarán ata o 50% e duplicarase o importe máximo por establecemento
O concello ampliará a campaña dos bonos de desconto do Plan de reactivación económica e social ata o 31 de decembro co obxectivo de que o pequeno comercio e a hostalaría poida seguir beneficiándose desta iniciativa da que xa forman parte máis de 700 establecementos e máis de 24.000 particulares.
Esta mañá reuniuse a comisión de seguimento dos convenios coas entidades colaboradoras FUCC (Federación Unión de Comercio Coruñesa), Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña e a Fundación Emalcsa para avaliar o funcionamento desta iniciativa dous meses despois da súa posta en marcha. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, sinalou que "seguindo a prioridade marcada pola alcaldesa, Inés Rey, de estar preto do pequeno comercio, da hostalería e da industria cultural neste momento tan complexo, decidiuse atender as súas demandas e ampliar a campaña dos bonos ata o 31 de decembro, así como duplicar o tope de gasto por establecemento, ata os 6.000 euros no pequeno comercio e na hostalaría e ata os 10.000 euros no caso de cultura".
Co obxecto de dinamizar o uso dos bonos, o concelleiro destacou que "se incrementarán as contías dos descontos para facer aínda máis atractivo o seu uso por parte das e dos cidadáns". Deste xeito, o desconto do Bono Comercio será de 15 euros por compras iguais ou superiores a 30 euros, o Bono Hostalaría será de 5 euros por compras superiores a 10 euros e co Bono Cultura poderase acceder a descontos do 50% en produtos culturais a partir dun gasto de 10 euros, sen IVE, co obxectivo de fortalecer o consumo e a industria cultural.
Por último, o concelleiro sinalou que tamén se estenderá a caducidade dos bonos ata o 31 de decembro ao mesmo tempo que se reactivarán os bonos expirados que non estivesen gastados. "Queremos que os 1.670.000 euros consignados cheguen de forma directa aos sectores que máis o precisan e por iso animamos a todas as coruñesas e coruñeses a usar os bonos no comercio local da cidade".
O programa de bonos vai dirixido a todos os establecementos de autónomas/os ou microempresas da cidade e os bonos poden ser descargados por calquera persoa maior de 14 anos que se dea de alta na web (presco.gal).
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible