2 de julio de 2026
O pleno aprobou hoxe a modificación puntual do Plan Xeral no ámbito, onde se recalifica solo terciario co obxectivo de incrementar a bolsa residencial dispoñible
O Concello dá un paso máis na súa liña de acción para promover a creación de máis vivenda pública na cidade da Coruña. Concretamente, no barrio de Xuxán, que será obxecto dunha modificación puntual no Plan Xeral para facilitar a construción de 500 novos pisos protexidos.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, informou hoxe dos cambios que incorpora esta adaptación do PXOM en Xuxán, onde unha das principais novidades será a recalificación de solo terciario para, precisamente, propiciar o incremento da bolsa residencial dispoñible.
Ademais, a modificación aprobada de forma provisional no pleno ordinario deste xoves, dará cumprimento ao convenio que se asinou cos propietarios orixinais das parcelas situadas na marxe dereita do ámbito, que se ordenará como núcleo rural para conservar as vivendas alí existentes.
Outro dos eixes clave que sustenta esta adecuación puntual do PXOM en Xuxán é que se adapta o bordo lindeiro a Alfonso Molina para incorporar tanto o proxecto que está en execución na avenida como para permitir o futuro vial que debe conectar directamente co desenvolvemento de Xuxán, un aspecto clave para a mobilidade do barrio.
Na súa intervención, Francisco Díaz Gallego tamén fixo fincapé no compromiso amosado polo Goberno de Inés Rey nas súas conversas co IGVS, para que esta modificación permita manter usos terciarios nos baixos, "unha medida fundamental para garantir a dinamización do barrio, especialmente nun como Xuxán, que é de nova creación".
Avances para a construción de máis vivenda pública nos Rosales
Tamén esta mañá, o pleno aprobou o estudo de detalle correspondente á ordenación dos volumes edificables na parcela 5-D da rúa Emilio González López, no barrio dos Rosales.
Na súa quenda de intervención, Díaz Gallego lembrou que o Concello vén dando pasos firmes para executar a edificabilidade prevista neste ámbito. Primeiro, promovendo a recuperación do antigo esqueleto urbanístico existente na zona, abandoado desde a crise financieira do ano 2008 e que, tras máis case dúas décadas sen avances, conta con licenza para a súa rehabilitación xa desde o ano pasado.
Por outra banda, o edil apuntou que nesta parcela tamén está a superficie municipal cedida polo Concello ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para crear máis vivenda pública. Concretamente, máis de 60 en virtude desta cesión.
Axustes no desenvolvemento de Visma próximo aos Mariñeiros
Tamén en materia de desenvolvemento urbanístico, o pleno deu luz verde ao estudo de detalle da zona Z4-R15, no polígono de Visma.
O estudo, que estima a modificación de volumes nos bloques de edificios máis próximos ás vivendas de Mariñeiros, incorpora achegas do Concello atendendo ás peticións veciñais, co obxectivo de adaptar as futuras construcións á súa contorna.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible