7 de septiembre de 2022
O Goberno municipal porá a disposición dos nenos e nenas do colexio o parque infantil da praza de Pontevedra para que teñan un espazo de lecer mentres a Xunta non remata os traballos, que tiñan que estar finalizados antes do inicio do curso
O Concello da Coruña, a través da súa Concellería de Educación, púxose en contacto coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia para ofrecerlle un espazo alternativo para que o alumnado do colexio Eusebio da Guarda poida comezar as clases este xoves con normalidade. As obras que tiña previsto rematar a Xunta no centro antes do inicio do curso escolar acumulan atrasos, polo que o centro non está operativo na súa totalidade e as nenas e nenos carecen de espazos de lecer e descanso.
O Goberno municipal lamenta as molestias que están a vivir moitos pais e nais ante a incerteza do inicio do curso escolar, despois de que a dirección do centro propuxese o seu atraso ao próximo luns pola demora das obras que a Xunta está a levar a cabo e que xa deberían estar rematadas. O Goberno de Inés Rey amosou a súa preocupación por esta situación e ofrécelle alternativas á Administración autonómica para evitar o dito prexuízo. Así, mentres non rematen as obras, o executivo municipal pon a disposición do centro o parque infantil da praza de Pontevedra, que será valado para uso exclusivo do centro durante o horario escolar.
Pola súa banda, o Concello da Coruña, a través dos servizos de Educación, Medio Ambiente e Infraestruturas, traballou desde o comezo da tempada estival na execución de melloras na contorna e os recintos interiores de dez centros educativos da cidade, co obxectivo de acondicionar os accesos e instalacións de cara ao vindeiro curso que comeza esta semana. No que vai de ano, e xunto con esta serie de traballos en execución, o Goberno de Inés Rey executou investimentos por 660,986,72 euros para traballos de mellora e acondicionamento entre os colexios e escolas infantís da cidade. Todas as obras municipais foron concluídas antes do inicio do curso escolar.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible