1 de julio de 2026
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, visitou esta mañá ao persoal que atende o posto de actividades, no que se habilitou unha pequena ‘biblioteca verde’ con préstamo de libros
Hoxe ábrese na praia de Riazor o posto que acolle o programa de educación ambiental que impulsa o Concello durante a tempada estival, que ten como obxectivo achegar ao público de todas as idades a actividades de divulgación sobre o respecto á contorna natural.
A caseta funciona durante os meses de xullo e agosto en horario de mañá, e para acceder ás súas actividades hai dúas vías. Por unha banda, calquera persoa pode achegarse ao posto-situado xunto ao posto de seguridade dos socorristas na praia de Riazor-, a participar en actividades e talleres ou a tomar prestado un libro para a súa xornada de praia, mais tamén é posible reservar en liña actividades para grupos a través do correo electrónico educacionambiental@coruna.gal.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, visitou hoxe ao persoal que atende a caseta, na xornada inaugural deste veterano programa de educación ambiental, que tamén é unha das circunstancias destacadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para concederlle a bandeira azul ás praias urbanas da Coruña.
"Levar a educación ambiental a pé de praia amosa o compromiso do Goberno municipal para achegar a educación ambiental a todos os públicos, sexa cal sexa a súa idade e en todos os espazos públicos", destacou Neira.
Nesta edición, a instalación acolle unha exposición sobre a contaminación de plásticos no mar e conta cunha 'biblioteca verde' en colaboración co servizo de Bibliotecas Municipais, outras dúas iniciativas promovidas coa finalidade de concienciar a escala interxeracional.
Ademais, na caseta, o Concello ofrece un amplo abano de actividades para todas as idades, impartidas por monitores formados en Educación Ambiental, co respecto ao mar, a biodiversidade e o coidado da contorna como eixes condutores. A iniciativa forma parte da ampla oferta educativa e formativa que o Goberno de Inés Rey deseñou este verán para todas as idades.

11 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible