Concello da Coruña

Concello da Coruña

Axenda | Evento

Opcións

Qué?
Cuándo?
Dónde?
Distancia (metros)
É necesario que proporcione a súa localización actual para usar esta opción

Festival "Pola paz e contra as guerras"

Festival "Pola paz e contra as guerras": música, humor e artes circenses, acrobacias, maxia e ilusión.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

01/10/2023

Xa rematou

Horario:

19.30 h 

* Pídese puntualidade. Unha vez que comece o espectáculo non se permitirá o acceso. 

Duración:

75 min

Prezo:

Este festival, como toda a programación Agra no Ágora, de colaboración entre a Asociación Veciñal Agra e o Concello da Coruña, ten a entrada libre e gratuíta.

Organiza:

Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán "Agra"

Contacto:

agra@galizacultura.gal

...e uns pobos quixeron ter o dos outros, e desexaron ser máis poderosos que os outros, e entenderon que debían construír ferramentas para eliminar a todos os que non pensasen coma eles ou non aceptasen o que eles querían. Chamáronlles "armas". E foi o momento no que apareceu a propiedade privada que xerou múltiples enfrontamentos, que lles deron en chamar "guerras"...

E aquí estamos hoxe a decidir se queremos ser parte da humanidade ou da inhumanidade.

De que lado estás ti?

A actriz Diana Sieiro conduce a gala "Pola paz e contra as guerras" e presenta diferentes artistas que nos ofrecen unha mostra de diversas artes escénicas:

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. En 1997 entra a formar parte de Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e grava con eles tres discos. Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001) foron calorosamente recibidos pola crítica e merecedores de varios premios e recoñecementos (entre eles, o de Mellor Grupo Folk Europeo de 2000 e unha candidatura aos Grammy Latinos de 2002). En 2006 publican 10.0, que acadou o 2.º Premio Opinión ao Mellor Disco Galego do ano e foi candidato aos Premios da Música co seu tema "Xente". Naquel momento, Guadi xa comezaba a experimentar con diversas sonoridades en formacións como o seu proxecto máis íntimo e persoal, "Espido" (con Guillerme Fernández) ou "Nordestin@s" (con Abe Rábade e Ugia Pedreira), ambas tamén galardoadas co Premio ao Mellor Disco Galego. En 2009 sae á luz "Benzón", álbum aclamado pola crítica galega e española co que inicia a súa carreira en solitario, sen deixar de participar noutros proxectos. En 2012 únese aos músicos Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero para formar o grupo aCadaCanto. Con eles edita un disco homónimo, e outro en 2013 titulado "A rosa d'Adina", no que musicaron versos de Rosalía de Castro. Reciben ese ano o Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor. En 2014 publica o seu segundo traballo en solitario, "Lúas de outubro e agosto", e en 2016 (ano no que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor), sae o terceiro, "O mundo está parado". Este disco viaxa do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia, elaborando unha sonoridade envolvente con matices pop que reaparecen no EP "Bóla de cristal" (2018). Para estes tres traballos, conta coa presenza na produción do xienense Pachi García. En 2015 recibe o Premio da Crítica Galicia na categoría de Música. En outubro de 2019 publica Immersion, un traballo no que reinterpreta temas dos seus tres discos anteriores cantados en sete linguas peninsulares: galego, catalá, castellano, asturianu, aranés, éuscaro e portugués. Neste traballo conta coas colaboracións de numerosos artistas: Alex Insua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Iván Ferreiro, Silvia Quesada, Alfredo González, Alidé Sans, Javier Otero, Lisandro Aristimuño, Germán Díaz, Mikel Urdangarín, Andrés Suárez, Ana Bacalhau, Abe Rábade, Sisters in the house e Xabier Díaz. Por este traballo foi galardoada co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020. Este ano volve recibir o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Indie/Pop. O 20 de novembro de 2020, publicou o seu 5.º disco en solitario, Costuras. Ao igual que o anterior, Guadi traballa neste disco cos produtores cataláns Vic Moliner e Pau Brugada (Olivera Estudi). En 2022 publica o seu último traballo Roibén, actualmente en xira.

Isabel Risco, actriz, clown e pedagoga teatral. Recibiu varios premios: Mestre Mateo 2013 á Mellor Interpretación Feminina de Reparto pola personaxe de dona Hortensia en Era visto!, producida por Zopilotes para TVG; Premio á Mellor Actriz na XXVI edición do FETEGA 2015 (Festival de Teatro Galego do Carballiño) polo papel en O furancho, de Ibuprofeno Teatro; III Premio Luisa Villalta pola Igualdade da Deputación da Coruña 2021 por Bravas, de Maquinaria Pesada; Premio "Rir contigo" 2022 do Festival Internacional de Curtas RIR de Allariz. Nesta gala participa coa súa personaxe Nabiza Girl, unha superheroína galega e por accidente; os seus superpoderes deullos a casualidade e a vida de traballo no campo e nas leiras e predios; iso, unido ao seu carácter algo bravo, aínda que hai cousas que lle poden chegar a derreter o corazón, fanlle traballar sen acougo na persecuión do mal. Pero ela ten unha visión moi particular do mal, ten a súa propia filosofía da maldade, e sabe focalizalo con rapidez e sen dubidalo.

Mago Teto é un dos magos máis veteranos e relevantes a pesar da súa mocidade. Habitual na televisión desde os seus comezos, goza de gran popularidade e recoñecemento. Ademais, falamos dun mago con espectáculos de rúa (como O afiador) ou de gran formato para teatros (A maxia da Santa Compaña) e todoterreos como os seus clásicos Tolemaxias e Perto de ti. Teto é un dos perfís máis completos e orixinais da maxia polo seu humor, personalidade e nivel técnico.

A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía, é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do teatro, o clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras. Cada gala de Pallasos en Rebeldía é un evento cultural cargado de arte, conciencia e loita. Ofrecen 75 minutos de espectáculo con música, circo, humor e moita reivindicación. Son actos de transformación para concienciar da realidade de países como Palestina e do Sáhara a través do circo e do humor, mais non só deses países, senón de todos os que cada día viven a guerra. Pallasos en Rebeldía é un proxecto de circo internacional que traballa ao lado dos pobos e colectivos que combaten o sistema global de terror. Defenden a libre mobilidade dos seres humanos, a liberdade dos pobos para autoorganizarse, a loita contra a marxinalidade dos colectivos empobrecidos nas grandes urbes...

Sue Moreno, actriz, trapecista e bailarina e directora da escola de Acrobacias Aéreas que fundou en 2013 na Coruña, deseña e interpreta os seus propios espectáculos de acrobacias aéreas desde o ano 2000.

Tamén che pode interesar...

Axenda

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión