"Música para o que non está escrito"
Para público en xeral
12/05/2018
Xa rematou
20.00 h
Aquarium Finisterrae (Sala Nautilus)
Inscrición previa (no Aquarium Finisterrae)
Estrea absoluta
Que música escoitaría o capitán Nemo no seu submarino? Era un tolo, un visionario? Sen dúbida sería un enxeñeiro minucioso, alguén que escribiría cartas de coidadosa caligrafía.
Kalligraphies é un concerto único que escribe música debaixo da auga. Un dos espazos máis fascinantes dos museos de ciencia coruñeses é esa sala circular, onde sen dúbida flota o espírito de Verne, rodeada dun tanque de auga con criaturas mariñas do Atlántico, entre elas algúns tiburóns e o seu emblemático tiburón touro que atende por Gastón: a sala Nautilus do Aquarium Finisterrae.
Convidámosvos a mergullarvos na nosa particular Nautilus. A Nautilus de RESIS. Ondulámola con son. As notas cheiran a sal. Os violíns xemen de humidade. Catro millóns de litros da auga atlántica que baña os ósos de Xerión... rodéanvos. Que os rodaballos [Psetta maxima] observen de esguello as vosas reaccións, que o gran tiburón [Carcharias taurus] despregue os dentes como unha soprano arrebatada, que o máxico corno de narval se vos crave no corazón. Que a música flote no voso interior, filamentos de algas, que se disolva coma a caligrafía dunha carta nun galeón afundido.
Non saquedes o periscopio [nin o móbil] cara ao mundo de aí arriba. Quedade aquí, neste gabinete, co tímido anxelote [Squatina squatina] ao que lle gusta Bach e se mimetiza co fondo para chorar feliz; coas xardas irisadas que len haikus; entre douradas [Sparus aurata] dodecafónicas; nestas hidrotopías onde un trino é onda, ondas do mar do Orzán. Onda nunha música para o que non está escrito.
E con quen máis? Con Florian Vlashi (Albania, 1963), por exemplo. El é fillo dun escritor e director de teatro albanés, e o mascarón de proa do recoñecidísimo Grupo Instrumental s. XX, grazas ao cal a música de cámara, experimental e de vangarda -sempre centrada nese século XX intenso e claroescuro [grandes guerras pero tamén profundísimas renovacións musicais]- leva máis de 20 anos escoitándose en Galicia, e non só.
Todos os seus integrantes son músicos que namorarían o capitán Nemo e as caracolas mariñas. Para este concerto, o cuarteto estará formado por Caroline Bournaud, violín, Raymond Arteaga, viola, Rediana Lukaci, violonchelo e Florian Vlashi no violín e a dirección.
Un luxo de tripulación para o gabinete Nautilus: ondas de son e marusía para eses 42 litros de auga que es, adulto sapiens.

16/12/2025

Dende o 14/10/2025 ata o 16/12/2025

17/12/2025

17/12/2025

18/12/2025

18/12/2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible